Páxinas

2006/11/28

Don Francisco

A súa terceira muller acaba de deixar a Don Francisco, Pancho para os que somos outra cousa, e convídame a pasar a ponte amosándome os segredos das terras granadinas, eses lugares que xa ensina como un guía turístico profesional despois de ter feito o mesmo percorrido con outras mulleres. Di que non sabe con quen vai quedar a pequena, supoño que coa nai como aconteceu cos seus outros fillos. Anda amolado, pero non tanto como para rexeitar o convite de non sei que alcalde de ir cear e logo tomar unha copa. A noite remata nun prostíbulo de luxo situado nun paseo marítimo ao final dunha estrada rodeada dos mares de plástico onde os inmigrantes converten os seus soños de falsas terras prometidas en caixas de tomates. Pancho é destes que namora da última muller que ve a través do seu vaso e que cando xa o corpo non pode máis di iso de... eu realmente o que necesitaba era falar con alguén. Cóntame que uns xaponeses mercaron o hotel que dirixía e que agora vai traballar para unha multinacional que se dedica a residencias de luxo para persoas maiores en zonas turísticas. Ao mesmo tempo infórmame de que a semana que vén vai andar por Madrid, que o cardiólogo lle deu un toque, que vai ir a un homeópata que hai na capital que che fai deixar de fumar nunha sesión, que ten a cita o xoves pero que xa sobe a Madrid o martes para divertirse un pouco, que con isto da separación necesita distraerse un chisco non vaia ser que caia nunha depresión. Mentres Pancho cura os seus males nas madrugadas madrileñas outros tocan ritmos alleos baixo os invernadoiros.
[Fotografía de inmigrantes no Ejido.]

2006/11/27

Helena

Helena e Gómez comunícanse e ámanse a través da rede, só así existe a súa relación. Helena sempre agarda por Gómez, de día como secretaria obediente e polas noites, e nas súas propias palabras, como unha porca de páxina web de pago. É unha sumisa agardadora entregada en exclusividade a un amo que nin sequera é quen de asumir a súa condición. Un home utilitarista que está a anos luz do amor dela e que sen dúbida non a merece. E ela peca da eterna historia do amor calado ao gozar resignada dese amor que non confesa porque no silencio está a súa entrega.
Noutra historia Helena ha de poñer lentes de vidros transparentes e ha quitar a roupa na oficina.
[PD: Xogando co que non é meu.]

Miras


[Fotografía de X]

2006/11/25

Violencia de xénero

A nivel mundial xa os números me perden. No noso estado, a ministra deu datos de dous millóns de mulleres españolas maltratadas polas súas parellas, a cifra está tan fóra de lugar que perdemos o concepto das proporcións.
Se eliminamos, en xeral, as nenas e as mulleres sen parella, que proporción de maltratadas quedaría?
Estatisticamente debería atopar no círculo de mulleres máis próximo a min varios casos de violencia de xénero, repaso, procuro atopar e nos máis achegados, nada, pero en canto falamos de coñecidos xa é outra cousa e empezan a vir á cabeza algunhas caras.
Volvo ao máis próximo, analizo, as intervencións improcedentes en conversas de café, as reaccións fóra de lugar, a agresividade latente... están protagonizadas por mulleres.
Supoño que haberá algo de casualidade na miña percepción sesgada da realidade e moito de que a violencia de xénero é ese inimigo que se agacha tras as portas dos nosos fogares invisible para os que nos rodean ata que é demasiado tarde.
Desfagámonos dos sacos culturais discriminatorios que aínda levamos ás costas
“Cuanto más reñidos, más queridos”
“Quién bien te quiere, te hará llorar”
“Entre marido y mujer no te debes meter”
etc.
Se están ao noso redor, por que non @s vemos?
Miremos ben, non caiamos na arañeira d@s maltratador@s e apliquemos o nivel de Tolerancia 0.

Soñaron que eras ti

Estaba abrindo o portal cando apareceu dando a curva coas luces cara a min, podería ter sido o teu coche, durante uns segundos as meniñas cegas de mirar fixamente os faros soñaron que eras ti... entrei, púxenme cómoda e fumei rodeada do maldito silencio que esqueciches levar na maleta.
[Fotografía de Saudek: The cigar, 1993]

2006/11/22

Molleime

Saín á rúa, chovía moito, cerrei o paraugas e molleime, seguín andando erguendo a cara contra a chuvia, rin vendo a un tipo correr cara a un portal como se o perseguise o demo, molleime máis, fun sen rumbo agardando que a auga trouxese a friaxe, busqueite noutros corpos e deixei a auga correr.

Manderley II

Soñar con volver alí resulta un pesadelo, é angustioso revivir todo o acontecido, e aínda así, Manderley non nos ha abandonar nunca.
Ás veces penso que o realmente terrible é saber que Manderley nunca foi noso, que nós nunca chegamos a posuír un amor como aquel co que ti e ela fixestes desa grandiosa construción un fogar.
Inspirado por Mrs. Doley.

2006/11/21

Os outros

Os días seguen a ser malos, aínda así...
Os outros sempre nos dan unha visión diferente de nós mesmos, moitas veces non é real pero abonda con que nos gustaría que o fose.
Onte descubrín que Aultre Narai puxera este blog nos enlaces de Pés espidos e ao carón do seu nome estas palabras "un paraíso para a alma", emocioneime, non puiden facer por menos.
Gustaríame dedicar este post aos que nos fan ben sen eles saber.
Grazas.
[Fotografía de Hermine GSTEU: Sad]

2006/11/17

Nación

Diferenciación de conceptos elementais para estudantes avantaxados:
Nación e estado non son o mesmo.
E van dar voltas e reviravoltas para dicir que non somos o que realmente somos. E chegarán á conclusión de que somos unha nacionalidade histórica, unha entidade nacional singular, unha nazón de Breogán (pero só de Breogán eh, que ninguén se chame a engano), unha colectividade identitaria, unha realidade indefinible...
Pero isto non será o peor, o peor é que acabarán por conseguir que deixemos de ser o que levamos sendo durante séculos, unha nación.

2006/11/14

O pracer do singular


O exceso de información chega a ser inservible, a facilidade coa que accedemos aos bens culturais mesmo acaba por nos converter en usuarios aborrecidos.
Ir a un museo pode ser unha experiencia marabillosa, ver en tres días os museos dunha gran capital acaba por converter o pracer en algo dificilmente dixerible.
U-los aqueles tempos en que agardabamos ansiosos a saída ao mercado do último disco dos nosos ídolos?
Que se sente ao ter no disco duro do ordenador máis libros dos que nunca poderás ler?
Que se sente ao ter máis minutos de música dos que ha durar a túa existencia?
O tempo foxe sen remedio, mentres...
eu escribo este blog.
Copiado de aquí.

2006/11/13

Manifestación


Feitos: Alguén convocou unha manifestación. Alguén apoiou a manifestación. Alguén non foi á manifestación.
Motivos:
Opción A: Alguén non tiña que ter convocado a manifestación.
Opción B: Alguén non tiña que ter apoiado a manifestación.
Opción C: Alguén tiña que ter ido á manifestación.
Adiante donas e cabaleiros, pasen e fagan as súas apostas, ás copas convida a casa.

2006/11/12

Historias de vida VI: Josefina Gallego

Deixo a sexta entrega da serie de CulturagalegaTV titulada Historias de Vida, dirixida por Xan Leira, de Acuarela Films, e dedicada nesta ocasión á figura de Josefina Gallego.

NUNCA MÁIS

Múdanse os tempos.
Mudáronse as vontades?
Recupero o pasado para seguir demandando o noso futuro.
[Fotografías de X tiradas no Obradoiro o 25 de novembro de 2002]

2006/11/10

2006/11/09

Afástome

Afástome, estou amolada. Gustaríame actuar con normalidade, como se nada tivese pasado, pero non me sae, algo remoe.
Afástome, aínda sabendo que non hei ser quen a non volver.
Afástome ao tempo que me pregunto se saberás/quererás agardar por min.

Compradores fulltime


Pantallas que emiten anuncios mentres os usuarios urinan, podería ser unha idea para completar o baño de alguén.

Vía Kirai.

2006/11/08

Google 2084

Héctor García engadiu "buscar enciclopedias doutros sistemas planetarios", eu engadiría:
- O teu ranking de éxitos e fracasos.

Que engadirías ti?

Vía Kirai.

As obras

Eu, de obras; Blogger, de obras...
Por se volve haber cambios de aparencia que saiban que son totalmente involuntarios.
Aínda non sei como se segue vendo o blog!

Tentación


2006/11/07

Bestas atrevidas

As bestas atrevidas adoitan olvidar as regras do xogo, pouco miradas elas, perdidas na súa ansia por coñecer/dicir/facer, deciden ignorar todo aquilo que se interpón no camiño do seu interese. Vistas así, as bestas atrevidas poderían resultar incómodas e pouco gratas, afortunadamente sempre existe algunha besta cauta, educada e ponderada, disposta a devolvelas ao seu sitio, a ese lugar que lles corresponde e que nunca deberían ter esquecido. E a besta atrevida volve, dócil, as máis das veces sen sequera protestar un chisquiño. O que sempre van ignorar as bestas cautas é o que lles custa ás bestas atrevidas facer o camiño de volta.
[Perdon ao amigo Fisiólogus por pretender achegarme ao que el fai tan ben.]

A feira en números

Un anaco grande de cabaza: 1 euro.
Dúas leitugas da lisa, que non valían moito pero non había leituga ningunha hoxe na feira: 1,50 euros.
Unha coliflor ben boa: 1,80 euros.
Dúas restras de cebolas feituquiñas coma trenzas de nena relamida: 2 euros.
Un quilo de feixóns que son unha regalía para os ollos: 3 euros.
Dous quilos de pementos morróns que enchían de cor unha bolsa toda: 3 euros.
Sete chourizos curadiños afumados, comprados a Sara Ares, da Familia Peña (si, si, os da Casa de 1906), porque lle cadrou: 3,60 euros.
As patacas, das de aquí, irregulares, branquiñas, boas, entre 0,60 e 0,75 levando a caixa enteira.
Xantar (callos e polbo con pan de peso máis bebidas): 12,50 euros.
Pasear pola feira: pracer de balde.
[Fotografías de X]

2006/11/06

Para vostede

[Fotografía de X]
Os post de 2005 enganáronme e os fallos técnicos fixeron o resto. Sinto chegar tarde.
Espero que lle gusten.
Para que saiba onde ir.

Folga día 8

Folga


PARA PODER SEGUIR SENDO

Dillo a Laura

Mudanzas

Supoño que estarei de mudanzas de blog.
Non podo deixar comentarios nos blogs de blogger que aínda non usan o beta.
Espero normalizar a miña situación canto antes, mentres, desculpen as molestias.

Un saúdo a tod@s.

Decisións




Esta mañá tomei dúas decisións, unha mala e outra boa, dígoo así porque foi nesta orde.

Primeira decisión: Vou publicar un post na Selva de Esmelle, ah, que ben! hai un novo sistema de blogger en fase de probas, pois vou activar o beta para saber que novidades ten. Ata aquí todo perfecto.

Segunda decisión: Ais, teño que retomar o tema de migrar o blog para un servidor galego, veña, non o deixarei para máis adiante outra vez, canto antes mellor.

(Despois da inestimable axuda de Goretoxo)

Oh Oh problema, a migración non vai.

(Outra consulta a Goretoxo)

Oh Oh se non tivese cambiado ao novo beta de Blogger xa estaría feito.

Resumindo, que ás veces é mellor meter a man no peto.

(Menos mal que existe Goretoxo)

VIOLENCIA DA NADA


A túa ignorancia demostra que non querías saber nada. Nin sequera sospeitaches nada. Non dixeches nin fixeches nada. Ao mellor cres que ese home me importaba, pois non, para nada. Críaste moi listo e por paspán vas quedar sen nada. Agora non me veñas con esas, nin para iso valiches, nin para iso nin para nada. Cada vez estou máis convencida de que explicarche as cousas non serve de nada. Se pola túa culpa xa nin falamos de nada. Ti na túa burbulla sen importarche nada. Que...non dis nada? Estouche falando para nada? É que contigo o mellor é non facerche caso, total, todo queda en nada. Porque non es digno de nada. E non é que eu quixese nada. Xa mo dicía miña nai, que non valías para nada. O que pasa é que ela quería verme cun home que non deixase que me faltase de nada. O que me amola é ter perdido todo este tempo para nada. E agora...
Non me importa NADA.
[Música de Fangoria, do disco El extraño viaje de 2006, o tema Nada más que añadir]

powered by ODEO
(Este post é a resposta a unha proposta de Náufrago para encher a súa NADA)

2006/11/05

Presinto

Ás veces presinto que agardas, aí, por min, esperando respostas que non podo darche, verdades que aínda non coñezo. E as túas preguntas remoen en min mentres me alimento das túas miserias.
Canto non daría por saberte feliz!
[Fotografía de Jeff Burton: Sen título: 2000]

Pedro de Llano

"Estamos", asegura, "ante a morte dunha orde natural eterna, onde a arquitectura estaba perfectamente integrada na paisaxe natural. Ante esta violentación, como nunha cadea de atentados, estamos vendo como Galicia se vai convertendo nun vertedoiro de operacións cheas de ignorancia de todo tipo".
Se rompemos unha paisaxe que custou séculos contruír e non facemos nada por transformala, destrruímos un dos nosos maiores signos de identidade
Séntese, en especial, moi desilusionado co Goberno do bipartito. "Todos estabamos intentando chegar a un cambio e entendiamos que ese cambio consistiría na achega de ideas ilusionantes, de ilusionar o país". Pero o único que observa son "administradores máis honestos dos que había antes, con capacidade de poñer máis orde, pero neste momento diría que carecen de ideas".
A destrución segue avanzando -asegura- e o que máis o enfurece -mesmo "sufro"- é ver un goberno "malversando o noso patrimonio económico para construír a Cidade da Cultura que, todo hai que dicilo, é unha moi mala arquitectura. Somos moitos os galegos que nos sentimos agredidos coa política que o noso goberno está a seguir". As obras do Monte Gaiás, ademais, "van deixar unha cultura escuálida, nunha situación horrenda, porque traga un terzo do presuposto total da área. Iso é realmente a concepión que pretendo combater coa miña defensa da arquitectura popular.
[Fotografía de Fernando Blanco]

Historias de vida V: Manuel Martínez Lamela

Deixo a quinta entrega da serie de CulturagalegaTV titulada Historias de Vida, dirixida por Xan Leira, de Acuarela Films, e dedicada nesta ocasión á figura de Manuel Martínez Lamela.

2006/11/02

Eu quería

Eu quería pasear pola exposición 'Hábito de estrelas. Cine europeo do século XX visto polos seus deseñadores de vestiario', que organiza a Fundación Bilbao 700 e que se insire nos actos do Festival de Cine Documental e Curtametraxe de Bilbao. Encantaríame poder ver de preto esas pezas froito de estudo, confeccionadas co esmero da inmortalidade no cine, tecidos aos que os mitos lles deron vida.
Pero non vai poder ser.

Lentes escuros