Páxinas

2006/10/31

Samaín

Os universos literarios


Estes marabillosos anuncios son da libraría Anagram de Praga, non se pode negar que saben ofrecer os mundos que pode agachar un libro.


Vía Capítulo O.

Ferrín dixit

Xosé Luís Méndez Ferrín no Café Tortoni de Bos Aires dixit:

“Esa rapaza (pola finalista do Premio Planeta Marta Rivera de la Cruz) quere ser todo, como aquel que na procesión quere estar na banda de música, quere ser Cristo, quere ser santo, que ser o cura... Hai que escoller na vida. A min, na miña vida me invitou ninguén a unha universidade de Madrid por ser escritor galego. Se ela escolle ser escritora en castelán ten dereito a levar o Premio Cervantes e eu non porque non escribo en español. Non vou chorar eu porque non mo dean. Non teño opción: pódeo levar un arxentino ou calquera escritor que use o castelán. Entón queixase. Evidentemente, isto leva detras outra queixa. De feito, hoxe en Galiza toda a vida literaria faise en galego. O movemento poético que existe en Galiza é en galego. O único teatro que se fai en Galiza é en galego. As dúas únicas revistas de ensaio que se fan en Galiza -que son A Trabe de Ouro que teño o honor de dirixir e a Grial de Galaxia- son en galego. Eu estaría ben conforme con poder gañar o Premio Planeta pero eu non o podo gañar porque non escribo en castelán, e ela non pode gañar o Premio Xerais porque non escribe en galego”.

Vía Fíos invisibles.

Pingas

Descubro que a palabra coa que máis internautas chegan aquí a través dun buscador é pingas. Imaxinando as caras de decepción decido deixarlles este ramo de agasallo, xa que este blog non ha de provocar a súa satisfacción polo menos que provoque o seu sorriso.

2006/10/30

Diamantes


Este é o biquini máis caro do mundo, custa 30 millóns de dolares e foi confeccionado con 150 diamantes da máis alta calidade, diamantes Steinmetz. Curiosamente estes diamantes proceden de África, a mesma terra na que nos países máis pobres do mundo (Serra Leona, Níxer, Burkina Faso, Mali, Burundi, Guinea Bissau, etc.), morren de fame milleiros de persoas.

Historias de vida IV: Xosé Neira Vilas

Deixo a cuarta entrega da serie de CulturagalegaTV titulada Historias de Vida, dirixida por Xan Leira, de Acuarela Films, e dedicada nesta ocasión á figura de Xosé Neira Vilas.

Historias de vida III: Raimundo García "Borobó"

Deixo a terceira entrega da nova serie de CulturagalegaTV titulada Historias de Vida, dirixida por Xan Leira, de Acuarela Films, e dedicada nesta ocasión á figura de Raimundo García "Borobó".

2006/10/29

Loy Kratong

Os tailandeses celebran o Loy Kratong, nunha noite de lúa chea honran aos deuses da auga con barquiños que botan nos ríos e lagos. Estas pequenas naves están feitas con flores de loto e follas de bananeira e adornadas cunha candea acendida, flores e incenso.

Tamén nalgunhas zonas acenden milleiros de lanternas voadoras que soltan creando paisaxes luminosas de gran beleza. Sempre os catro elementos, desde a terra pola auga e o lume polo vento.





Vía Faro de Vigo.

2006/10/28

Rapariga Manara

En días coma hoxe quero ser como as raparigas de Milo Manara: boca sensual, ollada intensa, pernas longas, cuíño resultón e o vento a me remexer o cabelo.

Anna Politkovskaya II

A Unión de Xornalistas Rusos e 300 diarios nacionais e rexionais réndenlle unha homenaxe póstuma a Anna Politkovskaya publicando unha selección dos seus artigos máis críticos contra o Kremlin.

2006/10/27

Varredura

Nesta situación de impotencia ignorante sen solución o mellor sería varrerte da miña cabeciña e botarte ao lixo. Non me afago a esta posición sen liberdade, suxeita á túa vontade de aparecer ou desaparecer, sen saber sequera se estás ben cando, simplemente, non estás.
Se fose unha muller intelixente...

X azul


Nin vermello nin negro, ao final foi azul, mais o importante é que está alí, a la ciutat en la qual hem estat feliços.

2006/10/26

Náufrago

Como me resulta imposible acceder ao seu blog, envíolle desde aquí os meus agasallos de aniversario:
O primeiro é unha árbore para que ruba moito tempo por ela.
O segundo é un posible retrato robot do noso común amigo Gómez atrapado pola súa propia rede.
Espero que lle gusten e que teña un magnífico día de aniversario.
Parabéns e moita felicidade.

2006/10/20

As 8 diferenzas

A de arriba é a foto coa que La Voz de Galicia ilustra un artigo de domingo sobre os Lunnis.
A de abaixo é a imaxe que se agacha baixo a foto retocada. Espero que saiban atopar as oito diferenzas.
Vía xaime.net

2006/10/19

Penso

Penso...
De que me serve estar contrariada se nin sequera sabes que existe o meu enoxo e tampouco podo castigarte co meu esquecemento?
Penso...

[Escultura de Diane Cochran: Thinker]

Círculos

Hai nenas caprichosas ás que lles custa asumir que non son socias vip de todos os clubs. É duro admitilo, non todas as liñas imaxinarias son círculos ao redor do mesmo planeta.

Cruzadoras de fronteiras

Infancia a quen ben amo:
Chove por min ou pasa.
Xohana Torres
A nena non é nena,
que xa é moza,
como medra o regueiro
e loce a rosa.

A nena non é nena.
Medran os soños,
coma fiestras abertas,
libres, fermosos.

A nena non é nena,
cruza fronteiras,
coma o vento abandona
as arboredas.
Antonio García Teijeiro: Na fogueira dos versos, Xerais, 1996.

Cando onte lin este poema pensei nelas tres, valentes cruzadoras de fronteiras ás que sigo atenta.

[Fotografía de James Christianson]

7 Mulleres


Pirata Vermelho envíame un enlace a aquí para que asine, a páxina de Amnistía Internacional, onde quizais poidamos facer algo por axudar a unhas mulleres que están moi lonxe da nosa realidade pero que comparten con nós un mesmo momento histórico.
Parisa, Iran, Khayrieh, Shamameh, Kobra, Soghra y Fatemeh son sete mulleres da República Islámica de Irán condenadas a morreren lapidadas, seis delas por adulterio e outra por confesar querer matar ao seu home, un maltratador que a obrigaba a exercer a prostitución.

2006/10/18

Atticus I

Atticus, estaba agardándote, levo tempo esperando por ti para que me expliques por que ás veces non nos atrevemos a dicir o que queremos.

Blogger

Blogger empéñase en non deixarme actualizar o blog. Resístome, insisto, persisto, patalexo, choromico... outro día máis, non haberá nada novo.

2006/10/15

Anna Politkovskaya I


Esta muller chamábase Anna Politkovskaya, era xornalista e foi asasinada no edificio onde habitaba en Moscova o 7 de outubro.
Anna, que xa fora envelenada nunha ocasión, era coñecida por denunciar o xenocidio checheno por parte do goberno ruso de Putin.
Como muller e como defensora da liberadade de expresión quero denunciar aquí a súa morte e axudar a que o seu nome e o seu labor non sexan esquecidos.

Historias de vida II: Mariví Villaverde

Deixo a segunda entrega da nova serie de CulturagalegaTV titulada Historias de Vida, dirixida por Xan Leira, de Acuarela Films, e dedicada nesta ocasión á figura de Mariví Villaverde.

2006/10/14

Teatro

Volvamos ao teatro, preciso escoitar de novo a Rachmaninov enchéndoo todo desde aló ao fondo mentres ti me enches a min.

[Fotografía de Martin Toyé]
[Rachmaninov - Rapsodia sobre un tema de Paganini]
powered by ODEO

Desencontro

Noto que cada vez estou máis certa do que quero ou, polo menos, do que non quero. Tamén noto que cada vez calo menos, debe ser que vou adiviñando como me gustaría que fosen as cousas.
Antes os desencontros eran motivo de martirio psicolóxico, agora véxoos como chanzos cara á felicidade.
Sempre agradecín a brevidade das nosas guerras.
Vou vella ou aprendo?
Ambas cousas?
Boto de menos un cigarro.

2006/10/13

Castañas

Este é o primeiro cucurucho de castañas da temporada, onte á noite, cando este sol marabilloso de hoxe aínda non fixera acto de presenza, as castañas quentiñas souberonlles ben ás xemas dos dedos que acabaron ennegrecidas e tamén ás bocas.

2006/10/11

Blogueir@s I


Opción 1.- @s blogueir@s somos unhas persoas ociosas que non teñen nada mellor en que gastar o tempo que na realización do seu blog.
Opción 2.- @s blogueir@s consideramos o tempo que empregamos nos nosos blogs ou na lectura doutros como a mellor opción para o consumo responsable do noso lecer.
Opción 3.- @s blogueir@s somos seres irreflexivos que non consideramos estas cuestións.
Opción 4.- @s blogueir@s somos un conxunto de escritor@s frustrad@s desexosos de lector@s que alimenten o noso ego.
Opción 5.- @s blogueir@s pertencemos ao subconxunto superpoboado de persoas insatisfeitas e agardamos que un blog solucione as nosas carencias.

2006/10/10

Mentirosa


Confésoo, hoxe, por primeira vez, mentín explicitamente sobre a existencia deste blog, con naturalidade, sen necesidade de pensalo, coma se nunca tivese existido.


2006/10/06

Pingas


Chega a fin de semana despois de cinco longos días, que gusto!
Só penso en sofá, peli (rectifiquemos, varias pelis) e amorsenreservas.
[Fotografía de X]

Webs con dereito de admisión


Estes días no blog do náufrago fálase das webs con dereito de admisión. A maioría dos comentaristas ven nese tipo de páxinas ou portais algo censurable, eu non sei ata que punto ha de estar mal a creación de colectividades formadas ao redor dunha serie de intereses. Os clubs creados nestas páxinas non fan máis que reproducir comportamentos sociais cotiáns.
Se existen webs nas que o criterio de selección para ser admitido é ser fisicamente fermoso, ter un determinado nivel de renda ou traballar nunha área determinada non me parece mal sempre e cando estes novos grupos creados non actúen logo de forma fraudulenta, outra cousa é que me interese pertencer ou non a unha colectividade dese tipo.
Que son colexios privados de elite, universidades privadas, círculos de empresarios ou certas fundacións máis que formas de selección, criterios para nos xuntar cos que consideramos que deben ser os nosos iguais.
Mesmo aquí, que é o blogomillo máis que un club no que a opción idiomática na práctica á fin conduce a unha determinada selección que se podería analizar máis polo miúdo establecendo categorías menores en función da idade, a profesión, o grao de compromiso, a finalidade, a ideoloxía, etc.Estes agrupamentos só poden molestar a aqueles quen senten a frustración de non seren admitidos alí onde consideran que deberían estar.


Historias de vida I: Isaac Díaz Pardo

Deixo a primeira entrega da nova serie de CulturagalegaTV titulada Historias de Vida, dirixida por Xan Leira, de Acuarela Films, e dedicada nesta ocasión á figura de Isaac Díaz Pardo.

Sorpresas minimísimas




Atopo en Capítulo 0 esta marabilla, son figuriñas diminutas pintadas a man abandonadas á súa sorte polas rúas de Londres. Recórdame a aqueles soldadiños de meu irmán, centos deles, coidadosamente agochados detrás de cada pregamento da manta amarela.

2006/10/04

Boneca vestida de azul


Eu sigo "con mucho dolor" e chea de mecos, enfronte a Angelina Jolie convértese para Vogue na boneca vestida de azul coa que moit@s gostarían de xogar.

Malade

Un trancazo en toda regra, nun par de horas apoderouse de min superando o mellor dos amantes. Sen presentacións previas nin miradas insinuantes, tose, gorxa irritada, imposible respirar polo nariz dorido de tanto recoller as pingueiras, febre, cabeza que estala e os ollos...

2006/10/01

Día do orgullo neofalante

Acabo de saber polo Chuza que hoxe é o día do orgullo neofalante, e lembro cando con dezaoito anos decidín dar o gran paso e instalarme no monolingüísmo, e tamén recordo a loita, a reafirmación e a guerra entre o cerebro e unha lingua torpona.
Veñen moitas cousas á cabeza, e con dor o que máis lembro é a crueldade, sobre todo dos próximos, daqueles que deberían ter sido os primeiros en axudarme, das vítimas dun autoodio incurable.
Os neofalantes teñen algo en común coas mal denominadas minorías sexuais, ese momento na vida en que deciden que o que vai por dentro vaia tamén por fóra.
Creo que a batalla sociolingüística agora se libra en dúas frontes, na do abandono lingüístico facilmente localizada e contra a que se actúa dunha forma máis ou menos acertada, e na fronte da recuperación pola vía dos neofalantes conscientes, un camiño case sempre esquecido.
Reivindico unha valoración social positiva para @s neofalantes e a quen teña tentacións de se converter nun neofalante dígolle que por suposto non é fácil, como todas as cousas boas da vida.

Boicots persoais by Depósito


Segue a miña crise de orixinalidade, véxoo, gústame e copio de depósito a idea dun post sobre os meus boicots persoais que temos cada un de nós e que levamos a cabo en moitas ocasións mesmo de forma oculta.
Aí van os meus cinco boicots (a verdade é que tiven que seleccionar, saíanme máis):
1. En xeral, e sempre que podo, non sempre se pode, calquera empresa que non me permita desenvolverme no meu idioma.
2. Os restaurantes/casas de comidas/etc. onde me poñen os cubertos manchados no mantel en vez de cambiarmos entre prato e prato.
3. As gasolineiras con autoservizo porque me cobran o mesmo prezo e aforran postos de traballo para incrementar a súa ganacia.
4. As peaxes automáticas, polo mesmo motivo que as gasolineiras.
5. Os establecementos hosteleiros onde non teñen ningunha marca de auga mineral galega.
Agora gustaríame que quen o desexase deixase tamén os seus, especialmente @s visitantes habituais deste blog.
[Imaxe de Manuel Seixas: Planeta auga]

Falta


Como sigas así vou ter que asubiarche FALTA.