Páxinas

2007/12/30

Síndrome de abstinencia

Onte era día de feira no macroenxame de morte. Á entrada unha ducia de androides están recibindo ás présas a súa dose de soma. Carreira sen prolegómenos á calor abafante esquivándoos, coma se non existisen. Atraveso a feira en equilibrio aséptico seguindo unha liña de cor trazada no chan para que os da nosa caste non nos perdamos ou decidamos fuxir correndo... Unha muller nova ao meu carón descolga o móbil, "mentres non desperte non nos poden decir nada, nin saben se as secuelas serán de moita gravedad ou non, si, si, xa o sei, o ciruxano dixo que ao ser un rapaz novo, si, que ao ter catorce anos iso axudaba moito"... Nunha sala de espera, calor abafante.
De volta ao aire frío da noite inspiro a bocanada de soma dun extraño e entro en sídrome aguda de abstinencia. Fuxo.
Si, é certo, conservo dúas doses, gárdoas para cando ti te chames Jerry e eu Charlotte, gárdoas para que as prendas con estilo mentres eu che digo aquilo de "non pidamos a lúa, xa temos as estrelas".

Centenario de Bette Davis

O servizo postal estadounidense homenaxea deste xeito á grande loba no centenario do seu nacemento (1908-2008).

2007/12/24

Bo Nadal

[Imaxe roubada de O berce das fadas]
Unha sala claustrofóbica nunha cela do macroenxame de morte.
Calor abafante. Unhas ventás demasiado altas que impiden contemplar a vista sobre a ría. Grupúsculos de sufrimento ao longo das cadeiras, afastados, que ninguén escoite as nosas coitas. Tres factorías enormes cuspen refrescos, chocolatinas, cafés e auga mineral de Sigüenza. Calor abafante. Un mozo chora mentres unha muller nova coa que non ten demasiada confianza intenta consolalo pasándolle a man polo lombo. Dous matrimonios cincuentóns falan dunha cartilla de aforros e de ir mañá a primeira hora a facer non sei que cousa, están todos de acordo, elas visten de agoiroso negro, falan en alto, non se ve afectado ningún dos catro, deciden ir xantar. Chega unha enfermeira e todos calamos, comeza a pronunciar nomes e apelidos, coma nos campos de concentración, a cada novo nome un grupo desaparece para ir a outra sala onde será informado. De cando en vez incorpórase algún novo membro á cela pouco implicado sentimentalmente, e comeza a salferirnos cunha morea de trivializacións que dan ganas de ir a por un desfibrilador e aplicarlle a máxima potencia para que cale dunha vez por todas. Calor abafante. E alí agochadiño, no medio de dous abrigos, entre unha revista e un bolso asoma un libro, vexo que é de Fóra de Xogo, non me resisto a tirar un chisquiño del para lle ver o título cando non me ve ninguén e... velaí o está, Cando petan na porta pola noite, unha magnífica obra dun amigo desta Selva, interpreto o feito como unha chiscadela da vida. Por fin somos dos elixidos e pasamos á outra sala. E os familiares queren respostas, unha explicación convincente que desvele o misterio, unha palabra á que lle botar a culpa. E o tac e demais probas médicas póñenlle unha chea de etiquetas á señora da gadaña. Un berro estarrecedor sobe polas escaleiras desde urxencias e ti dis “acaba de morrer alguén”.
Non se sabe se será hoxe o día ou aínda quedan esperanzas de melloría, tampouco se sabe que significaría melloría.
“É lei de vida”
Que frase! Apenas dez letras que abranguen boa parte da historia do pensamento. Nunca reparara na grandiosidade desas palabras, aí as catro xuntiñas resumíndoo todo.
Esta noite non se presenta moi boa pero han de vir outras mellores.
Mentres, deséxolles moi boas festas a tod@s os paseadores desta, a súa, selva.

2007/12/18

2007/12/15

Xa sabes a resposta

A - Ola, que tal?
B - Ola, ben, e ti?
A - Pois si que era certo o do réxime, quitaches tipo fino.
B - Xa cho dixen na ponte de outubro, desde agora ata o nadal nin pan, nin patacas, nin cervexas e joder que se nota.
A – Ben a viaxe?
B – Si, pero con ganas de chegar.
A – Hotel, cea ou xa sei a resposta?
B – Sabes ti pouco.
A – Vale, así comprobo os efectos do teu réxime.
[...]
A – E a nena aínda está alá?
B – Non, xa vai no Carballiño, este ano está encaprichada coa Wii esa que sae na tele e túa irmá está empeñada en comprarlla, eu creo que é de tolos pero...
A – Pois vaivos saír nunha pasta o xoguetiño.
B – Non fai falta que aparques o coche, déixame xa na porta. Si, unha pasta, pero ti non te rías tanto que di que a ti che vai pedir a bici, xa sabes, ser o padriño ten esas cousas.
A – Eh, mándame nun correo o modelo que lle gusta.
B – Vale.
A – Vémonos en noiteboa.
B – Ata a noiteboa.

2007/12/09

Problema matemático

(Marco o 091)
Ao outro lado - Boas noites, 091, dígame.
Eu - Boas noites, mire chamo desde XXX e necesito...
Ao outro lado - Mire, é que este é o número da policía de YYY, tería que chamar á policía de XXX.
Eu - Ah, desculpe, non o sabía, podería darme o teléfono da policía de XXX.
Ao outro lado - Pois agora mesmo non o teño pero mire por aí se pasa alguén que llo han de saber dicir.
Eu - Grazas e boas noites.
Ao outro lado - De nada, boas noites.

(Marco o 112)
Ao outro lado - Boas noites, urxencias Galicia.
Eu - Boas noites, poderían darme o teléfono da policía de XXX.
Ao outro lado - Si, ten para tomar nota? ...
  • Calcula en forma de potencia a paciencia de Eu tendo en conta que XXX é unha localidade pertencente á área metropolitana de YYY.
[Fotografía de visualpanic]

2007/12/08

Miraxes

Parabéns para os integrantes de "Miraxes" polos seus 200 programas querendo informar e emocionar falando de cultura galega.

2007/12/02

Gunman

A dilixencia trouxo a noticia, estaba acampado a dous días a cabalo de aquí. Ninguén cría que volvería despois de lle meter aqueles catro chumbos no corpo ao sherif, aínda que ninguén chorara a morte daquel fillo de puta era o representante da lei.
Trae o po do deserto nas botas e a lenda no seu Colt 45.


No saloon Rick xa puxo o vaso na barra.
As fulanas agardámolo sentadas ao carón do piano de Clark coas medias novas.
Os fulanos xogan ao poker para tomar whisky.
Mentres o novo sherif prepara o seu revólver e reza crendo que a conta atrás para el xa comezou.
Welcome home from hell.

From Hell

FROM HELL o Suso Bahamonde decidiu volver.

2007/12/01

SIDA

Loitemos contra a pandemia:
- Primando o dereito á vida sobre as crenzas individuais.
- Destinando maiores orzamentos á investigación e prevención.
- Negociando dunha forma seria coas grandes farmacéuticas.
- Loitando contra os nosos medos.
- Normalizando as relacións.
- Amando.

2007/11/29

Sen dicir

[José Carlos Vázquez - Seducción]
Seica hai quen di que as mulleres non son claras, que non sabe un a que aterse. Algunhas opinións máis especializadas afirman que iso non é bo para o entendemento da parella. Outros que estudaron aínda máis sosteñen que ese comportamento é produto do sometemento secular sufrido polas mulleres que derivou neste caso na non verbalización do propio.
Seino e, malia todo iso, ou precisamente por todo iso, a min gústame dicir sen dicir e que ti me adiviñes.

2007/11/25

2007/11/21

Estupenda tormenta

(William Mortensen: Nude with Umbrella, 1930)
Estupenda tormenta a desta noite, ummm, por fin chove como é de chover. Xa podemos ir chapotear nas pozas.

2007/11/18

Xustiza para Leriasaparte

Vía Brétemas chego a Amúo, o blog de Leriasaparte, unha persoa coa que, polo que conta, se está a cometer unha grave inxustiza.
Visiten o seu blog e lean a súa historia, é moi breve e concretiña.
Desde a Selva pido xustiza para Leriasaparte, porque coas cousas de comer non se xoga.

2007/11/15

8 Motivos

Fotografía de Dorfun.

8 Motivos para inxectar meu veleno en ti:
1 – Preciso que o teu berro me confirme que aínda estás vivo.
2 – Quero poñerte en perigo para despois salvarte.
3 – A túa carne resulta extremadamente tentadora para estes meus dentes pequechos.
4 – Quero comprobar que non perdeu as súas propiedades.
5 – Quero sentirte atrapado polos meus cairos.
6 – Así o meu líquido ha de ir en ti sempre.
7 – Desta volta tiña que ser eu a que te enchese a ti.
8 – Hoxe é deses días en que me gusta ser mala.

Non era nada persoal, enténdeo, pero tiña que seguir o meme.
* Convido a este meme a quen garde veleno e o desexe repartir.

2007/11/12

Erro de clic





Ás veces confundímonos sen querer e facemos clic na opción errada.
Quero unha segunda oportunidade.
Sorry!

2007/11/04

Selva Calimera

Ando envolta nun traballo/vicio que me afasta dese mundo que segue a xirar, saco a cabeza un chisco e comprobo que me esquecín dun agasallo de aniversario (apúntemo no debe). Lanzo unha ollada e vexo como o Torreira me bota máis anos dos que teño, mentres Rosa Enríquez me informa de que hai por aí, circulando pola blogosfera, un deses estúpidos memes dos que tanto gosto e ao que ninguén me convidou aínda. Menos mal que un cidadán anónimo me lembra a importancia da harmonía.
Snif, snif, snif...

2007/10/30

Positiva

O día comezou regular, continuou bastante mal, evolucionou a agradable e agora, deixando entrar a friaxe da noitiña pola xanela, atópome ben, falaría de serenidade e esas cousas pero ultimamente todo iso sóame a crise dos corenta e fuxo de certas palabras e conceptos coma alma que leva o demo.
Gustaríame ter un par de horas para perder.
Onde teñen sucursais os bancos eses de tempo dos que fala a xente. Quero comprar. Non preciso que me produzan grandes dividendos, sei que é un valor inestable, fuxidío, aínda así, estou en racha, quero comprar. Non, non estou tola, non o investirei todo, teño que deixar unha porcentaxe de sacrificio cotián, non vaia ser que veña a crise e iso do tempo vaia a pique e teña que saltar pola ventá coma no 29.
Hoxe non pode ser, quizais outro día.
Non importa, camiño en boa dirección.

Campaña de animación á lectura 33

Un dos amigos invisibles contribúe de novo na campaña de animación á lectura, agradecida sempre.
Nesta ocasión envíame a estatua xacente de Santiago
Martín Vázquez de Arce, coñecido como o Doncel de Sigüenza. Trátase dunha obra de Sebastián de Toledo (chamado tamén Sebastián de Almonacid) e que está na catedral de Sigüenza en Guadalaxara. O doncel de Sigüenza foi un cabaleiro da orde de Santiago que morreu con vinteseis anos en 1486 nunha emboscada dos árabes loitando na cruzada. Vemox nel unha vítima máis da senrazón que ten levado tantas veces os pobos polo camiño da violencia.
*Logo non diga vostede que non lle poño homes na campaña.

2007/10/25

Dime corviño lindo

- Onde vai a chuvia que non vén? Namoraría dalgún prado fermoso? Dime, corviño lindo, onde se entretivo a chuvia?
Imaxe vía La lágrima del Guadiana.

2007/10/23

Aduaneiros / Yolanda

Ben sei que o tema vai xa vello, pero se non digo nada...
Vaia por diante que só son espectadora mediática dun asunto que nun principio produciu en min sorriso por disparatado mais que agora xa só consegue poñerme de mal humor por ridículo comunitario.
Un par de ideas:
- Sexa ou non a forma máis acertada de facer as cousas, nun estado de dereito non se pode censurar a ninguén por se intentar defender lexitimamente usando a lei (e isto, que eu saiba, aínda non aconteceu, e como se así fose).
- Considero que a aparición de comentarios irrespetuosos de carácter anónimo nun blog non debería ser responsabilidade dos seus autores, agora ben, si creo que é a súa responsabilidade o mantemento deses comentarios. Non se pode consentir que baixo o anonimato da rede se fagan todo tipo de acusacións (e xa non falo agora do caso que nos ocupa) sen ningún tipo de responsabilidade.
- O deseño das mariquiñas encantoume, paréceme precioso, ocorrente e elegante. Se fose Yolanda agradeceríalles a publicidade gratuíta.
- Ser unha "poetisa estrela" ten as súas vantaxes e os seus inconvenientes, cría que os segundos xa os tiña superados a estas alturas alguén coa traxectoria mediática de Yolanda Castaño.
Como ben di o noso superpremiado Rubén Ruibal este país é abondo pequeno como para que non sexan necesarios avogados para atoparse se hai boa vontade, mentres, o circo vai como vai.
Amañen as cousas e fágannos felices :D

2007/10/07

Vivan como empresarios galegos!


Parabéns a GADISA pola súa nova campaña publicitaria de Gadis "Vivamos como galegos", todo un acerto.
A verdade é que desde hai uns anos me chama a atención o seu comportamento publicitario, con moitas colaboracións en programas da RTVG e logo boto de menos a correlación na súa praxe cotiá. É por iso que me gustaría facerlle algúns convites ao grupo empresarial que posibilitarían que o sentise máis próximo:
- Non estaría mal que nos seus establecementos en Galicia puidésemos atopar a sinalización en galego.
- Tampouco estaría mal que a etiquetaxe dos seus produtos de marca branca, Leader Price, incluíse versión na nosa lingua.
- E xa sería para nota que na súa páxina de compra na rede, gadisline, puidésemos comprarlles de todo e en galego.
Non crean que somos moi esixentes e aspiramos a imposibles, non lles pedimos máis que o que xa fan outros, como Eroski.
ADIANTE, DIRECTIVOS DE GADISA, VIVAN COMO EMPRESARIOS GALEGOS!

Radicalidade

Si, que metabloguear segundo os de Chuza é o puto peor, pero para min é unha forma moi cómoda de que me preseleccionen a información, e para mostra un botón.
Dándome unha volta hoxe por Valdeorosa atopei este post de Rosa Enríquez sobre a radicalidade e os exilios co que me sentín bastante identificada e que me parece tremendamente sincero.

2007/10/04

Sinos

Os novos días veñen marcados polo ritmo dos sinos con diferentes melodías nos distintos momentos da xornada, ás sete da mañá, ás doce, ás tres da tarde, ás dez e media da noite.
Lémbranme a cidade de pedra, Vetusta, as terras dos Andrade, estou desexando escoitalos con chuvia.
De momento gozo do son aquí preto.
Fotografía de ∗FranJa.

2007/10/03

Regreso

Por fin, de volta.

De momento poñámonos cómodos e deixemos gozar os sentidos.
Espero que lles guste.

2007/09/20

Interminable

Pásanse os días na estrada, mirando de non pasar dos 133, mirando de non morrer contra unha cortina traidora de brétema, mirando de ter a tarxeta preparada para pagar todas as peaxes con celeridade, mirando de non durmir de tanto contemplar esa banda gris que vou devorando quilómetro a quilómetro, mirando de que pasen os días.
E bótote de menos nesa cama perfectamente feita ao outro lado da mesiña de noite. E boto de menos as túas visitas á miña cama e os xogos divertidos no leito estreito. Que horribles son os hoteis cando un non está de vacacións!
Subo e baixo rúas pendentes, súo, sufro resignada este verán interminable agardando que por fin caia por min unha chuvia piadosa.

Manifesto

Máis información aquí.
Vía Calidonia.

2007/08/31

Autodisciplina

Este post ía ser un exercicio de autodisciplina pero o buscador deu cunha parella de escaravellos da pataca facendo as súas cousas...
abonda con ver a folla toda mordida, nada de escenarios preparados. Hai que recoñecer que calquera extremidade vexetal é boa para acoller tanta enerxía...
aenerxianinsecreaninsedestruesosetransforma
seráopracerunhaformadeenerxía?
está claro que iso é un aquítepilloaquítemato de matrícula, esa tensión nas patiñas, esa forma de agarrarse á superficie verde, esa forma de acometer...
ecomosereproduciranosescaravellosdapataca?
sieutamenseimenosqueunnenodeprimaria
pero máis ca ti
si
si
sei algo que ti aínda non sabes, meu amante raiado
[Fotografía de Carlos]

Campaña de animación á lectura 30

[Fotografía de vanko_2]

2007/08/23

Eses pequenos detalles...

Chove nesta noite de verán estraño, chegando á casa vexo a sombra proxectada na rúa, só ela segue sendo igual. Só a miña sombra é a mesma que daquela, cando a ninguén se lle ocorrería dicirme que levo un peiteado xuvenil. Son eses pequenos detalles que, de balde e sen pedilos, che dan labazadas de realidade.
[Fotografía The big shadow de SheilaTostes]

Regras são Regras

Um casal recém-casado vai viver para a sua nova
casa e o rapaz diz:
Se queres viver comigo as minhas regras são estas:
Às 2as à noite vou tomar café com os meus amigos;
Às 3as vou ao Bairro Alto;
Às 4as à noite vou ao cinema com o pessoal;
Às 5as, 6as e Sábados à noite vou tomar um copo com os meus amigos;
Aos Domingos deito-me cedo porque preciso de descansar.
Se queres, queres, se não queres, que quisesses.
Ao que a rapariga responde:
Para mim só existe uma regra:
Cá em casa todas as noites há sexo;
Quem está, está... Quem não está, que estivesse...

Vía La queue bleue, vía O meu pirilau.

2007/08/18

Pendular

Isto só acaba de comezar, pendulo entre o tedio e o entusiasmo.
Preciso unhas vacacións con amorsenreservas.
Transformo a necesidade nun corte de pelo.

2007/08/16

Fin de vacacións

Sen querelo chegou o día, remataron as VACACIÓNS.
Agosto é un mes de festas tentadoras e de amigos que nos queren.
A Gallaecia portouse ben, sempre o fai.
Aínda eu non me relaxei e... xa comeza de novo a carreira.
Fotografía: Zena Holloway