Páxinas

2010/05/25

Na roomcaverna

Só me está permitido ver as proxeccións do teu mundo neste cuarto clandestino onde xogamos á alianza de civilizacións. Cada vez que cruzas a porta chega a min a esencia mesma das cousas nesta roomcaverna platónica. Se fósemos Harris e Charlotte poderiamos sequera pasalo ben un anaquiño, pero baixo esa máscara de Ryan Bingham outro home que non coñezo pretende que namore del.

2010/05/21

Ti ven, que aquí te espero

Woman Worker, Lee Howl pump factory, Tipton, 1978 vía Cosmopolitan scum.

Estes días de sol estanme aproveitando que é moito aproveitar, e iso que non che ando moi católica, pero por fin estou poñendo as cousas ao día, que claro, sempre na fábrica, sempre na fábrica e unha acaba non tendo vida ningunha.
A tele xa non a vexo nada e os papeis, para que miralos, que para o que hai que ver e ler, mellor coidar a cabeza dunha que tampouco está a consellería de sanidade por me pagar unha temporadiña nunha clínica desas ás que van as ricas. Iso si que é vida, descansas como unha marmota e aínda te deixan tipo fino.
Hai un anaquiño deixei a máquina, non é un descanso, que aquí diso non temos, é o tempo que lles leva cambiar o xogo de moldes das porcas por cada cinco mil unidades de produción, ou sexa, por cada cinco mil caixas desas que despois se mercan nas ferraxarías con 100 porcas dentro cada unha. O cambio dos moldes leva exactamente doce minutos e corenta e dous segundos que, grazas á loita das do sindicato, é o tempo que podemos parar en toda a mañá. Que hai días en que sería mellor non parar, sobre todo no inverno, que coa friaxe da nave che quedan os dedos das mans tesos e logo, ao comezar outra vez, doen máis as frieiras.
Pois aproveitei para ir ao excusado e de paso dar unha volta por ver algo, e non vou e dou cun post igualiño a un da miña Selva, que igualiño! copiado, tal cal! E alá fun eu correndo, que aínda habían pensar que me dera un mal, por ver se fora casualidade, non fose ser que o publicase eu máis tarde e quedase eu de copiona. Non, non, o meu foi antes, e xa quedei tranquila, que unha cousa é non ser orixinal e outra copiar coma na escola. E deume a risa, e ata me gustou, porque mira, se o copiou é porque tan mal non che estaba, e a pena que teño por non podelo contar, que aínda había amolar ben a algún que eu me sei.
E xa vai volver tocar o maldito chifre ese para volver ao traballo nesta máquina que me ten deslombada, aínda que algo de cariño xa lle teño, que a estreei eu xa vai para catro anos e nunca me fallou, que iso é polo aceite do coche, que sempre dixeron que non se lle podía botar nada. Pero que han saber eles! Unha vez á semana, xusto antes de marchar cando están todas recollendo, úntaslle os moldes ben untadiños e déixala toda a noite e ben que corre despois.
Ala! e xa está aí a nova facéndolle ás beiras ao supervisor, pois a min que nin se che ocorra cambiarme de máquina, que esta xa está da miña man e non lla penso deixar a ningunha laverca acabada de chegar así te poñas de xeonllos. Que si, que xa te vexo vir, fai sinais, fai, pois ven cando queiras, si, si, que non empece, non hai problema, ti ven que aquí te espero, que a máquina non ma quitas, que ti a min aínda non me coñeces,  ven, ven, que xa te estou vendo, que antes de nacer ti xa eu engraxaba as máquinas co teu pai, mamón!
Hai que ver o gusto que me dá moitas veces o cachiño este de Selva, que senón, a ver onde ía ir eu soltar estas cousas con esta pinta!

I say a little prayer

Aquí o orixinal das estudantes americanas de instituto aspirantes ao Glee Club:


Aquí os tipos divertidos:


Está claro, non?

2010/05/07

La torre de Suso

La torre de Suso, para ver as cousas desde enriba.
(Aínda sigo chorando.) 



Clasificación selvática: 8 (Tes que vela)