Mostrando entradas con la etiqueta Disparates. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Disparates. Mostrar todas las entradas

22/04/08

Amordazar o galego

25/03/08

O meme das alegrías

Cando L.Q.B. tivo a ben convidarme a participar no seu orixinal meme sobre coñecementos bíblicos ou, dito doutro xeito, con que cinco blogueir@s farías alegrías durante unha noite toda, primeiro foi aquilo, máis tarde iso, para seguir con esta brincadeira que debeu ser ben mala. E o caso é que despois das santas xornadas a cousa acabou neste post que me resultou bastante divertido e que espero non ofenda os aludidos. Aí vai a miña listaxe dos 5 nomes, nesta ocasión candidatos, en orde alfabética:
Cabrafanada – entre outras cousas, por isto (sen máis comentarios).
Kaplan – polo cine, as palabras, Kavafis e o que subxace.
O Pitiño – polas súas piadas (aínda na ausencia).
Suso Bahamonde – porque o sexo sempre me pareceu unha forma interesante de baixar aos infernos.
Torreira – porque nunca tiven ocasión de probar o LK mentres, e teño a certeza de que sería unha moi agradable experiencia.
Non vou convidar a ninguén explicitamente a seguir este meme, xa que non está no meu ánimo violentar a ningún dos visitantes desta súa selva; agora ben, saiban todos e todas que quedan formalmente invitados a espallar este exercicio de fresco descaro.

16/03/08

Niño de víboras

4/03/08

Debate eleccións xerais 2008

O de hoxe foi un debate electoral diferente, estiven no Blog dos Pelachos nun chat mentres se desenvolvía o programa, foi divertido e desde logo fixo a experiencia moito máis levadeira. Parabéns a Leco pola iniciativa.

19/02/08

CÓNTALLO A CARREFOUR

Segundo denuncia A Mesa, un xefe de sección do Carrefour de Alfonso Molina na Coruña díxolle lindezas coma esta a unha empregada referíndose ao emprego do galego por parte dela:

"Burra, no hables lenguas menores"

De seguro que estas palabriñas non te deixaron indiferente. Pois xa sabes, non quedes coas ganas,

9/02/08

Dereitos Humanos

Amnistía Internacional: El Poder de tu Voz
Vídeo enviado por Razorbuzz

Seica este anuncio de Amnistía Internacional non pode ser emitido nas televisións do estado español porque é considerado propaganda política polo Ministerio de Industria. Menos mal que na Selva as propagandas de causas xustas sempre son benvidas.

Vía Brétemas.

21/01/08

Aborto

Vía A Nosa Terra.
Vía Vieiros.

9/12/07

Problema matemático

(Marco o 091)
Ao outro lado - Boas noites, 091, dígame.
Eu - Boas noites, mire chamo desde XXX e necesito...
Ao outro lado - Mire, é que este é o número da policía de YYY, tería que chamar á policía de XXX.
Eu - Ah, desculpe, non o sabía, podería darme o teléfono da policía de XXX.
Ao outro lado - Pois agora mesmo non o teño pero mire por aí se pasa alguén que llo han de saber dicir.
Eu - Grazas e boas noites.
Ao outro lado - De nada, boas noites.

(Marco o 112)
Ao outro lado - Boas noites, urxencias Galicia.
Eu - Boas noites, poderían darme o teléfono da policía de XXX.
Ao outro lado - Si, ten para tomar nota? ...

  • Calcula en forma de potencia a paciencia de Eu tendo en conta que XXX é unha localidade pertencente á área metropolitana de YYY.
[Fotografía de visualpanic]

25/11/07

25 de novembro

Perdón a todas as mulleres maltratadas que coñezo e non recoñezo para podelas axudar.

18/11/07

Xustiza para Leriasaparte

Vía Brétemas chego a Amúo, o blog de Leriasaparte, unha persoa coa que, polo que conta, se está a cometer unha grave inxustiza.
Visiten o seu blog e lean a súa historia, é moi breve e concretiña.
Desde a Selva pido xustiza para Leriasaparte, porque coas cousas de comer non se xoga.

23/10/07

Aduaneiros / Yolanda

Ben sei que o tema vai xa vello, pero se non digo nada...

Vaia por diante que só son espectadora mediática dun asunto que nun principio produciu en min sorriso por disparatado mais que agora xa só consegue poñerme de mal humor por ridículo comunitario.
Un par de ideas:
- Sexa ou non a forma máis acertada de facer as cousas, nun estado de dereito non se pode censurar a ninguén por se intentar defender lexitimamente usando a lei (e isto, que eu saiba, aínda non aconteceu, e como se así fose).
- Considero que a aparición de comentarios irrespetuosos de carácter anónimo nun blog non debería ser responsabilidade dos seus autores, agora ben, si creo que é a súa responsabilidade o mantemento deses comentarios. Non se pode consentir que baixo o anonimato da rede se fagan todo tipo de acusacións (e xa non falo agora do caso que nos ocupa) sen ningún tipo de responsabilidade.
- O deseño das mariquiñas encantoume, paréceme precioso, ocorrente e elegante. Se fose Yolanda agradeceríalles a publicidade gratuíta.
- Ser unha "poetisa estrela" ten as súas vantaxes e os seus inconvenientes, cría que os segundos xa os tiña superados a estas alturas alguén coa traxectoria mediática de Yolanda Castaño.
Como ben di o noso superpremiado Rubén Ruibal este país é abondo pequeno como para que non sexan necesarios avogados para atoparse se hai boa vontade, mentres, o circo vai como vai.
Amañen as cousas e fágannos felices :D

22/07/07

Cousas veredes

Nunca merquei esta publicación.
Se o poder xudicial non tivese secuestrado a edición nunca coñecería esa viñeta.
A obra en cuestión non me gusta nada, non me fai gracia e non a vexo nada orixinal nin ocorrente.
Dubido moito que en casos semellantes con outros protagonistas se obrase co mesmo celo profesional, totalmente desproporcionado neste caso. Agora ben, o dereito á liberdade de expresión non debe vulnerar o dereito á intimidade das persoas que debe ser respectado para todos os cidadáns.

4/07/07

Seguidiñas

Consulto as últimas noticias e atopo:

  • O lixo de Paris Hilton vendido por máis de mil dólares en eBay.
  • Arriba a Tenerife unha patera con 37 subsaharianos, dous deles mortos.
Así, seguidiñas, como se tanto tivese. Que mundo!!!

[Fotomontaxe de X]

Film lovers will love this!


A montaxe publicada pola UE na súa canle de Youtube para apoiar o cine europeo tampouco é nada extraordinario publicitariamente falando, pero visto que ultimamente hai tanto mexericas con ganas de criticar unha vese na obriga moral de aplaudir unha iniciativa que de principio lle parecería bastante mediocre.

3/07/07

Exipto contra a ablacion de clítoris

Por fin o goberno exipcio tomou a decisión de prohibir e penar a ablación de clítoris no seu territorio. Suma feliz a de poder engadir Exipto ao mapa dos países onde esta práctica abominable xa non poderá ser levada a cabo. Mágoa que aínda sexan moitos os estados que non seguen o exemplo.

6/06/07

O pulverizador II


A primeira hora chamaron do teléfono do cliente da marca do perfume. Unha voz aguda e menos agradable que a de onte á tarde comunicoume que xa falaran coa empresa que lles fai os perfumes e que lles confirmaran a existencia dunha partida con problemas nos pulverizadores, que a retiraran do mercado pero que fora imposible localizalos todos, etc. A voz aguda e neutramente cordial díxome que conserve o frasco e nun prazo máximo de quince días a outra empresa que xa ten os meus datos se ha de poñer en contacto comigo para tramitar a devolución. Para que logo digan que non funcionan ese tipo de servizos.
Falando de perfumes, teño un compañeiro de traballo que usa un perfume que provoca en min inconscientes lembranzas, por máis que o intento cada vez que cruzo con el non dou co nome da fragrancia e el, coqueto, négase a dicirmo.
Esta mañá tiven a sorte de poder determe diante da beleza durante uns minutos, aproveiteinos, prestoume, iso si, eu sen cámara non bolso.
Cando entrei no coche o volante queimaba, tiven que ir conducindo coas puntiñas dos dedos.
Outro gracioso pegou, ao carón da pegatina da tenda de decoración, outra, desta volta dun servizo de cerralleiros/fontaneiros/electricistas de 24 horas para urxencias. Danme ganas de chamalos. Urxente é, ponme mala vela alí. Podería marcar eses numeriños en negro sobre verde fluorescente e cando cheguen poñerlles na man un algodón enchoupado en alcol e ala, que limpen. Como isto siga así a porta dos contadores vaise transformar nunha colaxe cutre.
En canto ao de ELOS, o atentísimo e aplicadísimo Torreira xa se encargou de que se convertese nunha cuita menos.
En fin, o de ETA, se mo permiten, creo que me vai levar algo máis dun día arranxalo.
Fóra diso, comprei galletas de chocolate negro.

5/06/07

O pulverizador I

Ao meu frasco de perfume de 100 ml, que vai pola metade, polo tanto, ao que lle quedan 50 ml, se lle estragou o pulverizador, e non vai, e non vai, e non hai que facerlle. Ben, si, algo fixen, chamei ao teléfono do cliente da marca onde me dixeron que se poñerían en contacto co seu subministrador de perfumes para ver que solución lles daba. Porque claro, unha cando merca un perfume non garda o tique ata o día do xuízo por se un día o pulverizador vai e deixa de funcionar, iso si, a proba do crime téñoa.
Un gracioso pegou na porta dos contadores unha pegatina dunha tenda de decoración que non sae, desgraciadamente non trae o teléfono pero se me ocorren un par de sitios chulos para pegarlla.
Pero iso non é nada ao lado do de ELOS, por se alguén non o sabe é un blog colectivo que circula no blogomillo, a súa singularidade consiste en que un post sempre debe comezar pola última oración do post anterior. Xa, non racha coa pana de orixinal pero do que se trata é de participar, non? Pois aí vén a cuestión, o día 29 do mes pasado publiquei un post, e desde aquela non publicou ninguén máis, nin houbo ningún comentario. Tampouco creo eu que sexa para tanto a oración: "E ao final perdemos a perspectiva e acabamos por asasinar ao irmán porque só podemos aturar del que sexa un apático mediocre coma nós." Estareime convertendo nunha asasina de blogs colectivos?
E agora van os de ETA e xa din ás claras que rematan coa tregua, que disque xa estaba rematada, pero se agora é peor daquela rematada de todo de todo non estaba, non si? E van os outros e aproveitan para montala, como cando non estaba rematada, porque como a cousa é montala, pois se monta, e aínda por riba hai que oílos.
Fóra diso, comín as dúas galletas de chocolate negro que me quedaban.

23/05/07

Dionisio Pereira


Hai uns días chegaba á Selva de Esmelle unha chamada para axudar a difundir a páxina na que persoas boas e xenerosas apoian ao historiador Dionisio Pereira, eu, demasiado ocupada en ollar o meu embigo esquecera o asunto na bandexa de entrada do correo. Pídolles desculpas.
www.sinhorafranio.com

8/05/07

Que facemos co DDL?

O que facemos co Día das Letras é xustificar un festivo que doutro xeito caería nunha celebración relixiosa, fóra diso, pois folgar e, se lle cadra, pois ler/non ler como calquera outro día do ano.
Que o DDL sexa festivo ou non relaciónase tamén co asuntiño ese da xustificación dos diferentes festivos autonómicos, locais e estatais. Desde ese punto de vista este festivo está moito máis xustificado que moitos outros.

Agora ben, se vostede é unha persoa seria e segue a preguntarse sobre a cuestión cubra o seguinte test e sentirase moito mellor (resultados garantidos):

1. Para que debe servir o DDL?
1.1. Non debe servir para nada. [Vostede xa rematou de cubrir este test, sen dúbida ningunha é vostede unha persoa decidida, de ánimo resolutivo disposta a vencer sen dificultade aqueles atrancos que a vida lle vai presentando.]
1.2. Debe servir para algo. [Pase á cuestión número 2.]

2. Cre que se están conseguindo os obxectivos pretendidos co DDL?
2.1. Si. [Todos tan contentos, vostede xa rematou de cubrir este test, é vostede unha persoa que olla a vida con optimismo e sabe valorar sempre os aspectos positivos das cuestións.]
2.2. Non. [Pase á cuestión número 3.]

3. O motivo ou motivos polos cales vostede considera que non se está conseguindo o obxectivo inicial da celebración do DDL ten unha solución posible e viable?
3.1. Non. [Vostede xa rematou de cubrir este test, ao mellor non llo dixeran nunca pero é vostede unha persoa cunha alta capacidade analítica capaz de valorar con suma precisión ata onde pode chegar nos problemas e que sabe moi ben o lugar que ocupa na vida.]
3.2. Si. [Pase á cuestión número 4. Pero ao final vai resultar que é vostede un “fanático deses...”.]

4. Comunicoulle a alguén con poder decisorio as súas descubertas?
4.1. Si. [Vostede xa rematou de cubrir este test, pode estar seguro de que o seu nivel de civismo e solidariedade supera a media, os seus familiares e coñecidos deberían fachendear de ter relación con alguén tan íntegro coma vostede. Ao fin e ao cabo, que non lle fixesen caso xa non é responsabilidade súa.]
4.2. Non. [Pase á cuestión número 5. Ou igual é desas e deses do non polo non ummm.]

5. É vostede un deus ou unha deusa?
5.1. Si. [Vostede xa rematou de cubrir este test, as divindades están por riba do ben e do mal e é comprensible que non se poidan parar en cuestións de tan pouca importancia como o DDL.]
5.2. Non. [Confirmado, é deses/desas, aínda así, non se apure, tamén teño boas novas para vostede, ten un próspero futuro na carreira política ou na espionaxe industrial, só alguén tan egoísta como para furtarlles aos seus semellantes unha descuberta de tanta importancia pode medrar en semellantes terreos. Por certo, vostede, si, @ xeneros@, xa rematou de cubrir este test, recoméndolle que faga algo diferente ao que fixo nesta data nos anos anteriores para non andar o ano que vén facéndose estas mesmas preguntas.]

[Texto provocado por Francisco Castro.
Inspirado por
Suso de Toro.
Que conste que eu non quería.]

26/04/07

Ecosexual

Despois de ler en Vieiros o decálogo do "ecosexual" confeso, pesarosa (ou non) que, aínda sabendo que a causa é boa, o do unto, pois vai ser que non.