Mostrando entradas con la etiqueta Ti. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Ti. Mostrar todas las entradas

18/07/08

Lembranza ou ensoñación

Non sei se foi lembranza ou ensoñación o que provocou o lategazo dentro ao ver o xogo de olladas entre o baile, seguindo o ritmo e alleos a todo, tan morenos, tan insinuantes, tan prometedores... E eu convertida nunha voyeur por culpa desta lembranza túa que non teño.

15/06/08

Así estou eu...

Suicida como a barca que abandona o peirao e penetra na brétema da ría consciente de que non ha volver tragada polo océano.

Xélida como a meixela inerte do avó dentro do cadaleito no salón da casa.
Perdida como un arao dos cons terra dentro sabedor de que nunca vai atopar outro da súa especie.
Rabiosa como unha guerrilleira que perde o compañeiro na loita.
Desolada como Karen Blixen no outeiro agardando polo cadaleito de Denys Finch.
Seca como a flor gardada dentro dun libro para lembrar o que un día existiu.
Triste como o fado desgarrado que me deixaches no peito.
Así estou eu, así estou eu, sen ti.
________
Por culpa de Torreira, así estou eu, con Sabina na memoria, con Mariza nos oídos e ti no corazón.

14/06/08

Por debajo del agua

[Fotografía de Anzilov]


Por debajo del agua

Por debajo del agua
te busco el pelo,
por debajo del agua,
pero no llego.

Por debajo del agua
de tu cintura:
tú me llamas arriba
para que suba.

Para que suba al aire
de tu mirada;
mi corazón me enciende,
luego se apaga.

Te busco el pelo
por debajo del agua,
pero no llego.

[José Ángel Valente]

12/06/08

Auga

[Fotografía by Anzilov]
Vaiamos á auga.

2/06/08

Felina

Por sorpresa chegou á casa unha caixa.

Traía moitas cousas, e unha máscara.

Haberá que poñerse algo felina, non si?
E terei de andar con ollo porque nestes asuntos dos gatos hai que ter coidado, non vaia ser que coa emoción en vez de linda gatiña acabe convertida en toda unha lagharta.

12/05/08

La chiave

[Fotografía de Narcis Virgiliu: Prisioner]



brancos e negros
contrapicados de contraluces
sombras núas
sucesións xeométricas de exhalacións
gorxas tensas
...
roces dixitais
posturas campaniformes
présas sen destino
travesía de cordais
reflexións visuais
corduras suicidas
brainstroming
tolemia
...
e la chiave?
__________________

despois hei volver

virei abrir a porta

agora que non se levan as ataduras

por ver se queres saír

11/05/08

Stand by me

Esta noite vai gana de acariñar no sofá e logo de seguir acariñando polo corredor todo camiño de paraísos perdidos. E non vaias crer que é claudicación sentimental, tan só a constatación dun feito... and darling, darling stand by me, oh, now, now, stand by me, stand by me, stand by me


30/04/08

Agárdote en negro

Hoxe agárdote en negro desfilando sobre a moqueta impecablemente beige. Ensaiando pasos de trazado perfecto para os teus ollos aproveito os minutos. Esta noite deixei a espontaneidade no traballo e todo en min é tal premeditación que non habería xulgado popular que me puidese declarar inocente.
Pregúntome cal será a condena por compracer.

16/04/08

Un deses putos días


camila gertne, orixinalmente cargada por Denis Gustavo.

Pois teño un deses putos días con necesidade de arma de fogo para aforrar palabras. E teríame cargado a dous: un pola mañá de varios disparos, con ensañamento, por puto cabrón maleducado; e outro horas despois, dun só disparo, por maldito cabrón que sabes como facerme dano.

E logo teríame pegado un tiro, na tempa, que así non vexo o canón. Si, na tempa, por paspana, por non ter mandado á merda ao primeiro e por non ser quen de converterme en balsa de aceite cando chegan as túas tormentas.

Pero como non vivo nos EUA e non teño a arma no maleteiro do coche veño aquí e disparo palabras, que para o caso non é o mesmo pero fai por vez.

8/04/08

Instantáneas

Il Palazzo Bauer, saudamos a mañá vendo as cúpulas de San Marcos que che lembran como resucitaches os meus peitos entre as sabas antes da ducha.


Museo Peggy Guggenheim, diante da Donna che cammina de Giacometti, alimento o teu voyeurismo, quero terte teso nese intre. Susúrroche –Queres tocala mentres a miña boca esculpe unha catedral entre as túas coxas?


Hotel des Bains, sala Thomas Mann, roubas un anaco dunha das impresionantes esculturas de manteiga e agachados coma adolescentes nunha caseta da praia morremos de pracer en Venecia.

29/01/08

Mañá de sol e croissants

Dúas cativas espertaron a todo o edificio, os seus principios altruístas puxeron os croissants quentes na porta. No dormitorio, o Sol fixo seu o leito.
[Fotografía de X]

21/01/08

Caixa

19/01/08

As mazás de Eva

[Fotografía de Nick Koudis.]
Hoxe tócalle ir mercar mazás. Elixe sempre mazás vermellas, deliciosos froitos edénicos creados para tentar e alimentar saudades prófugas doutros.
Hoxe confundiuse coa compra e trouxo unha mazá de menos. Era a túa.

16/01/08

Autonomía

Delicioso cando te ispes e te autoabasteces.

30/12/07

Síndrome de abstinencia

Onte era día de feira no macroenxame de morte. Á entrada unha ducia de androides están recibindo ás présas a súa dose de soma. Carreira sen prolegómenos á calor abafante esquivándoos, coma se non existisen. Atraveso a feira en equilibrio aséptico seguindo unha liña de cor trazada no chan para que os da nosa caste non nos perdamos ou decidamos fuxir correndo... Unha muller nova ao meu carón descolga o móbil, "mentres non desperte non nos poden decir nada, nin saben se as secuelas serán de moita gravedad ou non, si, si, xa o sei, o ciruxano dixo que ao ser un rapaz novo, si, que ao ter catorce anos iso axudaba moito"... Nunha sala de espera, calor abafante.
De volta ao aire frío da noite inspiro a bocanada de soma dun extraño e entro en sídrome aguda de abstinencia. Fuxo.
Si, é certo, conservo dúas doses, gárdoas para cando ti te chames Jerry e eu Charlotte, gárdoas para que as prendas con estilo mentres eu che digo aquilo de "non pidamos a lúa, xa temos as estrelas".

24/12/07

Bo Nadal

[Imaxe roubada de O berce das fadas]
Unha sala claustrofóbica nunha cela do macroenxame de morte.
Calor abafante. Unhas ventás demasiado altas que impiden contemplar a vista sobre a ría. Grupúsculos de sufrimento ao longo das cadeiras, afastados, que ninguén escoite as nosas coitas. Tres factorías enormes cuspen refrescos, chocolatinas, cafés e auga mineral de Sigüenza. Calor abafante. Un mozo chora mentres unha muller nova coa que non ten demasiada confianza intenta consolalo pasándolle a man polo lombo. Dous matrimonios cincuentóns falan dunha cartilla de aforros e de ir mañá a primeira hora a facer non sei que cousa, están todos de acordo, elas visten de agoiroso negro, falan en alto, non se ve afectado ningún dos catro, deciden ir xantar. Chega unha enfermeira e todos calamos, comeza a pronunciar nomes e apelidos, coma nos campos de concentración, a cada novo nome un grupo desaparece para ir a outra sala onde será informado. De cando en vez incorpórase algún novo membro á cela pouco implicado sentimentalmente, e comeza a salferirnos cunha morea de trivializacións que dan ganas de ir a por un desfibrilador e aplicarlle a máxima potencia para que cale dunha vez por todas. Calor abafante. E alí agochadiño, no medio de dous abrigos, entre unha revista e un bolso asoma un libro, vexo que é de Fóra de Xogo, non me resisto a tirar un chisquiño del para lle ver o título cando non me ve ninguén e... velaí o está, Cando petan na porta pola noite, unha magnífica obra dun amigo desta Selva, interpreto o feito como unha chiscadela da vida. Por fin somos dos elixidos e pasamos á outra sala. E os familiares queren respostas, unha explicación convincente que desvele o misterio, unha palabra á que lle botar a culpa. E o tac e demais probas médicas póñenlle unha chea de etiquetas á señora da gadaña. Un berro estarrecedor sobe polas escaleiras desde urxencias e ti dis “acaba de morrer alguén”.
Non se sabe se será hoxe o día ou aínda quedan esperanzas de melloría, tampouco se sabe que significaría melloría.
“É lei de vida”
Que frase! Apenas dez letras que abranguen boa parte da historia do pensamento. Nunca reparara na grandiosidade desas palabras, aí as catro xuntiñas resumíndoo todo.
Esta noite non se presenta moi boa pero han de vir outras mellores.
Mentres, deséxolles moi boas festas a tod@s os paseadores desta, a súa, selva.

21/12/07

O xantar

E agora que imos xantar?

29/11/07

Sen dicir

[José Carlos Vázquez - Seducción]
Seica hai quen di que as mulleres non son claras, que non sabe un a que aterse. Algunhas opinións máis especializadas afirman que iso non é bo para o entendemento da parella. Outros que estudaron aínda máis sosteñen que ese comportamento é produto do sometemento secular sufrido polas mulleres que derivou neste caso na non verbalización do propio.
Seino e, malia todo iso, ou precisamente por todo iso, a min gústame dicir sen dicir e que ti me adiviñes.

9/06/07

Zootropo

Aínda que no fondo iso remataría con calquera resto de interese pola miña parte, teño que recoñecer que ás veces desexaría que te moveses á velocidade que eu marco.
[Por certo, sempre quixen ter un zootropo, paréceme un obxecto encantador.]

6/06/07

Círculos e espirais


Debuxo círculos concéntricos e espirais para que te perdas en min.