Páxinas

Amosando publicacións coa etiqueta Xogos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xogos. Amosar todas as publicacións

2022/04/23

Campaña de animación á lectura 110 / Entrada número 1000

 


E agora vaste portar ben, vas ler en alto e pronunciando devagar.

_____________

Entrada número 1000

Non é que teña demasiada importancia pero neste sistema decimal sempre sentimos admiración polos números redondos. Acabo de descubrir que esta entrada completa o milleiro, non significa nada, quizais só supoña unha proba da confirmación do vínculo.

Iso si, celebro que fose unha entrega da campaña de animación á lectura. 

LER TE sempre foi un dos meus xogos favoritos.


2012/11/07

Lectura automática




Leo de forma totalmente automática mentres o meu cerebro ensaia mesturas imposibles de pensamentos paralelos, poderíaseme monitorizar e non se apreciaría nin unha soa alteración: os latexos, a suor, as meniñas dos ollos, a presión sanguínea e a voz mantéñense mecanicamente estables. Un par de páxinas máis e saberei datar con exactitude o texto mentres enfío estas palabras. Coa crise de comezos de século perdín o traballo e para non caer nunha depresión comecei a ler todo o que se me pasaba por diante. Un día, na web do ministerio da guerra publicaron a convocatoria desta praza temporal. Si, son moitas horas, xa o di todo o mundo, mais o traballo non mata. Seino, non é ocupación para calquera pero tamén ten moitas vantaxes. A subministración de osíxeno 100% puro garántencha de balde no período de contratación, incluídas as horas extras. Cada dúas páxinas tes dereito a un grolo de auga que podes ir acumulando segundo as túas necesidades e levar o sobrante para a cela. Escolles ti as lecturas no repositorio central sen pasar os controis da calidade lectora e concédenche permiso nas horas de traballo para tocar sen luvas. Si, a min tamén me estrañou moito isto e preguntei se habería algún peligro, aseguráronme que non había risco ningún, seica poden percibir o paso das xemas dos dedos polo papel e mais o seu olor. E o máis importante, os mortos daquel verán non podrecen.

2012/09/26


Antes chamábanlles chats, non?
Dentro de pouco non será nin emocionante.

2011/08/14

Entre lamber e morder



Nas terrazas de verán os temas son completamente diferentes aos das mesas interiores que nos acollen noutras épocas do ano.
Atrapados baixo os parasoles e para evitar o sopor das primeiras horas da tarde as conversas reláxanse e derivan en mensaxes ambiguas, sen evolución coherente, pero que provocan o riso dos congregados. Como quen non quixo a cousa, e partindo dun solombo demasiado pouco feito, a conversa foi dar nos xeitos de morder e as súas variedades, puxemos os dentes a traballar e trabamos e abocamos.
Alguén lembrou aquilo de "máis vale lamber que morder", pero véndote alí sorrindo as ocorrencias alleas mentres tomabas a túa bóla de xeado, o meu desexo oscilaba entre darche a morder a miña queixada para que a abocases ben cos teus dentes perfectamente aliñados ou que te dedicases a lamber lentamente o meu colo coa túa lingua xeada.

2011/08/12

Noutras mans


Ultimamente gústame imaxinarte noutras mans, rodeado de mans, toqueteado, sobado, manoseado, abandonado a mans alleas, saboreando o pracer que che provocan mentres o teu goce fai de min unha voyeur prisioneira.

2010/09/24

Versátil


K? Ola. Si, son eu. Que que teño entre as pernas? Algo a piques de estalar contigo. Sexa cóncavo ou convexo, ou as dúas cousas, quere foder xa. Versátil. Se non che interesa colgamos e tan amigos. E ti como estás? Hai que ver como sabes. É cuestión de saber darlle á tecla e a algo máis. Que ben vivides os universitarios! Eu teño bastante máis roupa enriba, quen me dera estar coma ti! Aire acondicionado. Si, sempre é a primeira vez. Non é necesario, gústanme as sorpresas. Ás seis e media nos baños do Museo do Mar. Culturetas, pero quente abondo para te cravar contra a porta. Para que aprendas. Non te preocupes, teño experiencia en tapar todo tipo de buratos. Non todo vai ser pasta. Si, bocas tamén. Vas querer ti tapar a miña? En que o notas? Hostia! Cala, cala, que agora non podo. As travesuras déixaas para despois. Non traias un pantalón moi ceñido, non me gusta pelexar co botón e a cremalleira. Con. Agora teño que colgar. Depende de como te portes. Ás seis e media. Xa te atopo eu a ti.

2010/08/03

Campaña de animación á lectura 68

Fotografía de Guy Bourdin.

Atópote na viñeta.
Por fin chega a pista que agardaba despois de dous meses sen saber nada de ti.
E seguimos xogando ás agachadas.

2010/01/04

Carta aos Reis Magos de Oriente


Como seguro que o esqueciches, escribín por ti a carta aos Reis Magos:

1 - Unhas sabas crúas de Frette para que todo sexa tan suave como a pel.
2 - Uns xeos corporais aromatizados de Kenzoki (a unique product to use along or with your favourite person) para derretilos entre nós.
3 - Un ipod touch gravadiño por detrás co verso de Kavafis (amada sensación, volve e tómame) e dentro o disco Viatge a Ítaca de Llach e unha foto para permanecer.
4 - Un bote de The rain cocoa de Chocolat Factory para cando desexes ser lambido ou queiras ser larpeiro do meu corpo.
5 - Un planisferio para que che invente unha historia diferente no ceo de cada noite.

2009/11/30

Viaxes

[Fotografía de Anton Postnikov]

Metera toda a roupa ben arrombada na maleta e comezara a vestirme. Aínda quedaba media hora para marchar, pero o caer da saia polas pernas abaixo fixo que comezase a viaxe pola miña conta. Sen te agardar.

Agárdame ti cando tarde demasiado en baixar no ascensor.

2009/10/01

Acórdaste?

[Imaxe tomada de Que queres que che conte]

Xente nova amoreada fronte ao escenario da Olympus. El agharrouna e díxolle:

- Acórdaste?

Ela dixo:

- Se houbese de que...

E el retrucou:

- Pois arrimate aquí que che fagho memoria.

2009/08/01

Eu papoula, ti amante

[Fotografía de Yuri B]

Vento
eu papoula
ti magnífico amante
suave, enérxico, voluble...

2009/07/13

Diversión contra a chuvia

Pois si, chove, e non é que me importe demasiado, e mesmo agradezo un día de poalla constante.
Debido a unha reclamación, desta volta traio un moderno modelo de paraugas- pistola de auga de Alex Woolley que pode resultar moi divertido para xogar, e desde logo clásico non é.

2009/06/14

Refresco


Que pracer comezar cos pés a crear tempestades de frescura na bañeira.
E logo aumentar o contacto ata introducirte toda no cadaleito branco.
E finalmente meter a cabeza e escoitar os sons distorsionados baixo a auga querendo experimentar aquilo que foi nun principio.
E abrir os ollos, e ver como se achega a túa figura deformada e asombra todo.
Percibir a túa repercusión no líquido quedo. E abrir.

2009/04/24

Campaña de animación á lectura 62

[Fotografía de Nicola Ranaldi]

Supoño que cando se fala do pracer da lectura tamén se inclúen esoutros praceres en que de cando en vez derivan as palabras alleas.

2009/03/26

A vista

...
Si.
...
Si, claro, gústame mirarte.
...
Non preguntaras.
...
Si, cando agardas.
...
Ou non. Paréceche mal?
...
Intuíao.
...
Si, claro, volverei a facelo.

2009/03/18

De ovos e fariña

Ía o venres camiño do súper polo recuncho entre as montañas e despois de varios centos de metros decateime de que levaba un bo anaco esquivando cascas de ovo e algún paquete de fariña. Si, as tradicións están moi ben pero estragar ovos desa maneira parece unha soberbia desas que anoxan ferozmente aos deuses do Olimpo, os froitos da terra tratados desa maneira...

Estaba Demeter sentada contemplando o solpor desde un deses cumes que se ven entre os edificios cando viu a desfeita polas rúas.
Anoxada mandoulle un sms a Zeus para que viñese decontado, o deus dos deuses estaba fóra de cobertura.
Demeter colérica chamou a Hera para ver se estaba con ela.
- ola, ond andas?
- tou n xulghado, n1 voda xlo civil, k krs?
- anda o zus kontigo?
- non, non tño nin idea de ond s mteu, andach moi raro, agora o tio pons fora de kobrtura e os d+ a sprar. xa ll val. sguro k anda kon outra x ai, paso dl. k krias?
- Stou suprkabrada
- e lg? k ch pasou?
- os do kurruncho andan a tirar comida polas rúas
- Jodr, komo s pasan. Dillo a Zus e k lls mand unha morea de raios.
- Xa o chamei, sta fora d kobrtura, x fin, aí ven Zus, deixot, xa ch direi, bks
- deik
E chegou Zeus onda Demeter para ver que lle quería:
- Ond t mtichs? Levo aki 4 horas sprandot!
- Oes, k tño + kousas facr. Ad+ apura k tño prsa, k xa stou ata os kollons de tantos duss paki e pali todo o puñtiro dia.
- Val, non t moskees, mira k os do rekuncho levan todo o dia tirando komida polas ruas.
- E k krs k ll faga?
- jodr, pois s ti non fas nada non sei kn o vai facr. Non sei, mandalls unha boa trboada, dsas das túas k kdn sn ntroido.
E quixo Cloto que por alí pasase naquel momento Dionisio.
- Hom Dioni, vas d ida ou ainda vs d volta da d ont?
- cala hom, cala, k vou malismo, k ont m mtron d garrafon e tño k ir polo supr a x acuarius k non aguanto do stomago
- Pois s vas polo supr vai con ollo k tñn todo feito 1 mrda, staballo kontando aki ao Zus para k lls nvie 1 trbon e os deix sn ntroido
- tia ti alucinas, komo imos kdar sn ntroido! non ves k dspois vn a puta korsma.

E, entre unhas cousas e outras, ao final, non comprei a fariña para as orellas.