Leo de forma totalmente automática
mentres o meu cerebro ensaia mesturas imposibles de pensamentos
paralelos, poderíaseme monitorizar e non se apreciaría nin unha soa
alteración: os latexos, a suor, as meniñas dos ollos, a presión
sanguínea e a voz mantéñense mecanicamente estables. Un par de
páxinas máis e saberei datar con exactitude o texto mentres enfío
estas palabras. Coa crise de comezos de século perdín o traballo e
para non caer nunha depresión comecei a ler todo o que se me pasaba
por diante. Un día, na web do ministerio da guerra publicaron a
convocatoria desta praza temporal. Si, son moitas horas, xa o di todo
o mundo, mais o traballo non mata. Seino, non é ocupación para
calquera pero tamén ten moitas vantaxes. A subministración de
osíxeno 100% puro garántencha de balde no período de contratación,
incluídas as horas extras. Cada dúas páxinas tes dereito a un
grolo de auga que podes ir acumulando segundo as túas
necesidades e levar o sobrante para a cela. Escolles ti as
lecturas no repositorio central sen pasar os controis da calidade
lectora e concédenche permiso nas horas de traballo para tocar sen
luvas. Si, a min tamén me estrañou moito isto e preguntei se habería algún peligro, aseguráronme que non había risco ningún, seica poden percibir o
paso das xemas dos dedos polo papel e mais o seu olor. E o máis
importante, os mortos daquel verán non podrecen.
Nenhum comentário:
Postar um comentário