Páxinas

Amosando publicacións coa etiqueta Opinión. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Opinión. Amosar todas as publicacións

2010/10/27

A REVISTA RETRANCA "SECUESTRADA" POLA IMPRENTA


Reproduzo a nota de prensa publicada no blog da revista, envíolles a miña solidariedade ante semellante atropelo da liberdade de opinión.

A revista Retranca, especial visita do Papa, secuestrada pola imprenta
O número da revista Retranca que estaba a piques de saír, que tiña como tema central a próxima visita do Papa a Galicia, acaba de ser secuestrado pola imprenta. Os propietarios da empresa Imprenta Jiménez Godoy, radicada en Murcia, néganse a entregar os exemplares da revista para a súa distribución, aducindo o seu desacordo moral co contido da mesma.
Nunha conversa telefónica mantida con Kiko da Silva, director de Retranca, o dono de Imprenta Jiménez Godoy explicou que a revista, aínda que xa estaba impresa e lista para o envío á distribuidora, non se ía entregar porque a empresa que dirixe estaba en total desacordo “co ataque ao Papa e á Igrexa”. É a primeira vez que unha imprenta, cun traballo xa impreso e cun contrato de por medio, decide unilateralmente non entregar a publicación alegando a súa disconformidade cos contidos da mesma. Retranca deixa claro que foi a imprenta a que acudiu á nosa empresa para ofrecerse a imprimir a nosa publicación, sabendo de sobra que se trata dunha revista satírico-política.
Desde Retranca queremos tranquilizar aos nosos lectores anunciando que o número secuestrado estase a imprimir xa noutra imprenta e que chegará aos quioscos en breve.
Tamén queremos facer público que estamos tratando cos nosos avogados para tomar medidas contra os danos e prexuízos causados polo incumprimento de contrato da Imprenta Jiménez Godoy.
Retranca é unha revista galega de humor satírico que leva nos quioscos desde o ano 2007 e que o vindeiro sábado día 30 de outubro celebrará o seu terceiro aniversario cun acto no Café Moderno de Pontevedra ás 20.00 horas. Retranca, a primeira revista galega de humor que consegue sobrevivir sen subvencións, recibiu na súa curta existencia o Premio do Público do Salò do Cómic de Barcelona e acaba de recibir o Premio Ourense á Mellor Iniciativa de Banda Deseñada.
O número era un especial sobre a visita do Papa a Galicia, e conta como autores invitados a colaboradores de la revista EL JUEVES (Jordi March, Guillermo, Manuel Bartual , Fer e Bernardo Vergara) ademais dos colaboradores habituais da revista.
Contacto Kiko Da Silva
revista.retranca@gmail.com

2009/09/28

O caso Polanski e a dobre moral

Polanski foi acusado de violación a unha menor tras uso de drogas, perversión e sodomía. Tras unha negociación co fiscal Polanski recoñeceu a súa culpabilidade dun cargo menor, o de ter relacións sexuais ilícitas cunha menor. Grazas a isto foi condenado en primeiro lugar a un período de reclusión de 90 días para lle realizar unha análise psiquiátrica que axudase ao xuíz a que determinase a sentenza final. Nese período concédeselle un permiso e foxe do país. Anos despois a agredida retira os cargos. Cambia iso os feitos?

Sempre e cando se respecte a legalidade estarei pola busca internacional de todos aqueles que cometen calquera tipo de delicto porque creo firmemente no proxecto dunha xustiza planetaria que non dea acubillo a quen non o merece.

Como persoa e maiormente como muller alégrome da detención de Polanski e condeno esa dobre moral que se lle está a aplicar a este caso polo feito de ser o agresor un persoeiro do mundo do cine e non vén a conto ese corporativismo mal entendido. Xa deberiamos ter superado cuestións tan básicas como esta de saber que a obra destacada dunha persoa non a libera das responsabilidades cívicas comúns a todos nós.

2008/12/20

Algo de sentidiño aínda queda

Durante meses esta imaxe proclamou na Selva a denuncia contra o intento dos gobernos europeos de impoñer unha xornada laboral que viría reducir drasticamente o tempo de lecer dos traballadores e traballadoras condenándoos aínda máis a unha vida dedicada case en exclusiva ao mantemento dun sistema económico baseado no consumo desmesurado cunha repartición da riqueza absolutamente inxusta. Dentro deste contexto, alégrame gardar a imaxe porque, algo de sentidiño aínda queda, e esta semana o Parlameno europeo por maioría rexeitou esa reforma laboral.

2008/11/05

Barack Obama presidente


Esta noite USA berrou Yes We Can e deulle maioritariamente a confianza a este home novo e negro para habitar esa casa tan branca. Asemade Obama tamén é noso, depositamos nel as nosas esperanzas de conseguir un planeta mellor.
É moito pedir? Si.
Pero... HE CAN.

2008/11/02

Que non cale, que fale

Que fale e non agache, a transparencia a longo prazo nunca pode ser negativa. A verdade hai que afrontala e se non é a que queremos deberemos tomar as medidas necesarias para modificala. Agachar os problemas nunca foi boa solución.

Oféndeme tanto papanatismo monárquico, os medios sementan tal Alzheimer social que de aquí a nada a poboación non vai lembrar máis aló do que aconteceu a fin de semana pasada nas carreiras. Xa esquecemos que a presenza destes monarcas nas nosas vidas obedece á vontade dun ditador de extrema dereita? Xa se nos borrou da mente que Juan Carlos está onde está porque aceptou o réxime franquista enfrontándose ao seu propio pai?

Non, non, que a raíña fale, que fale, que exprese as súas ideas:

- Non ao matrimonio de homosexuais e lesbianas.
- Non ao aborto.
- Non a informar sobre a violencia machista.
- Non á eutanasia.
- Si á relixión nos colexios.

Que fale, que así me permite manter argumentadamente que, por todo o anterior, non creo que deba/poida representarme en ningún foro.

2008/06/04

Las chicas de la lencería

A cousa prometía, entre o tráiler e os premios Las chicas de la lencería parecía unha boa opción e case que ías a tiro fixo. Aldea suíza montañosa, micromundo, vella viúva con depresión pola morte do home decide seguir os consellos dos que a rodean e reaccionar, para iso recupera un soño de mocidade, montar unha tenda de lencería. A partir de aí as reaccións dos diferentes axentes sociais que estruturan o mundo do cosmos-aldea e xa temos a historia montada. Podería ter sido un moi bo filme, o tema permitíao, pero claro, xa se sabe, para unha dirección talentosa calquera tema é bo. E todo iría ben se a protagonista e as súas amigas non derivasen nun grupiño de mulleres tipo xatevinmilveces e todo fose rosarosarosa no peor sentido da palabra. O que vai ocorrer é tan evidente que, se marchas cara ao final, es capaz de contarlle a outro como remata cun centoporcento de acerto. Filme politicamente correctísimo onde os haxa o que xa é incrible é que algúns sectores pretendan vendelo como un produto superfeministaquerachascoapana que anima as mulleres a buscar o seu propio camiño, bla, bla, bla... En fin, unha queda coa rabia de non ter visto esoutro filme que podería ter sido.

Clasificación selvática: 4 (Como aburrirse diante dunha pantalla)

2008/03/04

Debate eleccións xerais 2008

O de hoxe foi un debate electoral diferente, estiven no Blog dos Pelachos nun chat mentres se desenvolvía o programa, foi divertido e desde logo fixo a experiencia moito máis levadeira. Parabéns a Leco pola iniciativa.

2008/02/24

12 ANOS DE VIEIROS

polo buscador
polo cartafol
pola comunidade
polo compromiso
polas crónicas de María Reimóndez
pola diversión
polos especiais
polo espírito
polo estilo
pola constancia
polo Galego.org
pola información
pola innovación
pola opinión
polo rexistro de cada un dos meus días
PARABÉNS VIEIROS