Páxinas

Amosando publicacións coa etiqueta Elas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Elas. Amosar todas as publicacións

2016/08/26

O cliente



Kajol, nin sequera sabe a súa idade, talvez 17 porque cre que tiña 8 anos cando a casaron. Ese home que a rodea cos brazos non é o seu avó, nin o seu pai, nin sequera o seu marido, podería selo pero non o é, el é o cliente do prostíbulo de Bangladesh onde "sobrevive".
O cliente ten moitas caras, olores e tactos pero sempre é quen paga, non a ela, pero paga. O diñeiro dálle dereito a ser compracido debidamente porque el sempre ten a razón, sen el non hai negocio, si, el é o culpable, o cliente.

Vía Sandra Hoyn..

2012/09/26


Antes chamábanlles chats, non?
Dentro de pouco non será nin emocionante.

2012/06/12

Are you alone?


Rematou a quinta temporada de Mad men.

2011/09/10

Virxilio Fernández Cañedo (1925-2011)

Os contemplativos (Virxilio, 1988)

Prematuramente ten que ver a luz un dos sofás da Selva porque 8 de setembro faleceu o autor da fermosa pintura, Virxilio.

Un día soou o timbre, dixeron o seu nome e abriu pensando que se trataría de correo, despois duns minutos de escoitar tombos e voces polas escaleiras tiña na súa porta dous rapaces que lle traían un sofá, ela non mercara ningún sofá pero os datos da entrega eran os seus, o moble viña acompañado dun sobre cunha tarxeta coa mensaxe: ÍSPETE, TÓMBATE E CERRA OS OLLOS. Como non tiña sitio na casa indicoulles que o deixasen no medio e medio da sala, xa logo había pensar que facía con el, agora só podía intentar poñerlle nome ao autor de semellante agasallo.
Pensou que se facía o indicado habería de ter unha visita e espiuse e tombouse e cerrou os ollos e agardou a súa chegada.
O sofá resultaba cómodo malia non ser excesivamente largo senón máis ben un chisco curto para se poder estarricar toda. 
Pasaban os minutos e ninguén daba sinais de vida, pensou que quizais non sería unha visita senón unha chamada e procurou ansiosa o móbil no bolso, na cociña, na cama, ata atopalo apagado enriba do moble do baño. Acendeuno coa esperanza de ter algunha chamada perdida pero nada. Pousou o móbil á súa beira no chan e volveu a tombarse no sofá.
Tiña a rixidez xusta, amoldábase ao corpo sen se afundir, era realmente cómodo. Cos ollos cerrados pensou nas fermosas listas anchas en papaia e azul maia separadas polas finiñas douradas da tapicería que acariñaban a pel.
E alí tombada esqueceuse de si mesma e veulle o sono, e soñou mundos de cores imposibles mentres elas e eles entraron con cadansúa tarxeta no peto onde se podía ler: ENTRA, CALA, CONTEMPLA E MARCHA.

2011/05/14

Ninon de Lenclos




En xullo de 2007 comezara a escribir unha entrada sobre Ninon de Lenclos que viñera a conto por un post que vira nun blog chamado Laranxa (un dos defuntos do blogomillo).
O post en cuestión lembrárame a célebre cita de Ninon de Lenclos: O peito de muller perfecto é aquel que cabe na man do home decente.
Case catro anos despois xa é hora de que a pobre Ninon abandone o refuxio dos borradores esquecidos.

A Raíña do Amor nace en París en 1620, de nena seu pai abandona á nai que lle dá a educación dunha futura cortesá e con dezasete anos queda orfa mais cunha herdanza que lle permite mercar a súa casa no nº 36 da rue des Tournelleque que logo se había de converter nun selecto centro de reunión da intelectualidade e a política parisiense. Durante décadas, a súa casa era o lugar de reunión preferido polos nobres franceses, nos seus salóns dábanse a man a cultura, o liberalismo e o respecto propios de persoas que vivían alleas a todo o vulgar.

Non casou nunca e decidiu vivir coma un home na época, isto é, comportándose moralmente como a persoa que menos ten que perder nunha relación fronte á submisión para a muller que imperaba naquela altura. Tiña por regra inviolable non recibir nunca ningún agasallo dos seus amantes e cando deixaba de amalos non os enganaba, simplemente llelo dicía con sinceridade. Posuía a habilidade de conservar a amizade dos seus antigos amantes ao longo da vida e mesmo conseguiu o aprecio e respecto de moitas das esposas dos seus amantes.

En 1705, Ninon morre con 85 anos, respectada por case todos, amada por moitos e considerada por aquela altura de xeito unánime como a auténtica raíña do amor.
Amante das artes deixoulle de herdanza ao sobriño do seu último amante a súa biblioteca persoal e unha importante cantidade de diñeiro para que mercase libros, co tempo ese neno de nove anos habíase converter en Voltaire.

Estas son algunhas das citas máis coñecidas de Ninon:
A galantería é unha intriga amorosa na que queremos que o adversario nos avantaxe.
A resistencia dunha muller non é sempre proba da súa virtude, senón máis frecuentemente da súa experiencia.
Cando se teñen cumprido os nosos soños é cando comprendemos a riqueza da nosa imaxinación e a pobreza da realidade.
Nas idades da galantería, o amor platónico é a paixón da vellez.
Non existe ningunha muller que non prefira un pouco de trato áspero a unha excesiva consideración.
O amor é unha comedia na cal os actos son moi curtos e os entreactos máis longos: como encher os intermedios senón é mediante o enxeño?
Precísase máis xenialidade para facer o amor que para liderar exércitos.
Quen ten deixado de agradar perdeu o dereito de facer reproches.
Unha muller sensible debería ser guiada pola súa cabeza cando procure un marido e polo seu corazón cando procure un amante.

2011/05/03

Al filo de lo imposible!


O subconsciente quixo agasallarme cun encontro casual e fugaz.
E un mundo circundante alleo a nós foi testemuña ignorante desas tres horas al filo de lo imposible!

2010/10/29

Marcelino Camacho (1918-2010)

Este día de chuvia trae a triste noticia da morte de Marcelino Camacho, home co que non coincidín xeracionamente, foi porén unha figura que sempre me transmitiu boas vibracións.

Na manifestación do 1 de maio de 1979 (aparecen con el na foto, entre outros, Nicolás Redondo, Tierno Galván e Santiago Carrillo).




Como do seu labor sindical, xa se ha de falar moito noutros lugares, quero traer á Selva outro perfil del, o debuxado por Josefina Samper, esposa e compañeira de Marcelino Camacho, en 1985, que nun programa de radio falaba del nestes termos (na entrevista tamén o podemos escoitar contando as súas vivencias familiares):




E unha pensa, como muller, e con todo o respecto do mundo, que tamén a esquerda durante longo tempo foi un terrero ermo para mulleres. A moitas delas tocoulles o papel de seren outra caste de viúvas de vivos, xa non as dos emigrados, senón as dos presos, que non detrás, senón, cabo deles, tamén deberían compartir a gloria da memoria histórica.


E como o destino non deixa de ser por veces caprichoso e ata tenro, quixo que a última foto de de Marcelino Camacho en vida fose co seu partenaire na loita sindical española, Nicolás Redondo.


Vaian as miñas palabras na honra deste home, desde o firme convencemento de que sen el, moit@s traballador@s terían tido unha peor existencia.
O meu pésame para a súa xente e para CCOO.

2010/09/27

Seis anos da morte do nuxu


O 27 de setembro de 2004, hai hoxe seis anos, morría case centenaria Ian Huaní, a última persoa que aprendeu nuxu ou nu shu de forma natural a través das mulleres da súa familia.
Desde o século III da nosa era as mulleres dunha pequena zona da provincia de Hunan desenvolveron un sistema de escrita propio, que se transmitía de avoas a netas, e que nunca, baixo ningún concepto, podían aprender os homes. Ata tal punto se mantivo o segredo que o nuxu permaneceu oculto ata 1982.
Este código lingüístico tamén tivo versión escrita no denominado Libro do terceiro día. Tres días despois da voda, as mulleres da casa entregábanlle un caderno á nova casada, alí podía atopar unhas páxinas dedicadas á dor da perda dun ser querido simbolizando a partida, ensinanzas básicas nun momento da vida moi duro para elas que tiñan que deixar a súa aldea para comezar unha nova andaina cun home descoñecido ao que nunca viran e logo páxinas en branco que ela había de cubrir coas súas vivencias. Cando morría a autora o libro soterrábase canda ela. 
Conta a lenda que o nuxu foi inventado por unha fermosa concubina que pertenceu a un emperador da dinastía Song (960-1279) e que secuestrada no pazo creou o nuxu para se comunicar secretamente cos seus parentes no exterior, a lingüística fala dunha orixe máis remota e menos romántica.
Un ano máis lembramos na Selva esta data e para iso voulles deixar unha composición de Cartas do terceiro día de Marcos Calveiro, inspirado nesta tradición. Esta obra, que recibiu en 2005 o Premio de Poesía do concello de Carral, contén vinte e nove cartas dirixidas a quen puido ser a derradeira falante deste código feminino.

Miña filla:
Jinzhu
era o alcume de miña avoa,
Xinhuai
era o de miña nai,
elas e as demais labregas
da prefectura de Jiang Yong,
Provincia de Hunam,
que sabían da súa nacencia e serventía,
xamais souberon ler ou escribir en han
nin os seus nomes
nin os de seus fillos
nin os dos paxaros
que brincaban nas leiras,
emporiso ensináronme

na súa secreta linguaxe
o pouco que sabían,
o pouco que eu tamén sei
e que agora quero entregarche
nestas cartas que escribo coas túas irmás
na terceira xornada de convite e rexouba
dende o teu casorio arranxado
polo alcoviteiro da aldea
co teu pai e a familia dese prea
co que ves de casar.


* Curiosidades, buscando o poema descubrín que xa daquela o lía.

2010/09/24

Versátil


K? Ola. Si, son eu. Que que teño entre as pernas? Algo a piques de estalar contigo. Sexa cóncavo ou convexo, ou as dúas cousas, quere foder xa. Versátil. Se non che interesa colgamos e tan amigos. E ti como estás? Hai que ver como sabes. É cuestión de saber darlle á tecla e a algo máis. Que ben vivides os universitarios! Eu teño bastante máis roupa enriba, quen me dera estar coma ti! Aire acondicionado. Si, sempre é a primeira vez. Non é necesario, gústanme as sorpresas. Ás seis e media nos baños do Museo do Mar. Culturetas, pero quente abondo para te cravar contra a porta. Para que aprendas. Non te preocupes, teño experiencia en tapar todo tipo de buratos. Non todo vai ser pasta. Si, bocas tamén. Vas querer ti tapar a miña? En que o notas? Hostia! Cala, cala, que agora non podo. As travesuras déixaas para despois. Non traias un pantalón moi ceñido, non me gusta pelexar co botón e a cremalleira. Con. Agora teño que colgar. Depende de como te portes. Ás seis e media. Xa te atopo eu a ti.

2010/08/13

Sereas

Hai pouco estiven visitando un blog cheo de sereas (nereidas), non lembro como cheguei a el e non tiven a precaución de engadilo nos marcadores pero fíxome lembrar que nunca trouxera á Selva o doce canto das fermosas tentacións mariñas.

Edward Burn Jones: As profundidades do mar (1887).
Cáenme ben as sereas, aínda que só sexa porque nacen dunha misoxinia evidente e dóeme ver como se condena a todas elas sen clemencia, como á Maruxaina de San Cibrao. 

Ninguén pode contemplar a posibilidade de que algún mariño morrese feliz no seu sucumbir ao doce canto?

2010/07/31

2010/06/20

Intimidades alleas



Podo apreciar ese minúsculo aceno da túa boca cando te bica na caluga porque nunca lle dixeches que che estarrece o corpo todo. Vexo cando abres a neveira con bulimia mentres está diante do portátil na sala. Sigo as túas carreiras pola casa para esconder o xoguete, ese que nunca compartes. Sei onde agachas esoutro móbil que só acendes cando tes toda a casa para ti. Comprobo contigo cada noite o seu historial de navegación e contigo, o contido do seu bolso. Divírteme cando recibides a eses amigos vosos que beben tanto, e rin tanto, e se tocan tanto, e se bican tanto, e acabades follando na cociña en canto marchan mentres eles o fan no voso portal. Adiántome ás vosas discusións por como pousades as chaves ao chegar á casa ou por como facedes o café polas mañás. Asexarvos permitíame saber de cada un de vós cousas que o outro ignora ata que esta mañá deixastes un convite para cear na miña caixa de correo.

2010/05/21

Ti ven, que aquí te espero

Woman Worker, Lee Howl pump factory, Tipton, 1978 vía Cosmopolitan scum.

Estes días de sol estanme aproveitando que é moito aproveitar, e iso que non che ando moi católica, pero por fin estou poñendo as cousas ao día, que claro, sempre na fábrica, sempre na fábrica e unha acaba non tendo vida ningunha.
A tele xa non a vexo nada e os papeis, para que miralos, que para o que hai que ver e ler, mellor coidar a cabeza dunha que tampouco está a consellería de sanidade por me pagar unha temporadiña nunha clínica desas ás que van as ricas. Iso si que é vida, descansas como unha marmota e aínda te deixan tipo fino.
Hai un anaquiño deixei a máquina, non é un descanso, que aquí diso non temos, é o tempo que lles leva cambiar o xogo de moldes das porcas por cada cinco mil unidades de produción, ou sexa, por cada cinco mil caixas desas que despois se mercan nas ferraxarías con 100 porcas dentro cada unha. O cambio dos moldes leva exactamente doce minutos e corenta e dous segundos que, grazas á loita das do sindicato, é o tempo que podemos parar en toda a mañá. Que hai días en que sería mellor non parar, sobre todo no inverno, que coa friaxe da nave che quedan os dedos das mans tesos e logo, ao comezar outra vez, doen máis as frieiras.
Pois aproveitei para ir ao excusado e de paso dar unha volta por ver algo, e non vou e dou cun post igualiño a un da miña Selva, que igualiño! copiado, tal cal! E alá fun eu correndo, que aínda habían pensar que me dera un mal, por ver se fora casualidade, non fose ser que o publicase eu máis tarde e quedase eu de copiona. Non, non, o meu foi antes, e xa quedei tranquila, que unha cousa é non ser orixinal e outra copiar coma na escola. E deume a risa, e ata me gustou, porque mira, se o copiou é porque tan mal non che estaba, e a pena que teño por non podelo contar, que aínda había amolar ben a algún que eu me sei.
E xa vai volver tocar o maldito chifre ese para volver ao traballo nesta máquina que me ten deslombada, aínda que algo de cariño xa lle teño, que a estreei eu xa vai para catro anos e nunca me fallou, que iso é polo aceite do coche, que sempre dixeron que non se lle podía botar nada. Pero que han saber eles! Unha vez á semana, xusto antes de marchar cando están todas recollendo, úntaslle os moldes ben untadiños e déixala toda a noite e ben que corre despois.
Ala! e xa está aí a nova facéndolle ás beiras ao supervisor, pois a min que nin se che ocorra cambiarme de máquina, que esta xa está da miña man e non lla penso deixar a ningunha laverca acabada de chegar así te poñas de xeonllos. Que si, que xa te vexo vir, fai sinais, fai, pois ven cando queiras, si, si, que non empece, non hai problema, ti ven que aquí te espero, que a máquina non ma quitas, que ti a min aínda non me coñeces,  ven, ven, que xa te estou vendo, que antes de nacer ti xa eu engraxaba as máquinas co teu pai, mamón!
Hai que ver o gusto que me dá moitas veces o cachiño este de Selva, que senón, a ver onde ía ir eu soltar estas cousas con esta pinta!

I say a little prayer

Aquí o orixinal das estudantes americanas de instituto aspirantes ao Glee Club:


Aquí os tipos divertidos:


Está claro, non?

2010/04/06


[Ilustración de Nuria Díaz]

"A violencia sexual, o maltrato de xénero, os abusos sexuais nos conflitos armados ou a violación como arma de guerra, son algunhas das temáticas que abordan os relatos e ilustracións de Camiñan descalzas polas rochas. Un libro co que Amnistía Internacional, a editorial Tris Tram e 21 autoras e ilustradoras galegas queren resaltar a universalidade dos abusos dos dereitos humanos das mulleres, cuxa raíz é a discriminación, pero á vez, queren destacar tamén o papel activo destas como axentes de cambio e defensoras de dereitos.

As mulleres organízanse en todo o mundo para poñer ao descuberto e para combater a violencia de xénero e é así como se logra modificar leis, políticas e costumes. Camiñan descalzas polas rochas é unha mostra."

Vía Emereci.