En xullo de 2007 comezara a escribir unha entrada sobre Ninon de Lenclos que viñera a conto por un post que vira nun blog chamado Laranxa (un dos defuntos do blogomillo).
O post en cuestión lembrárame a célebre cita de Ninon de Lenclos: O peito de muller perfecto é aquel que cabe na man do home decente.
Case catro anos despois xa é hora de que a pobre Ninon abandone o refuxio dos borradores esquecidos.
A Raíña do Amor nace en París en 1620, de nena seu pai abandona á nai que lle dá a educación dunha futura cortesá e con dezasete anos queda orfa mais cunha herdanza que lle permite mercar a súa casa no nº 36 da rue des Tournelleque que logo se había de converter nun selecto centro de reunión da intelectualidade e a política parisiense. Durante décadas, a súa casa era o lugar de reunión preferido polos nobres franceses, nos seus salóns dábanse a man a cultura, o liberalismo e o respecto propios de persoas que vivían alleas a todo o vulgar.
Non casou nunca e decidiu vivir coma un home na época, isto é, comportándose moralmente como a persoa que menos ten que perder nunha relación fronte á submisión para a muller que imperaba naquela altura. Tiña por regra inviolable non recibir nunca ningún agasallo dos seus amantes e cando deixaba de amalos non os enganaba, simplemente llelo dicía con sinceridade. Posuía a habilidade de conservar a amizade dos seus antigos amantes ao longo da vida e mesmo conseguiu o aprecio e respecto de moitas das esposas dos seus amantes.
En 1705, Ninon morre con 85 anos, respectada por case todos, amada por moitos e considerada por aquela altura de xeito unánime como a auténtica raíña do amor.
Amante das artes deixoulle de herdanza ao sobriño do seu último amante a súa biblioteca persoal e unha importante cantidade de diñeiro para que mercase libros, co tempo ese neno de nove anos habíase converter en Voltaire.
Estas son algunhas das citas máis coñecidas de Ninon:
A galantería é unha intriga amorosa na que queremos que o adversario nos avantaxe.
A resistencia dunha muller non é sempre proba da súa virtude, senón máis frecuentemente da súa experiencia.
Cando se teñen cumprido os nosos soños é cando comprendemos a riqueza da nosa imaxinación e a pobreza da realidade.
Nas idades da galantería, o amor platónico é a paixón da vellez.
Non existe ningunha muller que non prefira un pouco de trato áspero a unha excesiva consideración.
O amor é unha comedia na cal os actos son moi curtos e os entreactos máis longos: como encher os intermedios senón é mediante o enxeño?
Precísase máis xenialidade para facer o amor que para liderar exércitos.
Quen ten deixado de agradar perdeu o dereito de facer reproches.
Unha muller sensible debería ser guiada pola súa cabeza cando procure un marido e polo seu corazón cando procure un amante.
Nenhum comentário:
Postar um comentário