Páxinas

2011/05/10

Súper POP


A partir de hoxe xa non se vai poder mercar o Súper POP nos quioscos, realmente o que me parece incrible é que aínda seguise á venda. Por suposto, non o vou comparar con outras desaparicións recentes, esta noticia é como unha engurra máis debaixo do ollo, érgueste sen contar con ela e aí vai, contigo para toda a vida.
Sempre houbo renegadores e renegadoras do Súper POP, sobre todo dos primeiros, para eles falarlles da revista ou do cómic era como chamar polo demo, máis ou menos como falarlles hoxe de Justin.
Pero que tería sido da miña adolescencia sen aqueles números especiais con póster, e os recreos lendo en roda íntima a sección de “Mi primera vez”, era realmente emocionante! aínda que visto desde hoxe, nada meritorio. Agora que o penso, á que máis noxo lle daba todo aquilo e máis tiquismiquis se poñía, co tempo pasou a ser a máis beneficiada, e non era eu...
E o dos tests, “¿Te quiere el chico que te gusta?, ufffff, os números que había que facer para contestar de maneira que che saíse o que ti querías e cando saía, ves, xa cho dicía eu, é cuestión de tempo pero indicios hainos, si, si, máis que indicios había evidencias. Si, evidencias e ben grandes de que te volveras invisible por moito que te paseases mil veces nunha tarde por diante del e os seus amigos beirarrúa vai beirarrúa vén comendo pipas, si Facundo, que as do Eroski, Carrefour e Mercadona aínda non existían daquela.
E o que me custara conseguir o especial dos Pecos, que ata o tivera que encargar unha semana antes, e para logo rematar tan traxicamente, cantas horas escoitándoos ás escuras! pero iso é outra historia.
Pois xa saben, agora o Súper POP só na rede, formas de cambiar o mundo mentres nós avellentamos.

2 comentários:

matrioska_verde disse...

Lín a noticia no Facebook e nin me recordaba desa revista. A mín quédame moi lonxe e a miña filla sempre foi mais da revista “Cuore”. En fin, xa o dixo Machado: “todo pasa y todo queda…” Biquiños,

X disse...

Grazas :)