Case dous meses nun chanzo máis de abandono progresivo da Selva.
Tiña ganas de facer unha entrada e dar conta de que sigo viva pero cada vez custa máis subirse aos tacóns e pasear pola Selva.
Neste tempo estiven adestrándome nas disciplinas de dicir non, de mirar máis aló de min mesma, de repensar en plural e de dominar medos. Demasiado ambiciosa, seino, pero non daba decidido por onde empezar e fun a por todas. Ao mellor acabo como eses alumnos de primeiro de carreira, que despois de nove meses de xoldra e confraternidades varias, acaban afogados en setembro por quitar unha materia, a que sexa, pero capaces de matar con tal de conseguir un aprobadiño que lles permita manter a súa privilexiada condición de estudantes universitarios.
Fóra diso, que non é pouco, a Selva bota de menos a miña frescura, a creatividade, o entusiasmo, o pracer, e tamén, por que non dicilo, a reciprocidade duns paseantes infinitamente fieis.
E cine, moi pouco, pero diso darei conta noutra entrada.





















