Mostrando entradas con la etiqueta Recomenblogueando. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Recomenblogueando. Mostrar todas las entradas

20/06/08

Servando Barreiro

Hoxe recoméndolles unha entrevista de Magago a Servando Barreiro, un rapaz espelido que se dedica a inventar uns aparellos nos que mestura luz e son de formas novidosas. É un visual jockey, non, eu tampouco sabía o que era iso, vén sendo unha versión evolucionada dos pinchadiscos, agora pinchan vídeos combinando imaxes e son con parámetros diferentes aos habituais e fala de ondas de son, de ondas cerebrais, etc. O Ser, como se chama no Fotolog, agora anda por Berlín porque isto xa lle quedou pequeno hai uns anos, pero é mellor que o escoiten nas súas palabras.

18/06/08

Fisiólogus

Fisiólogus chegou por recomendación, sempre me intrigou como sería a conversa, pero así foi. E pasou con el como con esas persoas que un día alguén che presenta e apuntas na axenda "o amigo de..." para saber de quen se trata, logo xa lles coñeces o nome e ao final acaban tendo un oco propio.
Sempre críptico, afaste ao seu estilo coidado. Magnífico retratista, podemos atopar no seu Neobestiario algunhas perlas textuais dignas de ser copiadas e gardadas porque son certeiras como a frecha do arqueiro concienzudamente adestrado. Xa hai un tempo decidiu que precisaba outro espazo virtual e chegou a Neocrónica, esta irmá pequena é unha especie de escolla de pequenos fotogramas vitais.
A súa estética austera carece por completo dos elementos típicos que podemos atopar noutros blogs (anuncios, calendarios, contadores, músicas, etc.), nin sequera enlace ningún a outras bitácoras ou páxinas web fóra das súas. Esa simplicidade visual dálle tamén un ton íntimo ao que axuda a presenza duns cantos lectores/comentaristas e nada máis. Os outros, os que están e len e non comentan, non contan. Ao final resulta como unha superficie puída que acariñas cos dedos.
Gústalle dosificarse, quizais demasiado, pero aínda así sempre paga a pena a espera. É como un perfume do que cada certo tempo pousan na cara interior do teu pulso unha pulverización mínima. Permanece e gustas de recuperalo gozosamente achegando o pulso ao nariz durante as horas en que se vai esvaendo na mestura coa túa pel. De ser un dos meus perfumes Fisiólogus sería Blu de Bulgari, presente de cando en vez, intenso como unha cita breve desexada durante tempo, cun toque das miñas queridas acacias e azul como o Neobestiario.
Un pracer Sr. Fisiólogus.

13/06/08

Hidroterapia

E xa que vai de augas, unha recomendación para hoxe, non se perdan a fresca e suxestiva Hidroterapia de VaKaSToLaS, todo unha demostración de poder.

21/05/08

Lars and the Real Girl

Non vexas Lars and the Real Girl se es dos que cre que unha boneca non pode ter vida.
Luís Galego contáo moito mellor do que o podería facer eu.

Clasificación selvática: 7 (Lémbrame que debería ir máis ao cine)

14/05/08

Blogues pola lingua

Nace “BLOGUES POLA LINGUA” a rede de blogueiras/os en defensa do Galego.

14 Maio 2008 – 1:38 pm

  • Rexeitan os ataques que está a recibir o galego e apostan por estender o uso da lingua galega en Internet.
  • Adhírense ao manifesto da Mesa pola Normalización Lingüística e chaman á participación na manifestación do vindeiro domingo 18 de maio en Compostela.

Galiza, 14 de maio de 2008.- No día de hoxe ven de apresentarse publicamente a Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego. O colectivo baixo a denominación de “Blogues pola lingua” (BpL) está impulsado por un grupo promotor formado por seis autoras/es de blogues galegos.

O colectivo nace coa intención de defender e promover a lingua galega dende e na Rede, aproveitando as potencialidades da web 2.0 na que os blogues ocupan un papel destacado. “O nacemento de Blogues pola Lingua é un novo paso na liña do compromiso que ten o blogomillo co noso idioma” sinalan dende a comisión promotora. “Nun momento no que os ataques cara o galego non se disimulan, pensamos que era o intre de dar un paso adiante na defensa do idioma” recalcan.

A respecto da finalidade do colectivo explican que “Apostamos por estender o uso do galego na Rede para convertelo na lingua vehicular das galegas e dos galegos en Internet, conseguilo será un indicador da normalidade que unha inmensa maioría social reclamamos”.

A primeira acción de BpL foi a de lanzar dende o seu blogue (www.bloguespolalingua.blogaliza.org) un manifesto titulado “Na defensa do noso idioma”, e para o que agardan unha gran cantidade de adhesións nos vindeiros días, xa que a poucas horas do seu nacemento afirman ter recibido unha importante cantidade de correos electrónicos de blogueiras/os interesadas/os en apoiar esta iniciativa.

No manifesto indican que rexeitan todos os ataques ao galego especialmente “no caso de entidades que declarándose defensoras dun presunto, mais falaz, bilingüismo incorren en ser de facto unha manifestación do auto-odio”, din textualmente.

No texto chaman á cidadanía galega, e de maneira específica á mocidade, a participar o vindeiro 18 de maio na manifestación nacional convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística. Así mesmo declaran tamén a súa adhesión colectiva ao Manifesto “Polo dereito a vivirmos en galego” de A Mesa pola Normalización Lingüística.

====

(Texto da nota de prensa envíada a todos os meios de comunicación)

28/04/08

Galiza bilingüe e bisexual

Como a vida segue o seu ritmo particular sen atender o máis mínimo aos meus intereses, anda esta Selva medio asilvestrada, e así, como quen non quere a cousa, atópome con que hai máis de dous meses e medio que decidira dar conta aquí deste acertado texto do Levantador de Minas e aínda non o fixera. E como non todo vai ser poñer atrancos, desgraciadamente a vida tamén quere que o tema siga vixente.

17/03/08

Días estranhos - 5 anos

O blog de Martín Pawley cumpre cinco anos e faino principiando unha serie de recomendacións literarias de diferentes persoeiros que se abre coa intervención de Agustín Fernández Paz. Parabéns ao autor polo aniversario e pola iniciativa.

15/03/08

Praza das Letras

4/03/08

Debate eleccións xerais 2008

O de hoxe foi un debate electoral diferente, estiven no Blog dos Pelachos nun chat mentres se desenvolvía o programa, foi divertido e desde logo fixo a experiencia moito máis levadeira. Parabéns a Leco pola iniciativa.

1/03/08

Touché

Na Selva apareceu unha carta.
E tivo resposta.

Vía Pés espidos.

28/02/08

Blogueiro perspicaz

Vía Calidonia.

24/02/08

12 ANOS DE VIEIROS

polo buscador
polo cartafol
pola comunidade
polo compromiso
polas crónicas de María Reimóndez
pola diversión
polos especiais
polo espírito
polo estilo
pola constancia
polo Galego.org
pola información
pola innovación
pola opinión
polo rexistro de cada un dos meus días
PARABÉNS VIEIROS

12/02/08

Eléctricas

Tráiolles hoxe un texto un tanto atípico, trátase da presentación do libro Eléctricas de Manuel Lourenzo realizada por Rubén Ruibal que tivo a amabilidade de publicala en Alicia crece. Non se deixen asustar pola lonxitude, lese nun minuto, e nel asegúrolles que van atopar un lacazán divertido e fetichista.

23/01/08

Prata

[Fotografía de Janesdead.]

Descuberta musical

[A imaxe é o logo de Komunikando]

Parece que os amigos da Pirámide lle deben a isto do blogueo unha descuberta musical, confeso que eu tamén sufrín o mesmo proceso. Grazas ao blogomillo puiden acceder a un mundo totalmente descoñecido da música galega e agora nomes como A Regueifa, Sono-Tone, Komunikando ou RadioGaliza teñen o seu propio cartafol nos meus marcadores.

20/01/08

Explorando recunchos alleos

Peke amósanos hoxe xenerosamente parte do seu recuncho, e coa naturalidade que lle é propia resume a relación lectora e libreira.

10/01/08

Oxímoron

O señor Kaplan volve do retiro do nadal deixando as cousiñas claras. A partir dunha caricatura de El Roto converte o seu último post en Robinson en Ithaca nun verdadeiro exercicio de estilo que de seguro lles provocará un sorriso amargo.

5/01/08

A sala reservada do Prado

Para comezar tráiolles unha entrada titulada A sala reservada do Prado de Marcos Valcárcel en As uvas na solaina na que fai un percorrido por esa estancia na que durante séculos a visión de certas obras pictóricas estivo reservada aos ollos duns privilexiados monarcas.
[Imaxe: Susana no baño de Tintoretto.]

Recomenblogueando

[Imaxe de Aixado]
Comeza na Selva un novo apartado que se agrupará baixo a etiqueta "Recomenblogueando" onde pretendo recoller para a súa información e deleite a referencia a aqueles post que vaia atopando noutros blogs e que segundo a miña opinión merezan ser divulgados.
Sei que iso de metabloguear está moi mal visto, sinceramente, non me importa, prefiro compartir aquilo que valoro.