Páxinas

2006/08/22

Despoboamento

O campo non produce, temos que facer do monte algo produtivo, non poden vivir nas aldeas só vellos, etc. Estas argumentacións case sempre aparecen na boca de persoas que viven nas cidades ou en urbanizacións nas súas proximidades, tanto ten. O caso é que ese rural cada vez máis despoboado (aínda que menos do que imaxinamos), xera moitos postos de traballo para persoas que despois non reinvisten nese medio, os funcionarios son un exemplo claro desta práctica. A nosa xeografía está chea de pequenas vilas con policías, médicos, profesores, auxiliares, xuíces (en menos casos), etc. que viven dese medio mais residen nas urbes. Todos eses traballadores se benefician dunha poboación que xustifica a existencia do seu posto de traballo mais a renda resultado da súa actividade non se reinviste onde se orixina. Ás veces é un círculo vicioso pechado no que un non vai para a vila porque non ten servizos e a vila non pode ofrecer servizos porque non ten poboación abonda para facelos rendibles. Vexamos exemplos prácticos, a inmensa maioría de funcionarios que traballan nos concellos existentes entre Lugo e Santiago viven nunha de ambas as dúas cidades, se traballan entre Santiago e Melide viven en Santiago, se traballan entre Lugo e Melide viven en Lugo, os que traballan en Melide repártense. Se imos cara ao norte vemos como funcionarios da Fonsagrada viven tamén na capital lucense de forma que podemos cruzar a provincia sen residir fóra da cidade. E todo isto sen reparar no gasto económico e enerxético que supoñen os milleiros de desprazamentos diarios ou na marabillosa fonte de especulación que orixina a concentración da poboación. Pensemos no modelo de país que queremos e pensemos tamén no prezo que estamos dispostos a pagar non só como sociedade senón tamén a nivel persoal.

Um comentário:

moucho branco disse...

Eu penso que ás veces esquecémonos de que as institucións están ahí para algo mais que para recaudar impostos e convocar eleccións. O princípio elemental da política é o de facer posible a vida en sociedade e solucionar os problemas estructurais que como tal padecemos.
...Pois isto é un problema, onde están as solucións?.