Páxinas

2008/12/27

corpos-aparellos-cables

Esta é unha das fotos que aparecen no calendario realizado por alumnos da Facultade de Xornalismo da USC disque para axudar a pagar a súa viaxe de Ecuador. U-los estudantes de xornalismo implicados en causas altruístas?
O caso é que normalmente os calendarios erótico-festivos que adoitan saír nestas datas desde hai uns anos non soen gustarme. A maioría dos que teñen protagonistas femininas dá peniña velos e dos masculinos, case todos traen a tipos que non me interesan en absoluto e outros mesmo che quitan as ganas de todo. Vale, recoñézoo, hai algúns que están ben, que si, que no dos bombeiros de Bilbao do ano 2007 había algún mes bastante interesante (que por certo, este ano ata ofrecen servizo de postais), pero iso só é a excepción que confirma a regra. Que regra? A regra de que á xente lle encanta poñerse en pelota picada, o cal está moi ben, o que non está tan ben é que sempre teñan que buscar unha desculpa para facelo. Ao que iamos, a foto esta si que me gusta, eu creo que a cousa está en que é en branco e negro porque se pensamos nela en cor pasaría así rapidiño a horrorosa, pero con este aire almacén de corpos-aparellos-cables realmente queda xeitosa. Se lles gusta, xa saben, á facultade de xornalismo a conseguir un exemplar.

2008/12/24

Bo Nadal

Desde esta a súa Selva, toda revolta de libros e papeis, iso si, coa árbore montada, deséxolles a tod@s @s paseantes un bo Nadal na compaña de quen for ou en soidade amena. Saúde, felicidade e lectura.

2008/12/20

Algo de sentidiño aínda queda

Durante meses esta imaxe proclamou na Selva a denuncia contra o intento dos gobernos europeos de impoñer unha xornada laboral que viría reducir drasticamente o tempo de lecer dos traballadores e traballadoras condenándoos aínda máis a unha vida dedicada case en exclusiva ao mantemento dun sistema económico baseado no consumo desmesurado cunha repartición da riqueza absolutamente inxusta. Dentro deste contexto, alégrame gardar a imaxe porque, algo de sentidiño aínda queda, e esta semana o Parlameno europeo por maioría rexeitou esa reforma laboral.

2008/12/12

Un tipo xenial

Vía Calidonia chego a Un tipo xenial é un filme agradable, deses que mitifican os universos perdidos preindustriais, os grupos sociais pequenos rexidos pola harmonía dos tempos idos. Gustoume, mais que polo seu valor en si mesmo, polas lembranzas que me provocou doutros filmes que me resultaran máis pracenteiros.
Clasificación selvática: 6 (Veña, si, por haches, por bes ou por cetas, si).

2008/11/30

Concerto de Paco Ibáñez

Mentres outros comezan a escoitalo, eu aquí miro para a entrada sen rachar e penso que vou facer con ela.
Quizais o fado estea en que nunca o vexa diante e non será que eu non fixen por lle levar a contraria, compra por adiantado, reserva do día para non ocupalo con asuntos doutra índole, pero xa o dixo Filipe II: Enviei as miñas naves loitar contra os homes, non contra os elementos.

2008/11/20

Un matón calquera

[Imaxe de aquí]

Pasas as horas e os días diante da pantalla, esquéceste do mundo, non pestanexas, agardas a que un matón calquera se despiste e che poña o canón da pistola nas tempas, mentres, confórmaste con balas de viño nos miolos.

2008/11/18

Unha de cangrexos

A nosa doutora, que tanto se dosifica desde a volta (por que volvería? botaríanos de menos aos doentes? fíxose adicta ás nosas consultas? tamén ela sofre dos nosos males?), acaba de publicar unha entrada magnífica.
Advertencia: sen visitar o link perde a graza.

2008/11/17

Gomorra

Aínda que non é o tipo de cine do que máis gusto, teño que recoñecer que está moi ben. Máis ca un filme de ficción semella unha reportaxe de Callejeros por unha Italia miserenta que subsiste mergullada nunha rede que a salva e afoga asemade.

Clasificación selvática: 8 (Tes que vela).

Distancia entre un castelo e unha cama fría


1 - Auga quente a presión.
2 - Xampú.
3 - Crema suavizante.
4 - Xel exfoliante.
5 - Auga e auga e mais auga.
6 - Pasta de dentes.
7 - Elixir bucal.
8 - Turbante.
9 - Toalla.
10 - Cámbioche castelo por cama fría e ti aceptas.

2008/11/14

DEFENDAMOS A MESA


DEFENDAMOS A MESA PORQUE ELA NOS DEFENDE A NÓS
Descarga aquí o documento completo.

A volta ao mar

[Fotografía de X]

Foron pasando os días e por unhas cousas ou por outras non dei feito un post da miña volta ao mar despois de tanto tempo.
Hai un par de semanas Dornacity devolveume as gaivotas, o vento salgado e a paisaxe libre e aberta do océano, ummm, que gozada!
E aínda tiña máis sorpresas, unha sesión vermú na terraza da ágora cos novos amigos e na que apareceu por sorpresa entre os que entraban e saían un agasallo, o home de Maryland coa súa marabillosa historia da cruz envelenada. Entre cañas e tapas de paella resultou unha sesión de risoterapia magnífica.
Aínda a fin de semana me había tratar como unha emperatriz chinesa pero esa historia queda para outro día.
Outra versión da mesma realidade.

2008/11/06

Praceres cotiáns confesables

Comezo cos deberes dos memes pendentes, neste caso sigo o amable convite de dúas estupendas blogueiras.
Ben, teño que confesar que custou elixir, pero aí van só 6 dos meus praceres cotiáns confesables:
  1. Perfumarme polas mañás e cada vez que saio da casa.
  2. Atopar a foto perfecta para un post, dar con esa que xusto estabas imaxinando.
  3. Ordenar a miña mesa de traballo (que sempre está revolta).
  4. Chegar á Selva e ver que houbo visitas.
  5. A visión e olor do cuarto de baño despois de limpalo.
  6. Botarme no sofá cun edredón ou directamente na cama e poñer no dvd unha peli "desas".

2008/11/05

Cea Homenaxe a Marcos Valcárcel

CEA HOMENAXE a MARCOS VALCÁRCEL
SÁBADO, 29 de NOVEMBRO de 2008, ás 21:00 horas
Ourense, Restaurante San Miguel

Intevirán persoas representativas da cultura galega de todo o país e amigos do homenaxeado.

César Ánsias / Xoán Fonseca / Benito Losada / Eustaquio Puga / Xosé Ramón Quintana / Xosé Trebolle / Afonso Vázquez-Monxardín

Para máis información e reservas: homenaxeamarcos@gmail.com

Barack Obama presidente


Esta noite USA berrou Yes We Can e deulle maioritariamente a confianza a este home novo e negro para habitar esa casa tan branca. Asemade Obama tamén é noso, depositamos nel as nosas esperanzas de conseguir un planeta mellor.
É moito pedir? Si.
Pero... HE CAN.

2008/11/04

Novo príncipe


Fogos artificiais, orixinalmente cargada por alekspression.

Hoxe H. xa estaba farto de ser transportado na barrigola de súa nai e decidiu abandonala tres semanas antes do previsto.
Antes da medianoite, sen atender á medicina nin á lúa, o meu novo sobriño nacía para emoción e alegría de todos.
Saúde e fortuna para o noso novo príncipe.

Parabéns Kaplan

[Fotografía de X]

2008/11/02

Que non cale, que fale

Que fale e non agache, a transparencia a longo prazo nunca pode ser negativa. A verdade hai que afrontala e se non é a que queremos deberemos tomar as medidas necesarias para modificala. Agachar os problemas nunca foi boa solución.

Oféndeme tanto papanatismo monárquico, os medios sementan tal Alzheimer social que de aquí a nada a poboación non vai lembrar máis aló do que aconteceu a fin de semana pasada nas carreiras. Xa esquecemos que a presenza destes monarcas nas nosas vidas obedece á vontade dun ditador de extrema dereita? Xa se nos borrou da mente que Juan Carlos está onde está porque aceptou o réxime franquista enfrontándose ao seu propio pai?

Non, non, que a raíña fale, que fale, que exprese as súas ideas:

- Non ao matrimonio de homosexuais e lesbianas.
- Non ao aborto.
- Non a informar sobre a violencia machista.
- Non á eutanasia.
- Si á relixión nos colexios.

Que fale, que así me permite manter argumentadamente que, por todo o anterior, non creo que deba/poida representarme en ningún foro.

2008/10/31

Soños borrosos

Pasan as tormentas do outono, das chuvias de onte o único que deixa o sol de hoxe é un soño borroso nunha poza do asfalto.
[Fotografía de X]

2008/10/27

2008/10/20

Hai que coidarse

Mentres sigo a pensar que faría se fose unha rica excéntrica, dosifico pílulas dun pouco de cine, un enterro, unha excursión por onde o navegador se perde e as visitas ao teu ordenador.
Procuro coidarme, é importante facelo, non si?

2008/10/12

En branco e negro

Fotografía de Lucas Bernal.
Lembranzas de cafés larpeiros nun local co nome do primeiro pintor que puido expoñer en vida no Louvre. De paseos de horas esquivando os desexos propios e alleos. De cigarros de despois en coches de vidros abafados. Das túas músicas e das miñas. Lembranzas en branco e negro de ti.

2008/10/08

Monotonía

Por fin choveu, xa se respira algo de frescura no aire. Os días van pasando practicamente iguais. A saída da fin de semana rompeu a monotonía e deixoume os sons de Julieta Venegas e friaxe nas costas. Estou preguiceira. O río sábeme a pouco e as montañas cada vez parecen máis altas.


Monotonía

Séguelle un día monótono a outro tamén
monótono, idéntico. As mesmas
cousas van ocorrer de novo, unha vez e outra,
as mesmas circunstancias tómannos e déixannos.

A un mes séguelle outro mes igual.
O que ha de vir adivíñase sen dificultade;
han de ser as mesmas cousas de onte.
E o mañá nunca semella ese mañá.

2008/10/02

Cine e lectura 05: Away from her

Que somos cando esquecemos todo aquilo que fomos? Lonxe dela achéganos a esa realidade inquietante.

Clasificación selvática: 7 (Lémbrame que debería ir máis ao cine)

2008/10/01

Canción de berce



Desde os quince anos que non escoitaba esta canción de berce.
Que lonxe! Que lembranzas! Na casa da miña amiga T., invadindo o lugar prohibido de seu pai, escoitando estas que eran as músicas dos seus irmáns maiores, os seus discos de vinilo tamén prohibidos para nós, agardando a que seu irmán X. cruzase por alí e se dignase e mirar para min, compartindo cigarros ata o filtro que apagabamos nos frondosos testos da súa nai. Que gracia, nunca lle dixen o moito que me gustaba X., creo que non o ía entender, a todas lles gustaba R. que era máis novo e estaba obxectivamente moito mellor, pero X., era perfecto, e con aquelas pintas de intelectual sesentero que se gastaba...ummm... Non podía entender como un tipo tan guai podía andar cunha tía tan sosa, e fea, que si, que nos daba tabaco pero iso de que saíse en camisola e bragas do cuarto de X. cando os pais de T. ían a Madrid a casa dos avós sentábame un pouco mal. O caso é que pasaron os anos e X. non acabou con ela, e comigo tampouco :D
Vía O falar non ten cancelas.

2008/09/29

Xesús Jares


Morreu Xesús Jares, fíxense nas palabras que aparecen ás súas costas, non é casualidade, sempre estiveron aí.
O meu pésame a familiares e achegados.

Paul Newman


"Morreu Paul Newman, con pronunciar o seu nome xa queda dito todo."

2008/09/28

Estévez / Lama conclusións selváticas con adaptación de nivel

Conclusións selváticas para Primaria:
- Un libro é unha cousa con páxinas de papel, e se non ten páxinas de papel non é un libro.
- Xoga cos amigos no patio porque se vén outro doutro cole e che pega os teus amigos te han defender.
Conclusións selváticas para Secundaria:
- O que che din teus pais é certo, en Internet todo é mentira, os libros tamén.
- Se es un adolescente con tendencia a illarte no teu cuarto todo o día enganchado no ordenador procura ter unha boa listaxe de contactos na túa rede social.
Conclusións selváticas para Bacharelato:
- Moita da literatura galega actual está vinculada á rede pero ti nin caso, os autores que publican blogs non caen nas probas de acceso, aí só se tratan cousas serias.
- O linchamento non é unha práctica social aceptada aínda que se trate do mozo que che puxo os cornos coa túa mellor amiga.
Conclusións selváticas para blogueir@s:
- Eduardo Estévez é o autor do libro que máis lle gustou ao xurado.
- Xavier Lama presentou unha reclamación nun exercicio lexítimo dos seus dereitos.
- O xurado actuou en ambas as dúas ocasións de boa fe.
- O moralmente correcto e o legal neste caso non coinciden.
- Sendo imposible coñecer a diferenza entre editado e inédito, ao mellor sería máis práctico de agora en diante acudir ao concepto de público fronte a descoñecido. De seguro que existen libros de poesía galega editados e publicados moito menos coñecidos que o blog de Estévez, mesmo antes da polémica.
- O blogomillo pode derivar en poderoso lobby cultural.
- A mellor publicidade para un poemario é que lle concedan un premio e logo llo retiren, para proba algunhas das referencias ao tema:

Dos protas:
Eduardo Estévez
Xavier Lama

D@s outr@s:
Alfredo Ferreiro
Danilo
Francisco Castro
Ghanito
Igor Lugrís
Jaureguizar
Juán L. Blanco Valdés
Lándoas
Manuel Bragado
Marcos S. Calveiro
María Lado
Mario
Séchu Sende
Susarins
Vieiros
Xosé Manuel Eyré

2008/09/23

Novo horizonte

Despois de horas de asfalto, de autovías, autoestradas, estradas e rúas aturando a voz ridiculamente insoportable da rapariga do imposibleperderse, agasallo de nadal nunca desexado, e co coche tan cheo de cousas que só me faltaba colgar o bolso no espello retrovisor e soster o móbil entre os dentes, xorden pensamentos perigosos e acabo por pensar que o seguinte debería ser un coche máis grande. Si, un monovolume negro desa marca con nome de raíña española.
Xa hai novo tobo e grazas á prontitude da innomeable xa podo recuperar a conexión no medio de maletas e bolsas a medio recoller.
Este, o da foto, é o meu novo horizonte.

2008/09/21

Por un mundo que non vin


Adios miradoiros, adios praias,
adios barquiños pequenos,
adios vista dos meus ollos,
non sei cando nos veremos.

Amoriñas das silveiras
que eu lle daba ao meu amor
paseíños pola ría
adios por un tempo, adios.

Adios gloria, adios contento
deixo a casa onde vivín
deixo a cidade que coñezo
por un mundo que non vin.

Deixo amigos por extraños,
deixo a ría polo río,
deixo en fin canto ben quero
quen poidera escorrentar este frío.

Non me olvides queridiña
se morro de soidás,
tantas leguas terra adentro
miña casiña meu lar.

Adios miradoiros, adios praias,
adios barquiños pequenos,
adios vista dos meus ollos,
non sei cando nos veremos.

non sei cando nos veremos...
non sei cando nos veremos...

2008/08/21

Peke

Estaba eu gozando do tempo demorado do verán na ágora de dornacity cando diante miña vexo a súa caluga, si, si, sen dúbida ningunha, esa caluga só podía ser de Peke. E nisto que me decido, que non me decido, que ao final vai que si e presenteime.
Parolei con ela e con B que chegou logo e acariñei a Dona que está feita unha campiona e aínda é máis fermosa que nas fotos. Resultou como se nos coñecésemos desde había moito tempo. Alégrame saber que haberá máis veces e que unha delas será con té branco, que non me conformo con menos :)
Agora chegaron as chuvias e aínda gardo o gusto dos sorrisos da mañá.

Tarde

Teu tempo rematou.
(Maldita sexa, nunca me saíu boa letra nos espellos)

2008/08/19

O terceiro home

De cando unha ve unha obra de arte pero non é quen de gozar dela. O agasallo despois de pasear polos caixóns e andeis de diferentes fogares por fin chegou ao DVD, e non sei se foi por ter lido sobre a obra, se por fixarme en detalles técnicos e escenográficos, o caso é que "a mellor película británica da historia do cine" conseguiu durmirme durante dúas noites seguidas e á terceira simplemente me aburriu. Que se lle vai facer, e desculpen polo pecado cinematográfico :(
Clasificación selvática: 4 (Como aburrirse diante dunha pantalla).


Discover Anton Karas!

2008/08/18

Algo non funciona

Isto pasa por non lle facer caso á miña nai, pero claro, nunca llo fixemos e...
Non, á túa tampouco lle fixemos caso ningún, só faltaría...
Si, teñen razón as dúas, algo non funciona pero eu non acabo de saber ben o que é, e ti?

2008/08/10

Bótase a noite

Bótase a noite, acende os faros, que se me caeu o amor e non o quero perder.

Discover Billie Holiday!