Páxinas

2006/09/26

Fai dous anos


A miña axenda avísame de que xa van alá dous anos.
O 27 de setembro de 2004 morría case centenaria Ian Huaní, a última persoa que aprendeu nuxu de forma natural a través das mulleres da súa familia.
Desde o século III da nosa era as mulleres dunha pequena zona da provincia de Hunan desenvolveron un sistema de escrita propio, que se transmitía de avoas a netas, e que nunca, baixo ningún concepto, podían aprender os homes. Ata tal punto se mantivo o segredo que o nuxu permaneceu oculto ata 1982.
Este código lingüístico tamén tivo versión escrita no denominado Libro do terceiro día. Tres días despois da voda, as mulleres da casa entregábanlle un caderno á nova casada, alí podía atopar unhas páxinas dedicadas á dor da perda dun ser querido simbolizando a partida e logo páxinas en branco que ela había de cubrir coas súas vivencias. Cando morría a autora o libro soterrábase canda ela.
Por que o apuntei? Se cadra sabía que no futuro o había de precisar, e agora, dous anos despois, sinto que necesitaría unha linguaxe secreta na que poder contarche, un código que só entendesemos ti e mais eu, que asemade esa fose a única forma de contacto entre nós os dous, e que as nosas palabras fosen soterradas comigo.

[Ilustración: Pano con escritura nuxu.]

Relacionado con todo isto sorpréndeme Folerpa.

6 comentários:

moucho branco disse...

Que fermosa historia.... as linguaxes segredas son múltiples e ás veces moi necesarias... coma a linguaxe segreda dos paxáros que cantaba Ian Anderson...

un saúdo.

Mrs.Doyle disse...

Supoño que ese é un nexo entre a vida e a morte. O cuaderno representa algo do vivo que vai co morto dun xeito material, porque todos temos seres queridos que se foron e en todos nós deixaron unha parte súa...

Elianinha disse...

Que interesante. Non tiña nin idea.

X disse...

A min conmóveme, desde logo.

folerpa disse...

Supoño que un día teremos que tomar unha cervexa para falar devagar destas casualidades. O como xa dixen outra vez non hai que pedir perdón polo azar.

X disse...

Creo que prefiro adiar sine die o desa cervexa e de momento limitarme ao contacto cibernético.