Miguel di que eles necesitan aclararse. Miquel condena a todos os homes homosexuais enfundados en parellas heterosexuais, incluídos EO e OE, aínda que ben lle sabía cando xogaban os tres.
Xai di que eles necesitan desfacerse dos seus prexuízos e probalo todo con todo o mundo nunha especie de liberación mundial sen fronteiras. Logo, na casa, Xai é feliz cociñando para o seu último amante ocasional.
Duarte di que eles necesitan atopar unha nova forma de estar no mundo, que os esquemas que operan na actualidade están caducos, que ben se ve no mundo animal, que non se ten porque elixir unha soa opción, que el está a educar aos seus fillos nesa mentalidade aberta. Duarte leva tres anos nadando entre as augas de Nana e Miguel.
Pedro di que eles necesitan o mesmo ca elas, que non é outra cousa que tapar os buracos da insatisfacción. Pedro vén dedicando a este mester os meses de xullo e agosto dos cinco últimos anos na casa que Françesc mercou na ría.
Max di que eles necesitan, case sempre, probar cun home e asumir o inevitable. Max enche a boca de prepotencia todos os días cando afirma e reafirma a súa xa probada condición de liberador de homes reprimidos. Tamén, e coa mesma afouteza, enche de whisky a súa incapacidade para encaixar cada nova ruptura.
2 comentários:
has hecho dos buenos bestiarios. saludos.
Iso é todo un piropo vindo dun mestre coma ti. Grazas fisiologus.
Postar um comentário