O señor Kaplan sempre acaba meténdome 
nestas leas, aí vai o meme.
Cando era pequena compartía unha habitación italiana coa sala, e no 
meu cuarto había unha mesa de comedor de libro horrible que cando estaba
 pechada era como un ataúde.
Cando era pequena sentaron ao
 meu carón a Elenita, unha nena feuchiña, que camiñaba encorvada coma 
unha vella, eu creo que para que non se lle vise tanto a cara onde 
agachaba un labio inferior cunha cicatriz no medio, e que non falaba con
 ninguén. Ás dúas semanas chamaron á casa, operárase o milagre, a muda 
Elenita descubrira o pracer de falar na clase e eu, de premio, volvín 
quedar soa nunha mesa á espera da seguinte muda que considerasen necesitada da miña terapia. 
Cando era pequena Vicente, que para min era un neno guapísimo, era o 
encargado de repartir os lapis na aula e eu era feliz cando me daba un 
longo, afíado e noviño.
Cando era pequena era a preferida de meu pai. 
Cando era pequena os Reis trouxéronnos a meu irmán e mais a min unha 
BH, pero tiña prohibido levalo detrás. Levar, leveino, caemos, a curva do gardalamas cravóuseme na parte interior do xeonllo, non houbo panos abondos para tapar tanto sangue, subimos silandeiros á casa e metinme no baño sen saber que viña deixando un regueiro de pingas por todas as escaleiras dende o portal. O chivato confesou, a min leváronme a urxencias, castigáronme e durante semanas presumín da miña primeira cicatriz de guerra.
 
Cando era pequena miña nai na misa dábame un 
peso para que botase na colecta e eu preguntáballe se era meu, ela dicía que si, e daquela eu dicíalle, pois se é meu, damo en pesetas que eu reparto. Nin os nenos pobres sen casa nin pais, nin os velliños sen casa, nin nada de nada me facía cambiar de opinión, e así domingo tras domingo pelexabamos polo maldito peso que eu acababa devolvéndolle dicíndolle que para iso que llelo dese ela, que se o peso era meu non llelo daba a aquelas mulleres de sorriso malvado mal disimulado.
Cando era pequena en canto apagaba a luz, sometía a roupa arredor do meu corpo e permanecía inmóbil ata que quedaba durmida porque había unha 
serpe que reptaba dende debaixo da cama disposta a me cravar os seus dentes ao máis mínimo movemento.
Cando era pequena a felicidade durou pouco.