Páxinas

2011/09/27

Cando era pequena...

O señor Kaplan sempre acaba meténdome nestas leas, aí vai o meme.

Cando era pequena compartía unha habitación italiana coa sala, e no meu cuarto había unha mesa de comedor de libro horrible que cando estaba pechada era como un ataúde.

Cando era pequena sentaron ao meu carón a Elenita, unha nena feuchiña, que camiñaba encorvada coma unha vella, eu creo que para que non se lle vise tanto a cara onde agachaba un labio inferior cunha cicatriz no medio, e que non falaba con ninguén. Ás dúas semanas chamaron á casa, operárase o milagre, a muda Elenita descubrira o pracer de falar na clase e eu, de premio, volvín quedar soa nunha mesa á espera da seguinte muda que considerasen necesitada da miña terapia.



Cando era pequena Vicente, que para min era un neno guapísimo, era o encargado de repartir os lapis na aula e eu era feliz cando me daba un longo, afíado e noviño.

Cando era pequena era a preferida de meu pai.

Cando era pequena os Reis trouxéronnos a meu irmán e mais a min unha BH, pero tiña prohibido levalo detrás. Levar, leveino, caemos, a curva do gardalamas cravóuseme na parte interior do xeonllo, non houbo panos abondos para tapar tanto sangue, subimos silandeiros á casa e metinme no baño sen saber que viña deixando un regueiro de pingas por todas as escaleiras dende o portal. O chivato confesou, a min leváronme a urxencias, castigáronme e durante semanas presumín da miña primeira cicatriz de guerra.

Cando era pequena miña nai na misa dábame un peso para que botase na colecta e eu preguntáballe se era meu, ela dicía que si, e daquela eu dicíalle, pois se é meu, damo en pesetas que eu reparto. Nin os nenos pobres sen casa nin pais, nin os velliños sen casa, nin nada de nada me facía cambiar de opinión, e así domingo tras domingo pelexabamos polo maldito peso que eu acababa devolvéndolle dicíndolle que para iso que llelo dese ela, que se o peso era meu non llelo daba a aquelas mulleres de sorriso malvado mal disimulado.

Cando era pequena en canto apagaba a luz, sometía a roupa arredor do meu corpo e permanecía inmóbil ata que quedaba durmida porque había unha serpe que reptaba dende debaixo da cama disposta a me cravar os seus dentes ao máis mínimo movemento.

Cando era pequena a felicidade durou pouco.

6 comentários:

Son Unha Xoaniña disse...

Ai! Cando era pequena, que pouco durou ... Mais que fermoso foi. O mesmo que o teu post, que me gustou moito. Bicos

Anônimo disse...

Gustoume moito axexar no seu pasado. Tamén tiven eu unha BH compartida coa miña irmá e fonte de accidentes e eternas guerras entre os dous para usala. Ao final medramos e a bici quedou abandonada até que a miña mai a vendeu.
Que tentación me deu de escribirlle un comentario anónimo que só dixese: "Son Vicente"

X disse...

Moitas grazas Xoaniña, co paso dos anos fun descubrindo nas vidas dos demais as utopías das infancias felices, pero quen o había saber daquela!
Kaplan, supoño que foi proporcional ao traballo que a min me custou amosalo. Supoño que daquela as bicis só podían ser BH, os lapis Sataedtler e as máquinas de escribir Olivetti. Por que non o fixo? Si, é certo, hai cousas que non se deben dicir.

Peke disse...

Eu non son Vicente, pero tamén che había de dar un lapis noviño, longo e afiado. Precioso post. ;)

matrioska_verde disse...

a mín tamén me liou o Sr. Kaplan pero llelo agradezo porque foi fermoso recordar algúns anaquiños da miña vida... como tamén é fermoso ler os anaquiños doutras vidas.

eu tamén tiven unha BH, azul... e na miña casa tamén había unha habitación italiana.

biquiños,

La queue bleue disse...

Creio que este é o post que mais me gostou dos lim co meme das lembranças infantis. :)
Talvez é porque nas outras pessoas um lê (e vê e ouve) o que quer ler (e ver e ouvir) mas para mim o que contas tem-che o mesmo gosto agridoce que tenhem algumhas das memórias de cando eu era pequena...