Páxinas

2007/03/28

Son a criada

-Hola, buenos días, está la señora de la casa?
-Non, a señora da casa non está.
-Y a qué hora podría hablar con ella?
-Para que di que quería falar con ela?
-Para presentarle un purificador de ozono, ¿a qué hora me dice que puedo localizarla?
-É que a señora da casa está de vacacacións en Noruega e vai tardar varias semanas en volver. Bos días.
-Buenos días.
_____________________________________
Ala, toma esa!
Será que nesa empresa pensan que aos homes non lles interesa o aire limpísimo e purísimo que ofrecen?
Boicot ás empresas con métodos de publicidade sexista.

2007/03/25

Tamen me roubaron a min

Tamén me roubaron a min unha hora de leito compartido, xusto agora, cando non podo perder ningún dos segundos ao teu carón, nestas poucas horas de deixarme perder no teu remuíño.
*Inspirado por Torreira.
*Imaxe de X.

Fillo es...

Recupero a fotografía de Antonío Matías para rexeitar o comportamento deses pais que se negan a que os seus fillos viaxen cos seus veciños vellos no autobús. Menos mal que sempre temos de man o sabio refraneiro popular:
"Fillo es, pai serás, como fixeres, así o terás."

2007/03/23

Miss Potter

Como unha interpretación ridícula nun filme bota por terra unha personaxe que podería ter sido moi interesante.

2007/03/22

Campaña de animacion a lectura 13

Imaxes arrepiantes

Avísoos de que as imaxes son arrepiantes:
[Imaxes ARREPIANTES dun home dándolle unha malleira a unha camareira nun bar estadounidense gravadas pola cámara do local.]
Onde está a noticia?
Que tiramos de proveito de ver esas imaxes?
Levaba poucas imaxes violentas hoxe o telexornal e había que encher o cupo?
Seica non hai noticias?
Zapeo.

2007/03/20

Iraq catro anos despois

Cando penso nos milleiros de mortos e feridos imaxino as súas vidas antes de morrer ou cambiar para sempre. De seguro que eran cidadáns coma min, coma ti e coma ti tamén, preocupados por asuntos correntes, por esas pequenas cousas que van enchendo día a día o caminiño de cadaquén; e penso na inxustiza que un día se cruzou e botou a perder todo. Despois, só podo sentir unha mestura de rabia e resignación por eles mentres aló no fondo xorde o alivio de saber que os meus andan en guerras moi diferentes.

2007/03/11

As supermatres

As supermatres son eses seres privilexiados aos que algunha divindade con día parvo concedeu a graza de ter descendencia para desgraza da propia prole, da parella e por extensión da sociedade en xeral.
Estas mulleres despois de longas xornadas de revistas, páxinas web e sesións de grupo especializadas no tema, posúen a exclusividade de saber mellor ca ninguén como ha de estar a papa, como facer que deixen de chorar, como bañalos e como durmilos, o seu colo é o único que calma e dá a calor precisa e só elas poden contar cientificamente as pingas de antitérmico sen risco de confusión.
Son esas que impiden que ata o pai toque os nenos, e, el, as máis das veces (a curto prazo resignado, a medio prazo agradecido, a longo prazo arrepentido), quítase do medio dese coro grego formado polas súas mulleres (parella, nai, sogra, cuñadas, curmás, amigas...) asumindo un papel que lle resulta familiar por xa visto e vivido nos seus homes (pai, sogro, cuñados, curmáns, amigos...). E xa para sempre o que tiña de ser o pai, acaba por se converter nun cómodo apéndice do que botar man cando elas non poden ou non están porque, a fin de contas, tamén é cousa deles. E isto lévanos á desgrazada situación de mártires das supermatres, sempre queixosas da súa condición de loitadoras vitais sobre as que recaen todas as obrigas e dependencias físicas e psicolóxicas dun novo ser que nós sabemos condenado xa por sempre a unha superprotección que non lle ha de traer poucos problemas.
Pero a experiencia aconséllanos ser cautos e absternos de calquera comentario ou consello disidente porque elas, como outrora lles pasara a santos loitadores, cren cegamente na lexitimidade da súa misión e arrincarán as cabezas de calquera deus, heroe ou humano que ouse interpoñerse no seu camiño.

2007/03/09

Carlos Casares (1941-2002)


A Selva quere sumarse á iniciativa de Marcos Valcarcel para lembrar a Carlos Casares cando se cumpren cinco anos da súa morte.
A min dicir Casares tráeme o sabor das clases de BUP, de semicerrar os ollos para que a primavera reflectida no papel do libro de texto siga a cegarme como un raio fulminante mentres en off voces consecutivas de estudantes lían parágrafo tras parágrafo.
Deixo aquí un texto de Manuel Rivas que atopei onte nunha web feita co gallo do seu segundo cabodano.
_____________

Desacordo sobre un suceso (Manuel Rivas)

Disque unha cousa é o que existe e outra o que sucede.

Sssssh. Non dicir que morreu. Non llo dicir a ninguén. Tampouco hai que mentir, claro. Non dicir nada. Temos que admitir a realidade. Pero a realidade tamén debería ser máis dialogante. Non pode chegar como unha ladroa na noite, e levarse, así como así, do melloriño que temos, a lúa polo prezo dunha mazá reineta.

Podemos chegar todos a un acordo. Para iso está a literatura. Pararlle un pouco os pés á realidade. Non aceptala cando se comporta como un rufián que anda acoitelando corazóns e reloxos desta maneira. Independentemente do que sucede, Carlos Casares existe. Si, señor. É un grande escritor e un gran tipo. Un froiteiro en flor. Da mellor estirpe de Galicia, a da liberdade, o humor e un pisco de melancolía.

Sempre haberá algún túzaro que veña coa verdade por diante como unha máquina cortadora de céspede: "¡Morreu, morreu, morreu!".

Non facerlle caso. É a realidade que anda a meter ruído. Nós escoitamos a voz de Casares escribindo no aire. Abrimos o libro como quen abre unha cancela e imos por esa corredoira do segredo: ¡Alí está Carlos falando coa rosa, o raposo e o principiño!
E o tipo da cortadora, dalle que dalle: "¡Morreu, morreu, e morreu!".

Hai que manterse firmes. Non deixarse comer a moral. ¿Morreu? ¿E sábelo ti, eh, listo espelido? Porque unha cousa é morrer un día, por exemplo o 9 de marzo do 2002, e outra moi distinta morrer toda a vida.

2007/03/08

Campaña de animación á lectura 11

William McCance (1894-1970)

8 de marzo

E soa o espertador, 8 de marzo de 2007, Día Internacional da Muller Traballadora, e hoxe, xusto hoxe, quero quedar na cama, entre as sabas quentiñas, e dedicarme á vida contemplativa. A pensar en todas esas mulleres que tanto fixeron e seguen a facer para que a vida doutras mulleres traballadoras sexa máis digna, máis vida e menos explotación.
Non, non vai poder ser, o meu soño de muller-parasito só se pode permitir o luxo de durar dez minutos de nada, logo, a ducha, o coche, o traballo, a vida... agardan por min.

[Fotografía de Simon Pais]

_________________________________

Velaquí outras visións do día de hoxe:

Besbellinha; Choiva ázeda; Homedareia; Pontedeume; O Refraneiro; Vieiros.

2007/03/06

A vida dos outros

Un filme fascinante. Unha mostra fermosa de como na vida non facemos outra cousa que dar voltas nas escalas dos grises porque, ao final, nada é branco nin negro.

2007/03/02

María Antonieta

Vestiario espectacular, perruquería lindísima, espazos de ensoño francés e un filme soso, soso, soso...

A curvatura dos hemisferios

A estas alturas non imos descubrir as Américas pero se queres volvemos comprobar a curvatura dos hemisferios.