"A cidade ha de ir en ti sempre. […] A vida que aquí perdiches destruíchela en toda a terra." K. Kavafis
2007/03/09
Carlos Casares (1941-2002)
A Selva quere sumarse á iniciativa de Marcos Valcarcel para lembrar a Carlos Casares cando se cumpren cinco anos da súa morte.
A min dicir Casares tráeme o sabor das clases de BUP, de semicerrar os ollos para que a primavera reflectida no papel do libro de texto siga a cegarme como un raio fulminante mentres en off voces consecutivas de estudantes lían parágrafo tras parágrafo.
Deixo aquí un texto de Manuel Rivas que atopei onte nunha web feita co gallo do seu segundo cabodano.
_____________
Desacordo sobre un suceso (Manuel Rivas)
Disque unha cousa é o que existe e outra o que sucede.
Sssssh. Non dicir que morreu. Non llo dicir a ninguén. Tampouco hai que mentir, claro. Non dicir nada. Temos que admitir a realidade. Pero a realidade tamén debería ser máis dialogante. Non pode chegar como unha ladroa na noite, e levarse, así como así, do melloriño que temos, a lúa polo prezo dunha mazá reineta.
Podemos chegar todos a un acordo. Para iso está a literatura. Pararlle un pouco os pés á realidade. Non aceptala cando se comporta como un rufián que anda acoitelando corazóns e reloxos desta maneira. Independentemente do que sucede, Carlos Casares existe. Si, señor. É un grande escritor e un gran tipo. Un froiteiro en flor. Da mellor estirpe de Galicia, a da liberdade, o humor e un pisco de melancolía.
Sempre haberá algún túzaro que veña coa verdade por diante como unha máquina cortadora de céspede: "¡Morreu, morreu, morreu!".
Non facerlle caso. É a realidade que anda a meter ruído. Nós escoitamos a voz de Casares escribindo no aire. Abrimos o libro como quen abre unha cancela e imos por esa corredoira do segredo: ¡Alí está Carlos falando coa rosa, o raposo e o principiño!
E o tipo da cortadora, dalle que dalle: "¡Morreu, morreu, e morreu!".
Hai que manterse firmes. Non deixarse comer a moral. ¿Morreu? ¿E sábelo ti, eh, listo espelido? Porque unha cousa é morrer un día, por exemplo o 9 de marzo do 2002, e outra moi distinta morrer toda a vida.
Assinar:
Postar comentários (Atom)
Um comentário:
Os grandes artistas teñen unha avantaxe e é que son inmortais porque viven para sempre nas súas obras. Casares é un deles.
Postar um comentário