Páxinas

2007/03/11

As supermatres

As supermatres son eses seres privilexiados aos que algunha divindade con día parvo concedeu a graza de ter descendencia para desgraza da propia prole, da parella e por extensión da sociedade en xeral.
Estas mulleres despois de longas xornadas de revistas, páxinas web e sesións de grupo especializadas no tema, posúen a exclusividade de saber mellor ca ninguén como ha de estar a papa, como facer que deixen de chorar, como bañalos e como durmilos, o seu colo é o único que calma e dá a calor precisa e só elas poden contar cientificamente as pingas de antitérmico sen risco de confusión.
Son esas que impiden que ata o pai toque os nenos, e, el, as máis das veces (a curto prazo resignado, a medio prazo agradecido, a longo prazo arrepentido), quítase do medio dese coro grego formado polas súas mulleres (parella, nai, sogra, cuñadas, curmás, amigas...) asumindo un papel que lle resulta familiar por xa visto e vivido nos seus homes (pai, sogro, cuñados, curmáns, amigos...). E xa para sempre o que tiña de ser o pai, acaba por se converter nun cómodo apéndice do que botar man cando elas non poden ou non están porque, a fin de contas, tamén é cousa deles. E isto lévanos á desgrazada situación de mártires das supermatres, sempre queixosas da súa condición de loitadoras vitais sobre as que recaen todas as obrigas e dependencias físicas e psicolóxicas dun novo ser que nós sabemos condenado xa por sempre a unha superprotección que non lle ha de traer poucos problemas.
Pero a experiencia aconséllanos ser cautos e absternos de calquera comentario ou consello disidente porque elas, como outrora lles pasara a santos loitadores, cren cegamente na lexitimidade da súa misión e arrincarán as cabezas de calquera deus, heroe ou humano que ouse interpoñerse no seu camiño.

10 comentários:

Gatina disse...

Uf!! sempre se poden ver as cousas dende moitos ángulos...

fisiologus disse...

habrá de todo, no?

kaplan disse...

supermartes, dixo?

X disse...

Pero eu nesta ocasión non falo de todas as mulleres, senón dun tipo delas moi concreto.
Non, Kaplan, o Superpiñeiro agora está polas tardes, aínda non o sabía???
:O

Nokitas disse...

esta danzarina te invita al Blog Luso

http://lusoprosecontras.blogspot.com/

leco disse...

Que bo!!!!! Ten que facer outro sobre as diferenzas entre que a criatura obxecto da superprotección sexa do sexo feminino ou do masculino.

Fror de toxo disse...

Estupendo post X, gosto moito del.

XM Carreira: Caixa do Mendinho disse...

Supoño que toda Wendy (supermatre) precisa do seu Peter Pan de quen estar pendente para demostrar a súa valía.

A nena do monte disse...

Non sei se entendín ben o teu post, pero se é que si,en que mundo vivimos?
É verdade que esa forma de actuar da que falas podía ser a típica dunha "supermatre" de hai 60 anos, pero considero que algo (non moito) avanzamos dende aquela.Se as nais de hoxe en día só se preocupasen de ler revistas e de ser unhas "sabelotodo" sobre os fillos, mal imos, e de feito, moitos de nós non estariamos aquí. É moi pouco obxectivo o que dis das nais en xeral, porque as que se poden adscribir a esa definición túa son ben poucas (ou polo menos eu non coñezo tantas), e ademais falando dende a perspectiva galega, aínda me parece menos obxectivo, pois moitas mulleres foron as que sacaron ás súas familias, fillos e casas adiante mentres o pai estaba emigrado ou traballando lonxe da terra. Terán dereito a falar dos fillos que criaron, non?
Unha nai sempre vai ser unha nai, pero un pai tamén. Que pasa entón cos "superpatres"? Hoxe en día, non creo que sexan meros apéndices das nais, ou polo menos, non en tódolos casos.

X disse...

Nena do monte creo que non, creo que non o entendeu, a miña crítica que pretendía ter algo de humor irónico está moi lonxe do que vostede fala, é máis, creo que podería coincidir con vostede en todo o que expón. Desde logo non estaba no meu ánimo ofender a ninguén, se a ofendín, pídolle desculpas. Un saúdo.