Páxinas

2007/06/03

Campaña de animación á lectura 22

Hai pouco máis dun mes un contador de historias imprescindible e amigo desta Selva, Xabier Docampo, a quen lle dou as grazas, agasalloume cunhas fotografías, unhas liñas e un nome para a Campaña de animación á lectura. De aí naceu esta Leonor de Aquitania que gardei para que fose o post número 500 deste blog. Leonor de Aquitania (1122-1204), a chamada raíña dos trobadores, foi musa de trobadores e bardos bretóns ademais de compoñer ela mesma algunhas obras, para algúns esta muller vai ser a responsable de que a historia do Ciclo artúrico e griálico sexa tal e como hoxe a coñecemos. Moitos non dubidan en sinalala como a artífice do cambio na valoración da figura feminina no século XII á que converte no ideal do home xurdindo un amor cabaleiresco que se manterá ata a actualidade. Leonor conseguiu na súa época impoñerse ao dominio masculino e ser durante algunhas etapas da súa vida poderosa e independente, a súa biografía é un referente na historia dos dereitos das mulleres. A filla primoxénita do duque Guillerme X, disque unha muller de singular beleza, foi educada para herdar as terras de Aquitania, que foron súas tras a morte de seu pai. Herdou do seu avó, Guillerme IX, o duque trobador, o amor á cultura e á arte. Fronte aos costumes da época aprendeu a ler, a escribir e falaba varias linguas. A súa herdanza converteuna nunha muller independente e nunha consorte apetecible para as casas reais europeas. Casa con Luís VII de Francia con quince anos e leva ás festas reais os xogos de amor cortés. Vai ser ela a que dirixa a segunda cruzada. As súas infidelidades rematan coa anulación do matrimonio. Meses despois casa con Henrique II de Inglaterra, un home do que estivo fondamente namorada mais que lle foi infiel en numerosas ocasións. Henrique afástaa das decisións políticas por primeira vez na súa vida, e ela, en desacordo coas decisións do seu marido, alíase cos seus fillos para que estes herden Aquitania que lexitimamente lles pertencía vía materna. Como resultado desta afrenta Henrique encérraa durante quince anos ata a morte do rei. Cando o seu fillo Ricardo é coroado rei de Inglaterra, Leonor volve participar directamente na vida política ata a súa morte. Baixo o seu mecenado escribiron, entre outros, Chretien de Troyes e a fermosa Leonor vai servir de modelo para personaxes literarias como Xenebra ou Isolda. Velaquí a filla de don Gaiferos do romance galego que nos chega en Murguía e ecoa en Carré Aldao, unha muller brava que non quixo ser menos que calquera home da súa época. Os restos da tres veces raíña permanecen no mosteiro de Fontevrault, cabo dos do seu fillo Ricardo. Para a posteridade a súa imaxe inmorredoira no sepulcro retrátaa cun libro aberto entre as mans que representa a herdanza cultural que lles deixou aos seus e o rostro sereno e prácido reflicte para sempre o pracer da lectura.

6 comentários:

Torreira disse...

Post 500!!! a eso chámasellle producción en cadea.Parabéns polos 500 imprescindibles X

moucho branco disse...

uf!, 500!, que lonxe me queda iso aínda, parabéns pola producción stajanovista. Por certo, xenial post de animación ao pracer da leitura.. e da historia, porqué non.

X disse...

Si, a min tamén me parecen excesivos.

Moralla disse...

Pois eu non me quedo co número,
eu definitivamente quédome co contido, que é o indispensable. A isto se lle chama unha campaña de lectura DE NIVEL( ademais de ser de cine, fotografía,cultura celta, mitoloxía, música, escultura etc.).
PARABÉNS!
y :-)

Anônimo disse...

Iso, iso, parabéns!

nhusko disse...

E que a semente de dona Leonor agrome, aínda que sexa un milenio despois.