Páxinas

2006/06/30

Un mes na nova casa

Custoume un pouco comezar a poder vivir na nova casa, as portas rinchaban, a billa da bañeira pingaba, e as persianas non cerraban ben. Localicei unhas cantas www de bricolaxe para parvas e agora polo menos podo durmir polas noites.
A verdade é que o mes se me pasou lento e a casa ocupoume moito tempo, tempo que non tiña, que era doutras cousas. Agora ando a pagar as consecuencias pero non me arrepinto, ganei máis do que perdín.
O mellor da nova casa é o aire que se respira, teño abertas as ventás día e noite para que se encha todo dese aire fresco que chega de fóra e poida saír sen atrancos todo o que teña de voar.
Cando fixen o contrato a da inmobiliaria xa me puxera ao tanto de todo, para ser exactos de case todo. Esqueceu falarme do pequeno detalle d@s nov@s veciñ@s, con algúns crúzome un día si e outro tamén, con outros só de cando en vez, en realidade o barrio é moito máis grande do que imaxinaba e ás veces vou dunha rúa noutra e acabo perdida tomando algo no sofá dun fogar que non sei de quen é. Tamén hai días en que cando chego á casa atopo agasallos que coloco ao carón do ordenador para poder miralos de vagar despois da cea.
Gústame a nova casa.

Afogando noutros mares

Para non volver a chegar á praia de solopiensoenmi mentinme mar adentro e afoguei nos mares de soloquierosoñar. Aínda o sal arde na gorxa, dei con pequenas dunas de area fina nun fondo ao que hai tempo que xa non chega a luz, suaves elevacións desexando ser iluminadas, eu completamente apagada.
[O mar]

powered by ODEO

Con D de...


Apareceu D no meu correo, audaz, aplicado, divertido... medio cento de desordenados emails despois segue aí.

2006/06/28

O que eles necesitan I

Nana di que eles necesitan unha muller que dea acubillo aos seus sentimentos de desprotección. Nana acaba sendo a mami comprensiva de todos os seus amantes que volven periodicamente para contarlle como os mal-tratan o resto de mulleres que non son tan comprensivas coma ela.
Marga di que eles necesitan máis o riso que o sexo. Marga fai que se rían nas ceas, cando horas despois chega soa á casa o riso tense convertido nun rictus de insorportable amargura.
Pitu di que eles necesitan unha puta coma ela, que lles dea sexo ata que non poidan facer outra cousa que vivir obsesionados con desaparecer unha e outra vez no seu particular triángulo das Bermudas tinguido de cor caoba. Pitu só sae con chulos de putas e, de cando en vez, se tira ao mozo dalgunha das súas amigas como por exemplo a un fillo andróxino dun importante empresario da industria conserveira.
Laura di que eles necesitan un amor inmorredoiro que os acompañe ata o cadaleito. Laura nunca se preguntou por que ultimamente Rosa nunca quere subir a tomar un café na casa.
Berta di que eles necesitan a alguén que lles dea caña sentimental. Berta gosta dos tíos kleenex, cando acabou con todos os seus ideais, proxectos e principios e os deixou que non valen para nada desfaise deles polo váter. Nalgunha ocasión sálvaos do váter e pásallos a Nana para que os rexenere.
Sesé di que eles necesitan unha compañeira capaz de compartillar todas as súas inquedanzas e de asumir os cambios. Sesé traga cuspe antes de entrar unha vez ao mes nese local de intercambio ao que decidiron ir para darlle un toque de divertimento ao que xa deixaba de ser divertido.
Rosa di que eles necesitan alguén que os admire, que non mire en ningunha outra dirección que non sexa na que eles están. Hai tempo que Rosa arrastra problemas de cervicais de tanto ter revirada a cabeza facendo de mirasol.
Helena di que eles necesitan unha muller floreiro (pero con carreira eh) que lles faga sentirse os máis envexados do planeta. Helena é un xarrón metido no asento do copiloto do descapotable do seu noivo, un fillo andróxino dun importante empresario da industria conserveira.
Sonia di que eles necesitan unha muller para casar e ordenarlles a vida. Sonia desequilíbraos psicoloxicamente coa súa obsesión casadeira, iso si, déixalles as casas para a portada de House&Garden.
[BSO Armas de muller - Carly Simon - Let the river run]

powered by ODEO

Decorando

Sigo de probas na nova casa, xa se sabe, hai que lle dar co sitio ás cousas. Vexamos se isto vai ben aquí...

[Milladoiro - O niño do sol]

Círculos

Con vontade afástome das túas pegadas para explorar os meus propios camiños, e paso a fraga, e a casa, e mais a ponte tamén, e xusto antes de adentrarme na curva alí volven estar de novo as túas pegadas, e xa me entra a dúbida de quen segue a quen neste patio circular cada vez máis enigmático.

[Nightnoise - The courtyard]

powered by ODEO

Aí ao lado

Sei que estás aí ao lado, mais perdo as túas pegadas na arañeira.

2006/06/25

Tarde


Sentei de novo no teu colo, o aparcadoiro non era prado, os vidros non se embafaron, o cambio de marchas non me deixou negróns na coxa, non oín o teu ruxido telúrico, non houbo cigarros de despois...
Estás ben? Si. Que che pasa hoxe? Vai, que a túa muller xa hai un anaco que chegou. Si, marcho que chego tarde. Si, chegas tarde.

[Los Panchos: Es muy tarde]

powered by ODEO

Unha furtiva lágrima


[Pintura: Nicoletta Tomas Caravia. Unha furtiva lágrima III]
[Música: Enrico Caruso. Unha furtiva lágrima (Donizetti, L'elisir D'amore. 1 de febreiro de 1904)]


powered by ODEO

2006/06/24

2006/06/22

Anunciada eclipse


Para que vostede e mais eu imos iniciar algo no que antes ou despois chegará a eclipse de lle ter que dicir NON?

2006/06/21

Novos veciños


Como dicía o meu veciño Nes comparando as relacións que se establecen neste marco virtual coas convencionais, aquí tes a vantaxe de que podes elixir os veciños. Andei a darlle voltas á idea, é certo, aquí podo escoller quen van ser os meus veciños e ademais tamén gozo da emoción dos veciños novos. Prometo non curiosear demasiado desde detrás das cortinas cando cheguen os camións das mudanzas e comecen a amosar o que nunca debe ser amosado en público.
Os meus novos veciños de momento son fundamentalmente amables e xenerosos e en ocasións noto como un ambiente de confraternidade, unha especie de pertenza ao grupo. De momento eu tamén procurei ser amable, pero non veño aquí para ser amable, non teño nin o máis mínimo interese en cultivar nesta bitácora eses terreos.
Algo distinto nestes meus novos veciños é que a comunicación só se produce cando alternativamente as partes queren e iso faime sentir un pouco á vontade do outro. Nunha proba ridícula e romántica lancei varias botellas ao mar pero os servidores enviáronas de volta á miña praia e agora non sei moi ben que facer con elas, colocareinas na carpeta de mensaxes imposibles e seguirei afacéndome a esta miña nova casa.

2006/06/19

Tránsito (Stay)


Un filme psicoloxicamente duro, potente, opresivo e vertixinoso.

Xoga

E se xogamos un pouco á pilla?
Que si, parvo, que ti me pillas e eu fago que non me deixo. Que non, que non marcho, que xa sei que non vés detrás, seino, de verdade, é só así, de mentira, só para que fagas que me pillas. Que si, que me deixo, xa o sabes, pero se me deixo desde o principio non sabe ben o xogo.
Xoga un pouco, anda... que quero sentir que aínda desexas pillarme, aínda que sexa así, de mentira.
Xoga maldito cabrón!

Bolero


Co permiso de Tongzhi vou incluír esta imaxe e o link dunha animación do Bolero de Ravel que paga moito a pena.

_______________

Mesmo a beleza fere nestes días.

2006/06/18

Manderley

Onte soñei que volvía a Manderley, atopábame ante a rella mais non podía entrar [...] nunca poderemos volver a Manderley, iso é seguro, pero algunhas veces nos meus soños, volvo alí, aos estraños días da miña vida.”
Que ben o facía o Hitchcock!

Audio

Esta é unha proba de audio no blog, se isto sae ben...
ábrese a porta a un novo sentido.
[Satie - Je te veux]

powered by ODEO

Delicioso


Delicioso cando confesas que enchiches a miña ausencia co teu desexo. Adoro provocar os teus placeres solitarios.

[Fotografía: Jerry Uelsmann - Symbolic mutation. 1961.]
[Ennio Morricone
- A misión. O óboe de Gabriel]

powered by ODEO

Pelexa de circuliños

Como estes días vin que en moitas páxinas o había e eu son unha copiona irreprimible instalei no meu blog o ClustrMaps. Si, foi unha decisión magnífica, mágoa non me ter decatado antes de que tamén ten contador de visitas e non me molestaba en instalar o que ten. O caso é que mo paso moi ben vendo aparecer circuliños no mapa do mundo e imaxinando, xa se sabe, cousas como… Como viría dar co meu blog alguén de Asia e parvadas polo estilo como que hai catro circuliños minúsculos nos USA ou que apareceu un circuliño en Gran Bretaña. Pois ben, todo ía sobre rodas ata que comezou a guerra de círculos. E como todo o mundo sabe as guerras de circuliños son unha cousa moi seria e transcendental. Non podería precisar o momento pero o caso é que o circuliño madrileño comezou a medrar máis que os demais, mesmo máis que o galego e iso resulta un pouco sospeitoso, non? Logo vai o círculo galego e recupérase e mesmo supera ao outro, e así levamos tres días, que non paran de rivalizar entre eles. Veremos quen gana ao final.

Correúda avoa blogueira

De blog en blog esta semana rematei nun dunha señora que pola foto semellaba unha avoa posmoderna e que se metía con certos blogs abondo coñecidos de mulleres galegas (sinto no poder poñer o enlace pero non lembro a páxina). O caso é que a señora/señor/ou o que for atacaba directamente ás autoras das devanditas páxinas. Até aí todo me pareceu máis ou menos normal e mesmo divertido, non comparto a visión desa muller pero entendo que ela no seu blog pode poñer o que queira sempre e cando non atente contra os dereitos fundamentais da persoa. Mais o que me chamou a atención foi a forma en que moita xente lle entrou ao trapo e nalgún caso, segundo a miña opinión, inxustificadamente ou dun xeito tan pouco correcto como fixera ela. Entendo que se eu vou ao blog doutra persoa a enchelo de críticas esa persoa terá todo o dereito de dicirme o que quixer porque estou no seu blog, e polo tanto, na súa casa. Agora ben, cada un no seu blog, isto é, na súa casa, pode falar do que lle pete e dar a súa opinión.

2006/06/17

Rosas vermellas


Perfecto exemplo de comedia romántica merengona en versión pseudolesbiana. Curioso, o estudo non distribúe fotos de ningún bico entre as protagonistas.

2006/06/16

Melancolía


Solopiensoenmi volveu. Dime que veu porque quería atopar a unha vella amiga, que esquezamos a xénese e obviemos parte do que ten sido a nosa relación, mentres fala de que agora aínda vai ter que viaxar a máis destinos exóticos e eu volvo a verme en hoteis de luxo asépticos para executivos. Cre que esa é a única posibilidade de que siga a existir algún contacto entre nós e iso é o que desexa. Pero esta vez non, agora vou ser eu a que pense en min.
Por que nos atraen as situacións autodestrutivas?
La melancolía es un licor bien caro
no te has dado cuenta, ya te he emborrachado
[Amaral - Siento que te extraño]

powered by ODEO

2006/06/15

Dixitalización

O bazar de Nes ofrece hoxe este artigo que me pareceu moi interesante:

15 Xuño 2006
O libro de papel ante a dixitalización
Arquivado en: nos estantes, no bazar — nes @ 8:13 pm
A columna de Pisani no CiberPaís de hoxe dedícalla ó futuro do libro na era dixital. Fala dos seguintes 3 eixos: dixitalización dos libros, os libros como conversa e da creación transparente ou “colaborativa”.
Pregúntase Pisani -sen dar resposta algunha- pola dixitalización dos libros: case toda a música xa foi dixitalizada, mais “apenas uno de cada 20 libros ha pasado de análogo a digital”, kevin kelly dixit.
¿A qué se debe esta situación? ¿Gústanos máis oír música que ler? ¿A xente que máis comparte as súas obras oe música pero non le? Creo que os tiros van por outros lares: simplemente ocorre que “la experiencia de usuario del libro en papel es claramente superior a la del libro electrónico“, Ugarte dixit. ¿Probáchedes a ler un libro no ordenador ou no móvil? Entón comprenderedes. As dores de cabeza son o obstáculo máis perigoso dos libros-e.
No artigo reseñado de Ugarte, desgránase cómo evolucionará a industria do libro. Polo momento, os libros en papel seguirán existindo, é máis, a dixitalización da creación e a libre distribución dos contidos non restrinxe as copias de libros en papel, senón que aumenta as súas tiradas. Pero xa estamos vendo algúns pasos que provocarán o avance dos libros electrónicos: as pantallas de tinta electrónica (infografía en Consumer.es).
Este tipo de pantallas é menos agresiva para os ollos, polo que a experiencia dun usuario na lectura dun libro electrónico pode que chegue a igualar á do libro en papel. Entón, estaremos falando do colapso da industria do libro de papel. Polo momento, todo o contrario. Aínda que xa se están a dar os primeiros pasos.

Dominar

Esta mañá erguinme decidida a dominar a rabia. Ducheime loitando con ela. Mais agora que a mañá xa vai indo até lle fixen fronte e fun capaz de comportamentos civilizados e mesmo cordiais co inimigo.
Sinto punzadas no ventre, terá algo que ver?

2006/06/14

Rabia



A rabia agroma en forma de bágoas irreprimibles. A rabia empurra por saír, afoga na gorxa, faise dona de todo e arrasa asolagando calquera palabra que xa non poderá ser dita.
[Silvio Rodríguez - La rabia]

2006/06/13

De blog en blog


Vou de blog en blog e atopo a A, que nin sabía que tivese blog, e que ten un link a B e os dous teñen un link a C que á súa vez está nun blog colectivo con A, B, C e L.
Que horror!
Xusto isto é o que non quería.
Pero non era inmensa a arañeira esta?

2006/06/12

Os amigos de Manolo


Que sorte ten Manuel (Manolo sería demasiado familiar e a confianza neste caso non che é tanta) que lle saen amigos Anonymous cunha facilidade incrible. Iso si os amigos de Manuel sonche xente moi ocupada (quixencho dicir alí) e importante (non estiven pero puiden estar) pero sobre todo, o mellor dos amigos de Manuel é que están por riba do ben e do mal (pensa algo na literatura / hai que apostar pola calidade / perde Xerais, pero perdemos todos: os lectores e o país tamén). Realmente os amigos de Manuel seguen a lle dar voltas aos vellos temas, os de sempre, que se a calidade, que se a funcionalidade dos premios, que se o papel do editor, que se os xurados, que se os libros tamén son produtos que cómpre vender, bla bla bla... Todas estas son cuestións moi importantes e interesantes, e de seguro hai moitos mellores momentos para falar delas ao longo do ano.
Se fose Ameixeiras estaría bastante cabreada co tema porque o Xerais con todo o que significa é igual de válido para todos os seus gañadores e gañadoras. Deixemos que Diego Ameixeiras goce do seu premio lexitimamente conseguido. Eu prometo ler Tres segundos de memoria e logo volvemos falar que o falar non ten cancela.

2006/06/11

Mañá


A próxima semana vai ser dura, realmente se me fai difícil pensar no momento de espertar mañá. Que imbécil! Difícil se lle vai facer a quen non ten traballo, a quen non ten comida, a quen non ten liberdade... ás veces sorpréndome a min mesma co meu grao de aburguesamento pero tamén é certo que as nosas dores sempre son proporcionais. Realmente mañá apeteceríame poder durmir até un chisco tarde, erguerme, almorzar ben despois dunha ducha dunha hora e poñerme a navegar pola rede de blog en blog de link en link e logo volver durmir na cama desfeita e todo sen ningunha chamada de teléfono, sen dicir unha palabra, sen ningún humano preto, mañá apeteceríame perderme de min mesma. Pero mañá, a vida non me vai deixar.

powered by ODEO

Se ti foses

Pego aquí un cuestionario que atopei no blog Paranonler.
O que sería eu se tivese sido...
* ... un mes: outubro
* ... un día da semana: venres
* ... un momento do día: a mañá cedo
* ... un planeta: ummm, eu non sei de planetas, e dicir por dicir tampouco ten chiste
* ... un animal: unha osa
* ... un moble: un sofá
* ... unha bebida: caraghillo
* ... un instrumento musical: un violín
* ... unha froita: unha sandía
* ... unha canción: El reloj
* ... unha materia: rocha (a rocha é un tipo de materia?)
* ... unha parte do corpo: o ventre
* ... un obxecto: un obxectivo dunha cámara de fotos
* ... unha comida: tortilla
* ... un personaxe animado: Niebla, o can do avó de Heidi
* ... un número: 8
* ... un coche: un monovolume negro
* ... unha cidade: calquera cunha zona histórica coidada
* ... unha dor: a do espírito
* ... un mar: o Atlántico
* ... un idioma: o meu
* ... unha flor: mimosa
* ... unha cor: burdeos
* ... un verbo: ser
* ... unha estación do ano: o inverno
* ... unha prenda de vestir: un sombreiro
* ... un libro: Veu visitarme o mar
* ... un país: o meu
* ... un lugar: un cantil
* ... un deporte: ningún
* ... unha película: Lembranzas de África
* ... unha marca: Montblanc
* ... unha serie: Treinta y tantos
* ... uha página web: www.filmaffinity.com
* ... un sabor: o da auga do mar na pel
* ... un signo do zodíaco: un de lume
* ... un perfume: Pleasures

Gustaríame que fixesen o cuestionario...ummm...a ver que pense...ah, si, os meus dous únicos interlocutores de blog, o Kaplan e o amigo anónimo do Kaplan e por suposto, ti que les e aínda non deches sinais de vida. :-)

Pasado


Así queda o pasado despois de estar dezasete anos conservado entre as páxinas dun libro. Guindei co meu pasado no cubo do lixo orgánico para que por fin apodreza entre as sobras do xantar e poida chegar algún día a formar parte dunha nova colleita.


2006/06/10

Tres


"Non era o que buscabamos mais todos obtivemos o que precisabamos."

A falta de costume

Mércores 7 13.00: Hoxe chega puntual. Si, hoxe o tráfico deixaba circular, debe ser que co sol a xente se anima a ir andando aos sitios. Que a gusto se está aquí con este fresquiño! Si, desde que puxemos o aire acondicionado estase moito mellor. É que coa calor que vai este ano, debe ser a falta de costume que todo o mundo se queixa. Si, a falta de costume, xa se sabe.
Mércores 14 13.20: Síntoo, non puiden chegar antes. Non se apure, é natural, aparcar polo centro, xa se sabe. Hoxe viñen andando o que pasa é que calculei mal o tempo que me había de levar, como o fago tan poucas veces. Si, a falta de costume, xa se sabe.
Mércores 21 12.50: Hoxe veño antes da hora, pero mentres esperaba abaixo pensei que ao mellor non pasaría nada por chegar cedo de máis... Non se preocupe. É que hoxe traballo de tarde, con isto da xornada intensiva de verán que comezamos esta semana ando medio despistado. Si, a falta de costume, xa se sabe.
Mércores 28 13.30: Perdoe, quizais xa sexa tarde, foime imposible chegar antes e ademais esquecín o móbil no traballo e non puiden avisar, síntoo. Non pasa nada, que todos os problemas sexan eses. Está completamente tenso. Non me estraña é que levo unha mañá... se a verdade é que hai días que é mellor non saír da casa. Non, hoxe póñase boca arriba. Reláxese. [E comeza polos pés e os seus dediños, eses que me fan estalar as vértebras todas, que doces agora deslizándose co aceite pola canela, polo xeonllo, polo interior da coxa arriba. E eu deixándome facer, cada vez máis teso, e ela un pouquiño de presión coas mans para que abra un chisco as pernas e a colar os dediños nas virillas xogando aos tobogáns. E eses dediños arrodeándome todo inmenso.] Volveume tolo. Non había de ser a cousa para tanto. Si, a falta de costume, xa se sabe.

2006/06/09

17.09

Solopiensoenmi entra, déixase ver, non di nada, sae. Solopiensoenmi volve entrar, permanece e volve deixarse ver, agarda, finalmente saúda. Solopiensoenmi cambiou recentemente o traballo, o traxe (varios cada nova temporada), o ordenador, o camiño que fai no seu cochazo cada mañá e até o vaqueiro das fins de semana. Solopiensoenmi segue entrando a buscarme, só por saber como me vai, só por saber se sigo aí, só por saber se sirvo de algo na súa insatisfacción crónica.

2006/06/08

O silenzo das palabras


"Podemos falar galego só cun ollar? O neto e o avó cóntannos dúas historias breves, unha vida pasada e agora tranquila contrasta ca forza e vitalidade doutra vida por percorrer. Falan coa forza dos seus ollos, e falan en galego".
Antonio Matías
Gañador do concurso O galego no espello convocado por Vieiros.

Perrencha


Era máis fácil antes, cando de pequena podías montar unha perrencha ben boa cando non che gustaba algo, menos mal que agora che queda isto de vir ao blog e desfogar.

2006/06/06

Galicia será nación la la la

Quero unha cultura normalizada. Vale, con friquis tamén.

[Edilberto Alonso - Galicia será nación]

powered by ODEO

Despedida

Gard volveu, atopou o que viña buscando e logo aconteceu por segunda vez o que tiña de acontecer, mais nesta ocasión coa promesa de ser esa a despedida definitiva.

2006/06/04

En días coma este


En días coma este, con amorsenreservas ao meu carón, sinto que a paz é posible.

[Vinicius de Moraes, Toquinho e Maria Creuza - Eu sei que vou te amar]

powered by ODEO

Á moda

Agora está de moda ter un blog e hai nonseicantísimos galegos que posúen un. Amoloume a noticia, si, fastídiame ir canda todo o mundo. Aínda que ben pensado, por veces até gosto de me mover ao mesmo compás que os demais por aquilo de sentir a calor.

2006/06/03

Banco


Hai uns días estiven en Delfos, aínda ecoaba nas meniñas o banco de Ithaca desde o que Kaplan non puido pensar que tiña o corazón roto. Vino e pregunteime cantos homes terían decidido alí seguir, camiño adiante.
[Alberto Cortez - A partir de mañana]

Ducha


Coche fúnebre cuberto de flores en catarse do sur. Fun alá dentro, e na ducha chorei todos os meus mortos até que a chuvia a presión borrou calquera rastro de pena na pel.
[Fauré - Pavane]

powered by ODEO

2006/06/02

Mocidade 17 de maio

[Aquí está, aquí se ve, a mocidade galega en pé.
Aquí está, aquí se ve, a mocidade galega en pé.]

E eu...enfronte, mirándoos, e dentro... bágoas arrebolando pola que xa non hei de ser Nunca Máis.

2006/06/01

Colgar



Alí apareceu esta mañá no yahoo, o último recordo que tiña del era de había unha semana, unha voz ao outro lado do aparello dicindo tengo que lavarme, tengo que colgar, adiós. Viña pola súa dose de adrenalina, seino, Gard anda como un adolescente en plena eclosión hormonal, pero toda esa historia do encontro co aeroporto, o coche, os corpos... non pode seguir sendo o noso alimento.
Colgo antes de poder sentir o seu silencio sen ideas e o meu baleiro.

[Mike Oldfield - Jungle Gardenia]


powered by ODEO

Rubideira teimuda


Nada sabe disto quen o ten provocado, mais o culpable é o Kaplan, e eu que son persoa agradecida, quero que as primeiras palabras deste meu blog sexan para el.
Grazas por seres o magnífico pretexto para estar aquí, desexo facer esta viaxe.
Agardo ser rubideira teimuda pola cortiza da rede de redes.
[Rachmaninov - Rapsodia sobre un tema de Paganini]

powered by ODEO