Páxinas

2006/06/28

O que eles necesitan I

Nana di que eles necesitan unha muller que dea acubillo aos seus sentimentos de desprotección. Nana acaba sendo a mami comprensiva de todos os seus amantes que volven periodicamente para contarlle como os mal-tratan o resto de mulleres que non son tan comprensivas coma ela.
Marga di que eles necesitan máis o riso que o sexo. Marga fai que se rían nas ceas, cando horas despois chega soa á casa o riso tense convertido nun rictus de insorportable amargura.
Pitu di que eles necesitan unha puta coma ela, que lles dea sexo ata que non poidan facer outra cousa que vivir obsesionados con desaparecer unha e outra vez no seu particular triángulo das Bermudas tinguido de cor caoba. Pitu só sae con chulos de putas e, de cando en vez, se tira ao mozo dalgunha das súas amigas como por exemplo a un fillo andróxino dun importante empresario da industria conserveira.
Laura di que eles necesitan un amor inmorredoiro que os acompañe ata o cadaleito. Laura nunca se preguntou por que ultimamente Rosa nunca quere subir a tomar un café na casa.
Berta di que eles necesitan a alguén que lles dea caña sentimental. Berta gosta dos tíos kleenex, cando acabou con todos os seus ideais, proxectos e principios e os deixou que non valen para nada desfaise deles polo váter. Nalgunha ocasión sálvaos do váter e pásallos a Nana para que os rexenere.
Sesé di que eles necesitan unha compañeira capaz de compartillar todas as súas inquedanzas e de asumir os cambios. Sesé traga cuspe antes de entrar unha vez ao mes nese local de intercambio ao que decidiron ir para darlle un toque de divertimento ao que xa deixaba de ser divertido.
Rosa di que eles necesitan alguén que os admire, que non mire en ningunha outra dirección que non sexa na que eles están. Hai tempo que Rosa arrastra problemas de cervicais de tanto ter revirada a cabeza facendo de mirasol.
Helena di que eles necesitan unha muller floreiro (pero con carreira eh) que lles faga sentirse os máis envexados do planeta. Helena é un xarrón metido no asento do copiloto do descapotable do seu noivo, un fillo andróxino dun importante empresario da industria conserveira.
Sonia di que eles necesitan unha muller para casar e ordenarlles a vida. Sonia desequilíbraos psicoloxicamente coa súa obsesión casadeira, iso si, déixalles as casas para a portada de House&Garden.
[BSO Armas de muller - Carly Simon - Let the river run]

powered by ODEO

7 comentários:

DESORDE disse...

ufff, xenial! XD
desorde cre q todas teñen razón, pero ningunha ten toda a razón.

SZ disse...

Noraboa polo teu blog, pasarei con frecuencia.
:)
Un saúdo

X disse...

Grazas aos dous. :)

torredebabel disse...

torredebabel di que deu co home da sua vida o día que pensou no que ela necesitaba. Apertas!

O vixía disse...

Bonito exercicio tipolóxico. Agora, X, ti sabes que as mulleres sodes ben máis complexas que todo iso. Tamén os homes.

Apertas.

X disse...

Moi sabia actitude torredebabel.

X disse...

Grazas Vixía, é a complexidade a que nos fai fermosos.