Páxinas

2011/08/15

Jesús del Pozo (1946-2011)


Morreu Jesús del Pozo, un dos grandes artistas da moda en España. 
Coma outros deseñadores de roupa ou de xoias e ultimamente tamén figuras do deporte e do cine, sumou á súa oferta de produtos asociados e de prestixio os perfumes.
No ámbito da perfumería feminina, no ano 1992 principiou con Duende, que logo xa se había de converter nun clásico.

Catro anos despois seguiulle Esencia de Duende.


En 1997 Halloween, cun enfoque moito máis fresco axiña se fixo a máis recoñecible das súas fragrancias.

Logo habían de vir variacións ata que en setembro de 2010, saía ao mercado a derradeira das súas creacións, Ámbar, con ese medallón tan característico e esa imitación en cristal das formas arredondadas do ámbar natural non é para todos os días, senón para cando procuras que a túa pel exhale un olor determinado e especial. Gardareino como un talismán, como facían os fenicios.



2011/08/14

Entre lamber e morder



Nas terrazas de verán os temas son completamente diferentes aos das mesas interiores que nos acollen noutras épocas do ano.
Atrapados baixo os parasoles e para evitar o sopor das primeiras horas da tarde as conversas reláxanse e derivan en mensaxes ambiguas, sen evolución coherente, pero que provocan o riso dos congregados. Como quen non quixo a cousa, e partindo dun solombo demasiado pouco feito, a conversa foi dar nos xeitos de morder e as súas variedades, puxemos os dentes a traballar e trabamos e abocamos.
Alguén lembrou aquilo de "máis vale lamber que morder", pero véndote alí sorrindo as ocorrencias alleas mentres tomabas a túa bóla de xeado, o meu desexo oscilaba entre darche a morder a miña queixada para que a abocases ben cos teus dentes perfectamente aliñados ou que te dedicases a lamber lentamente o meu colo coa túa lingua xeada.

2011/08/12

Noutras mans


Ultimamente gústame imaxinarte noutras mans, rodeado de mans, toqueteado, sobado, manoseado, abandonado a mans alleas, saboreando o pracer que che provocan mentres o teu goce fai de min unha voyeur prisioneira.

2011/08/03

Débedas

Imaxe de Altermundo (algo moito máis importante que esta entrada).

Querid@s paseantes da Selva, téño por aí débedas pendentes con algúns e algunhas de vostedes, só quería manifestarlles que de momento non me vou declarar en quebra técnica e teño a firme vontade de me ir poñendo ao día nos pagamentos. Agradézolles a súa inmensa xenerosidade de non caer na usura de me aplicar uns xuros impagables que aínda me habían afundir máis nesta crise blogueira.

PD: Iso non quita que calquera día precise ser rescatada e resérvome o dereito a, se for o caso, pedir axuda e que me lamban as feridas.

Campaña de animación á lectura 95

Fotografía de Manu Prombol.

Serei eu o teu Shahriar e ti a miña Sherezade, sigue lendo e non hei cerrar o frasco só polo pracer de sentir o son da túa voz reverberando aí dentro inventando cada noite unha historia para min.

2011/08/01

Elena Gago (1940-2011)


Hai un par de días enterraban a Elena Gago no cemiterio coruñés de San Amaro. Vin nos papeis unha fotografía dunha caixa fúnebre seguida de non demasiada xente. Pareceume unha tremenda inxustiza vital, Elena Gago debería ter sido trasladada nun dos fermosos sofás que trazaron os seus pinceis.
Nunca tiven a oportunidade de coñecela persoalmente, nin sequera de vela de lonxe, mais hai bastantes anos que ao ver un dos seus cadros xa quedei atrapada por eses espazos íntimos, harmónicos, sinxelos, suxestivos e asemade tan cheos de ausencias.
Déixolles unhas cantas mostras desta autora procedentes da Colección Caixanova e da Colección de Arte da Fundación María José Jove.