Páxinas

2008/06/18

Fisiólogus

Fisiólogus chegou por recomendación, sempre me intrigou como sería a conversa, pero así foi. E pasou con el como con esas persoas que un día alguén che presenta e apuntas na axenda "o amigo de..." para saber de quen se trata, logo xa lles coñeces o nome e ao final acaban tendo un oco propio.
Sempre críptico, afaste ao seu estilo coidado. Magnífico retratista, podemos atopar no seu Neobestiario algunhas perlas textuais dignas de ser copiadas e gardadas porque son certeiras como a frecha do arqueiro concienzudamente adestrado. Xa hai un tempo decidiu que precisaba outro espazo virtual e chegou a Neocrónica, esta irmá pequena é unha especie de escolla de pequenos fotogramas vitais.
A súa estética austera carece por completo dos elementos típicos que podemos atopar noutros blogs (anuncios, calendarios, contadores, músicas, etc.), nin sequera enlace ningún a outras bitácoras ou páxinas web fóra das súas. Esa simplicidade visual dálle tamén un ton íntimo ao que axuda a presenza duns cantos lectores/comentaristas e nada máis. Os outros, os que están e len e non comentan, non contan. Ao final resulta como unha superficie puída que acariñas cos dedos.
Gústalle dosificarse, quizais demasiado, pero aínda así sempre paga a pena a espera. É como un perfume do que cada certo tempo pousan na cara interior do teu pulso unha pulverización mínima. Permanece e gustas de recuperalo gozosamente achegando o pulso ao nariz durante as horas en que se vai esvaendo na mestura coa túa pel. De ser un dos meus perfumes Fisiólogus sería Blu de Bulgari, presente de cando en vez, intenso como unha cita breve desexada durante tempo, cun toque das miñas queridas acacias e azul como o Neobestiario.
Un pracer Sr. Fisiólogus.

2 comentários:

fisiologus disse...

me encantó el perfume: muchísimas gracias.

X disse...

Non se merecen, debíallo desde hai tempo.
Saúdos.