Páxinas

2007/05/07

Test de encarga

Hoxe SZ convídame a completar o “famoso test” que circula estes días polo blogomillo. Xa a Doutora me deixara tamén hai unha semana estes mesmos deberes para a casa na súa consulta. Non seguir o tratamento suporía unha rebeldía inxustificada e a negación de calquera intención de curación pola miña parte, polo tanto, procedo:

O principal rasgo do meu carácter? Unha enorme capacidade de entusiasmo.

A calidade que prefiro nun home? A intelixencia e a intuición.

A calidade que desexo nunha muller? A intelixencia.

O que máis aprecio nos meus amigos? Que sempre desexan a miña compañía (ou iso din).

O meu principal defecto? Crerme mellor do que son.

A miña ocupación preferida? Xogar, ver películas, pasear sen rumbo pola grande arañeira e ler.

O meu soño de dicha? Ter tempo para aburrirme (pero só o xusto para que sexa un pracer eh).

Cal sería a miña maior desgraza? Morrer pensando que non aproveitei o tempo e me quedan cousas pendentes (visto o cal, estou condenada á desgraza).

Que quixera ser? Unha persoa feliz.

Onde desexaría vivir? Nun recuncho da beiramar galega.

A cor que prefiro? A negra ou a vermella escura, calquera das dúas.

A flor que prefiro? Os tulipáns, as papoulas e as acacias.

O paxaro que prefiro? Non son moi de paxaros, quizais unha curuxa.

Os meus autores preferidos en prosa? Moitos, desde Xerardo Agrafoxo ata Poe, pasando inevitablemente por Unamuno (non me miren raro), María Xosé Queizán, Stefan Zweig, Eça de Queirós, Suso de Toro, Thomas Mann, Yukio Mishima, Bryce Echenique, Dostoievski, Rosa Aneiros, etc., etc. Prefiro falar de obras en concreto que de autores, adaptaríase moito máis á miña realidade como lectora.

Os meus poetas preferidos? Kavafis e logo moitos outros e outras.

Os meus heroes de ficción? Atticus Finch, Terry Malloy, Henry Drummond, Jefferson Smith, Sir Wilfrid Roberts, etc., etc., etc.

As miñas heroínas de ficción? Margo Channing, Celie, condesa Torlato-Favrini, Karen Blixen, Francesca Johnson, Charlotte Vale, etc., etc., etc.

Os meus compositores preferidos? Como na literatura preferiría falar máis de obras que de autores, en todo caso sempre van comigo algunhas bandas sonoras, algúns cantautores (Paco Ibáñez, Sabina, Silvio, Pablo...), algúns clásicos (Satie, Chopin, Rachmaninov...) e outros (Amaral, Milladoiro, Pet Shop Boys, Nightnoise, Madredeus), etc., etc., etc.

Os meus pintores predilectos? Dos da casa Julia Minguillón, Lugrís e Peteiro.


Os meus heroes da vida real? Aqueles que en vez de manterse en posicións acomodaticias como a miña son valentes e dan o enorme salto de pasar da palabra á acción polo ben dos demais.

As miñas heroínas históricas? Así sen pensar moito...Ninon de Lenclos, por exemplo.

Os meus nomes favoritos? Se as persoas fan fermosos os nomes tamén creo que hai nomes que agasallan cunha certa auréola a que ten a sorte de levalos como insignia, sinto especial querencia por: Xabier, Aldán, Eva ou Moraima.

Que detesto máis que nada? A irresponsabilidade, e máis en concreto, a irresponsabilidade política, ver como os necios perden forzas en batallas inútiles mentres están por facer cousas importantes que non poden agardar.

Que caracteres históricos desprezo máis? Os que fixeron e fan que a miña vida sexa peor.

Que feito militar admiro máis? Aínda non chegou.

Que reforma admiro máis? A revolución francesa (xa sei, xa sei, non é reforma pero pódese dar por boa, non?) e as reformas lexislativas que permiten nos diferentes estados que homes e mulleres de forma igualitaria teñan dereito ao voto.

Que dons naturais quixeras ter? O don da palabra.

Como me gustaría morrer? Moi moi moi vella, acompañada e sen demasiados motivos para o arrepentimento.

Estado presente do meu espírito? Na esperanzadora espera de inminentes mellores tempos.

Feitos que me inspiran máis indulxencia? Os pecados de amor.

O meu lema? Sempre se está a tempo.

Gustaríame saber as súas respostas, anímoos a que continúen a cadea de confesións sen pretexto (algúns asiduos e asiduas da Selva de Esmelle xa se están poñendo ao labor, e non miro para ninguén).

11 comentários:

homedareia disse...

eu polo de Unamuno nunca te miraría raro, porque con poucos me rin tanto lendo como con el, Amor y Pedagogía, encantoume...

peke disse...

Karen Blixen heroína de ficción????

vakastolas disse...

Foi valente, eu tamén quixen poñer os pecados de amor pero non me atrevín.

alfama disse...

entendemos, entón, que a intuición é feminina... xogando e velliña, quedo con esa imaxe :-)
bicos

oko disse...

a min tamén me gusta unamuno :)

Rifo I de Zeuquirne disse...

Pois as miñas xa están tamén.
saudiños.

X disse...

Rifo eu facíaa de campaña electoral por Petín.
Eu comecei a ler a Unamuno un día que me dixeron que aínda non tiña a idade apropiada para ler Niebla, logo todo veu rodado.
Alfama quítelle o de velliña por favor :D
Vakastolas a miña resposta son os pecados de amor porque considero que poden chegar a dominalo a un.
Peke, ruborizada me atopo, menuda metedura de pata, iso pasa por andar facendo test en momentos soltos e mesturar cinema e literatura. Quitémoslle o de ficción aínda que teño que confesar que a coñecín grazas ao filme.
Homedareia tennos sedentos dunha nova areiasonora, ula?

homedareia disse...

téñovos? a quen? a ti e a quen máis? :P
Levo uns días cunha na cabeza, mas se cadra déixoa para o DDL, ou as vísperas de...
(ando preguiceiro e chego canso do traballo dunhas semanas para acá...)

Doutora Seymour disse...

Gran lema, sen dúbida é vostede unha optimista, o cual nestes tempos que corren é case especie en extinción. Habera que coidala un chisco máis...

X disse...

Homedareia, alguén máis haberá, non?
Doutora, coide, coide, a quen non lle gusta ser coidado?
Saúdos aos dous.

torredebabel disse...

o don da palabra xa o tes ;-))