
_____________________
Xa ben o sabía Castelao...

O negriño foi medrando na aldea, onde deprendendeu a falar con exebreza, a puntear muiñeiras, a botar aturuxos abrouxadores.
Un día morreu o home rico e Panchito trocóu de amo para ganalo pan. Co tempo fíxose mozo comprido, sen máis chatas que a súa coor... Aínda que era negro coma o pote, tiña gracia dabondo para facerse querer todos. Endomingado, con un caravel enriba da orella e unha ponla de malva na chaqueta, parescía talmente un mozo das festas.
Unha noite de estrelas xurdeu no su maxín a idea de saír polo mundo á cata de riquezas. Tamén Panchito sinteu, como tódolos mozos da aldea, os anceios de emigrar. E unha mañán de moita tristura gabeóu polas escaleiras dun trasatlántico.
Panchito ía camiño da Habana e os seus ollos mollados e brilantes esculcaban no mar as terras deixadas pola popa.
Nunha rúa da Habana o negro Panchito tropezóu cun home da súa aldea e confesoulle saloucando:
-Aí, eu non me afago nesta terra de tanto sol; eu non me afago con esta xente. ¡Eu morro!
Panchito retornóu á aldea. Chegóu probe i endeble; pero trouxo moita fartura no corazón. Tamén trouxo un sombreiro de palla e máis un traxe branco...
Cousas (1926), de Daniel A. Rodríguez Castelao
Vía Marcus.
4 comentários:
Había ben tempo que non relía este contiño. :)
De aí o de que un non é de onde nace se non de onde pace.
A cor da pel non é mais que cuestión xenética, os corazons teñen sempre a mesma cor... pero hainos demasiado pequenos para querer tanto.
A demostración de que a morriña é unha cousa absolutamente universal.Ou galega, non sei.
Postar um comentário