Páxinas

2007/05/01

Dereito ao voto e lectura obrigada

Chegan as eleccións e outra volta de polémica co dereito a votar dos emigrantes, se non saben o que aquí pasa, se están manipulados polas visitas electoralistas dos candidatos, se se moven por promesas de calquera beneficio futuro... ben, é certo, pero tamén se poderían dicir esas tres cousas de moitísimos dos que habitamos o territorio patrio e ninguén quere privalos do dereito ao voto. Non, non se chamen a engano, desde o meu punto de vista non deberían ter dereito a votar aquí, mais non por todo o anterior senón polo feito de que o colectivo emigrante non vai sufrir ou gozar dos resultados desas eleccións nas súas propias carnes ou non na mesma medida que os que aquí vivimos. Ben, xa sei que a cuestión daría para moita máis análise pero non era disto do que quería falar.
Hoxe quero falar de Fíos invisibles, o blog de Débora Campos, un lugar que se non o coñecen deberían coñecelo. Confeso que a primeira vez que me acheguei a el pensei que sería un máis do mesmo, unha semifolclorada morriñenta que nada tería que ver comigo (si, seino, estou chea de prexuízos). Afortunadamente a realidade deume unha labazada fresca na cara, descubrín unha páxina moi interesante, onde prima a crónica intelixente e que en moitas ocasións deixa paso á análise profunda de cuestións de máxima vixencia e esas dúas vertentes rodeadas da maxia do propio, chegar ao mundo falando de un, que mellor maneira de facer as cousas!
Atopei na autora unha galega moito máis coñecedora da nosa realidade que moitos dos que aquí habitamos, unha muller que nos achega unha perspectiva de nós mesmos enriquecedora, unha visión que mesmo digo rodeada de amor sen medo a caer no cursi pois só con amor ao propio é como se poden artellar discursos coma os dela. Por iso cada vez estou máis convencida de que Fíos invisibles sería un bo exemplo para a campaña de Galicia calidade e debería ser lectura obrigada para calquera galego.
Desde aquí os meus parabéns para Débora Campos e os meus ánimos para seguir a tecer eses "fíos invisibles" que nos unen.
[Sigo moitos blogs e por iso non son amiga de falar deles en particular para non ferir sensibilidades xa que todos eles me ofrecen algo que me gusta. Confórmome con plaxialos, poñer links cando provocan en min un novo post e pouco máis, pero esta vez quixen facer unha excepción que considero ben xustificada. (Agora que rematei de escribir o post, quen sabe, quizais faga isto máis veces. É agradable poder felicitar a aqueles que nos alimentan día a día coas súas obras e agradecerlles o que de positivo achegan ás nosas vidas. Crearei unha nova etiqueta e logo o futuro dirá.).]

8 comentários:

Anônimo disse...

Apaudo a iniciativa e suscribo o dito sobre Fíos invisibles.

Grazas.

Mrs. Doyle

Torreira disse...

Totalmente dacordo coa sua moción e a súa emoción srta X (ninguén poderia contar mellor eses fios invisibles que voçe).Bico

ghanito disse...

A sensibilidade e o bo estilo narrativo de torredebabel difícilmente deixan indiferente.
Algun dos seus apuntes son dos mellores que eu teño visto no blogomillo.

O Raposo disse...

Certamente Fíos invisibles é do mellorcíño que hai na rede e ben está recoñecelo.

torredebabel disse...

Os sentimentos son coma músicas. Se escoitas unha, podes disfrutala, analizala, deixala pasar das orellas ao cerebro e logo ao corazón. Pero se soan dúas ou tres ao mesmo tempo, aparvante e xa non sabes qué facer. Eu estou paralizada polos intensos sentimentos que desatou este post. Indubidable sorpresa, dende logo só podese atribuir á xenerosidade de X o feito de atopar eses valores nos meus artigos. É a túa mirada, e a de cada un de vos benqueridos amigos raposo-Ghanito-Torreira-Mrs. Doyle, a que os fan merecedores de lectura. Ledicia, por suposto, de saber que o mar non é tan longo nin tan enorme para afastarnos dos que son coma nós. Unha pequena dosis de orgullo polos tantos e tantos mellores ca min, máis conscientes, máis formados, máis sólidos (e tanto!), que están nesta beira facendo unha Galicia mellor, ainda que a Galicia metropolitana non o saiba. E finalmente, unha longa inundación de vergonza, de saberme non merecedora destas verbas, coma quen ocupa un sitio no que terían que estar outros. Cando menos é unha vergonza activa, das que imprimen a obriga de mellorar. X non sei decir grazas dun xeito suficientemente bonito coma este post é fermoso para min. Graciñas!

X disse...

Torredebabel, as grazas, e grandes, son nosas. Saúdos desde esta beira.

Clara Flor disse...

Concordo plenamente. Ela é excepcional. Moitas sorpresas que da a diáspora galega. E se facemos un test sobre a diáspora na Galiza territorial?,creo que haberia suspenso xeralizado. Din que hai que decidir sobre nós, sobre o noso dereito a voto. E se nos preguntaran? Se vai afectarnos, por qué non consultarnos?. E democracia participativa ou censitaria?. A Debora vina en persoa hai un ano e dende aquela non houbo un dia que non nos comunicaramos, que non proxectaramos ideas, que non deixarmos de seguir soñando con mudar a imaxe da diáspora galega. Xa non fai falla pasar por Galiza para facelo,vai dentro o sentimento de mudanza. Estamos vivos aqui fora e somos tan galegas e galegos coma o resto!!. Bicos ao lonxe

Ana Bande disse...

O dia das letras galegas a Débora Campos ¡xa!