Páxinas

2007/02/20

Wislawa Szymborska

DESPEDIDA DUNHA PAISAXE

Non lle reprocho á primavera
que chegue outra volta.
Non me queixo de que cumpra
coma todos os anos
coas súas obrigas.

Comprendo que a miña saudade
non vai frear a herba.
Se os talos vacilan
vai ser só polo vento.

Non me causa dor
que os soutos de ameneiros
recuperen o seu murmurio.

Non podo senón decatarme
de que, como se vivises,
a beira de certo lago
é tan fermosa como era.

Non lle gardo rancor
á ollada pola vista
dunha baía refulxente.

Mesmo podo imaxinar
ca outros, non nós,
están sentados arestora
sobre o bidueiro derrubado.

Respecto o seu dereito
a riren, a borboriñaren
e a ficaren felices en silencio.

Supoño aínda
que os une o amor
e que el a apreixa a ela
con brazos cheos de vida.

Algo novo, coma un trilo,
principia a gorgolexar entre os xuncos.
Deséxolles con sinceridade
que o escoiten.

No lle esixo ningún cambio
das ondas á beira,
lixeiras ou preguiceiras,
mais nunca obedientes.
Nada lles pido
ás augas xunta o bosque,
ás veces esmeralda,
ás veces zafiro,
ás veces negras.

Unha cousa non acepto.
Volver a ese lugar.
Renuncio ao privilexio
da presenza.
Sobrevivinte abondo
como para lembrar desde lonxe.

[Wislawa Szymborska: Fin e comezo. 1993]

Um comentário:

Moralla disse...

Moi bo, foto e poema, e ese final redondea o post.
Versos capitaneados por ese fume de tabaco en branco e negro...lembrando na distancia a cercanía do que nunca me deixará
Yoli