"A cidade ha de ir en ti sempre. […] A vida que aquí perdiches destruíchela en toda a terra." K. Kavafis
2007/06/04
2007/06/03
Campaña de animación á lectura 22
Hai pouco máis dun mes un contador de historias imprescindible e amigo desta Selva, Xabier Docampo, a quen lle dou as grazas, agasalloume cunhas fotografías, unhas liñas e un nome para a Campaña de animación á lectura. De aí naceu esta Leonor de Aquitania que gardei para que fose o post número 500 deste blog.
Leonor de Aquitania (1122-1204), a chamada raíña dos trobadores, foi musa de trobadores e bardos bretóns ademais de compoñer ela mesma algunhas obras, para algúns esta muller vai ser a responsable de que a historia do Ciclo artúrico e griálico sexa tal e como hoxe a coñecemos. Moitos non dubidan en sinalala como a artífice do cambio na valoración da figura feminina no século XII á que converte no ideal do home xurdindo un amor cabaleiresco que se manterá ata a actualidade. Leonor conseguiu na súa época impoñerse ao dominio masculino e ser durante algunhas etapas da súa vida poderosa e independente, a súa biografía é un referente na historia dos dereitos das mulleres.
A filla primoxénita do duque Guillerme X, disque unha muller de singular beleza, foi educada para herdar as terras de Aquitania, que foron súas tras a morte de seu pai. Herdou do seu avó, Guillerme IX, o duque trobador, o amor á cultura e á arte. Fronte aos costumes da época aprendeu a ler, a escribir e falaba varias linguas. A súa herdanza converteuna nunha muller independente e nunha consorte apetecible para as casas reais europeas. Casa con Luís VII de Francia con quince anos e leva ás festas reais os xogos de amor cortés. Vai ser ela a que dirixa a segunda cruzada.
As súas infidelidades rematan coa anulación do matrimonio. Meses despois casa con Henrique II de Inglaterra, un home do que estivo fondamente namorada mais que lle foi infiel en numerosas ocasións.
Henrique afástaa das decisións políticas por primeira vez na súa vida, e ela, en desacordo coas decisións do seu marido, alíase cos seus fillos para que estes herden Aquitania que lexitimamente lles pertencía vía materna. Como resultado desta afrenta Henrique encérraa durante quince anos ata a morte do rei. Cando o seu fillo Ricardo é coroado rei de Inglaterra, Leonor volve participar directamente na vida política ata a súa morte. Baixo o seu mecenado escribiron, entre outros, Chretien de Troyes e a fermosa Leonor vai servir de modelo para personaxes literarias como Xenebra ou Isolda.
Velaquí a filla de don Gaiferos do romance galego que nos chega en Murguía e ecoa en Carré Aldao, unha muller brava que non quixo ser menos que calquera home da súa época. Os restos da tres veces raíña permanecen no mosteiro de Fontevrault, cabo dos do seu fillo Ricardo.
Para a posteridade a súa imaxe inmorredoira no sepulcro retrátaa cun libro aberto entre as mans que representa a herdanza cultural que lles deixou aos seus e o rostro sereno e prácido reflicte para sempre o pracer da lectura.

2007/06/02
Rubideira teimuda I

Agardaba ser rubideira teimuda pola cortiza da rede de redes e algo fun facendo.
Cruzáronse moitos camiños alleos co meu, case que sempre enriquecedores e amables, estoulles agradecida por facer que fose así.
Aínda que por veces houbo tentacións de abandonar a selva, de momento creo este é un vicio furtivo que me podo permitir e que quero seguir compartindo con tod@s vostedes.
Grazas de novo por estaren aí.
[Rachmaninov - Rapsodia sobre un tema de Paganini]
powered by ODEO
2007/06/01
A relectura

"Hai unha máxima ven coñecida que di: “nunca regreses a onde fuches feliz”.
[...]
A negación do regreso a onde algunha vez fomos felices leva aparellada a prevención da desilusión que a idealización dun lugar suscita, como tamén o suscita a idealización dunha persoa, dun obxecto, dunha idea e mesmo dun libro.
[...]
Mais o retorno, a onde fomos felices ou non, ten tamén o seu aquel de experimentación cos propios sentimentos, a sempre arriscada aventura da rememoración, a dúbida de se o que lembramos é unha imaxe deformada (anamorfose) do que aconteceu na realidade ou do que sentimos, a deconstrución dun mito, ou a recreación dunha auto mitoloxía necesaria.
Cando relemos un libro que nos gustou e nos gusta aínda, que tiñamos subliñado e que fai agromar un sorriso, que tiñamos anotado na marxe e que fai revivir o interese, daquela imos construíndo, de vagar mais sen pausa, o noso canón literario particular."
(Vía Xabier Queipo, Ensaio sobre a relectura)

Subscribirse a:
Publicacións (Atom)