Páxinas

2010/09/27

Seis anos da morte do nuxu


O 27 de setembro de 2004, hai hoxe seis anos, morría case centenaria Ian Huaní, a última persoa que aprendeu nuxu ou nu shu de forma natural a través das mulleres da súa familia.
Desde o século III da nosa era as mulleres dunha pequena zona da provincia de Hunan desenvolveron un sistema de escrita propio, que se transmitía de avoas a netas, e que nunca, baixo ningún concepto, podían aprender os homes. Ata tal punto se mantivo o segredo que o nuxu permaneceu oculto ata 1982.
Este código lingüístico tamén tivo versión escrita no denominado Libro do terceiro día. Tres días despois da voda, as mulleres da casa entregábanlle un caderno á nova casada, alí podía atopar unhas páxinas dedicadas á dor da perda dun ser querido simbolizando a partida, ensinanzas básicas nun momento da vida moi duro para elas que tiñan que deixar a súa aldea para comezar unha nova andaina cun home descoñecido ao que nunca viran e logo páxinas en branco que ela había de cubrir coas súas vivencias. Cando morría a autora o libro soterrábase canda ela. 
Conta a lenda que o nuxu foi inventado por unha fermosa concubina que pertenceu a un emperador da dinastía Song (960-1279) e que secuestrada no pazo creou o nuxu para se comunicar secretamente cos seus parentes no exterior, a lingüística fala dunha orixe máis remota e menos romántica.
Un ano máis lembramos na Selva esta data e para iso voulles deixar unha composición de Cartas do terceiro día de Marcos Calveiro, inspirado nesta tradición. Esta obra, que recibiu en 2005 o Premio de Poesía do concello de Carral, contén vinte e nove cartas dirixidas a quen puido ser a derradeira falante deste código feminino.

Miña filla:
Jinzhu
era o alcume de miña avoa,
Xinhuai
era o de miña nai,
elas e as demais labregas
da prefectura de Jiang Yong,
Provincia de Hunam,
que sabían da súa nacencia e serventía,
xamais souberon ler ou escribir en han
nin os seus nomes
nin os de seus fillos
nin os dos paxaros
que brincaban nas leiras,
emporiso ensináronme

na súa secreta linguaxe
o pouco que sabían,
o pouco que eu tamén sei
e que agora quero entregarche
nestas cartas que escribo coas túas irmás
na terceira xornada de convite e rexouba
dende o teu casorio arranxado
polo alcoviteiro da aldea
co teu pai e a familia dese prea
co que ves de casar.


* Curiosidades, buscando o poema descubrín que xa daquela o lía.

Maldita memoria!

Ou máis ben debería dicir, maldita desmemoria!
Cando recibín o premio de Kaplan veume un flash deses, premio, premio, premio, e empecei a pensar que non era o primeiro premio que recibía, pero non se me ocorría nada máis. Despois viñeron outro e outro, e outro, pero non acababa de situar a cousa ata que por fin, e con gran malestar para min, localicei a lagoa mental.



Mil desculpas pola desatención, non estaba no meu ánimo, pero a saber que foi o que pasou. Tento con esta entrada pedir perdón e aproveito para recomendar es Revolta da freixa tan ben feita, especialmente esa serie Noticias de literatura que nos permite estar ao día nas nosas letras.

2010/09/26

Premio: Vale a pena ficar de olho nesse blog!

O Sr. Kaplan concedeulle á Selva este premio que creo que se debe máis aos anos de seguimento mútuo que á valía deste blog, o que non lle resta ilusión ningunha ao feito de recibilo.
Procedo agora á miña concesión do premio aos blogs que seguen e onde non incluín ningún que xa o tivese recibido. Coma sempre nestes casos, son todos os que están pero non están todos os que son.

E os galardonados por orde alfabética son:
A canción do náufrago de Francisco Castro polas súas reflexións sobre a escrita.
A conta da Caperucita nunca bate certo de La queue bleue porque me resulta divertida e interesante.
A cova do raposo de Raposo porque ás veces dispara a queimarroupa e acerta.
A tolemia é un sombreiro de Noa porque convida a desvariar.
Alfaias de Calveiro porque cada vez me gustan máis as cousas que di este señor. O seu último post, Insubmisión, non ten desperdicio. 
Días estranhos de Martin Pawley por nos ensinar o outro cine.
Gradicela de Peke polas súas crónicas vitais.
Neobestiario de Fisiólogus porque llo debo antes de que nos abandone definitivamente.
Mi Jardín Prohibido pola estética visual e literaria.
Outras lerias do señor Torreira ao que visito cando a boca me sabe a vodka.

Suponse que cada un dos premiados debería seguir a cadea, déixoo á súa vontade, non o consideren unha obriga.

2010/09/25

Campaña de animación á lectura 77


Esta entrega da campaña é por cortesía de Mr Tichborne, recomendo tamén a súa galería de fotos onde poderedes atopar algunhas pequenas xoias en imaxe.
Aproveito para comunicar que esta campaña e o resto do blog están abertos ás contribucións que calquera de vostedes desexen enviar sempre e cando sexan do gusto da propietaria da Selva.

2010/09/24

Versátil


K? Ola. Si, son eu. Que que teño entre as pernas? Algo a piques de estalar contigo. Sexa cóncavo ou convexo, ou as dúas cousas, quere foder xa. Versátil. Se non che interesa colgamos e tan amigos. E ti como estás? Hai que ver como sabes. É cuestión de saber darlle á tecla e a algo máis. Que ben vivides os universitarios! Eu teño bastante máis roupa enriba, quen me dera estar coma ti! Aire acondicionado. Si, sempre é a primeira vez. Non é necesario, gústanme as sorpresas. Ás seis e media nos baños do Museo do Mar. Culturetas, pero quente abondo para te cravar contra a porta. Para que aprendas. Non te preocupes, teño experiencia en tapar todo tipo de buratos. Non todo vai ser pasta. Si, bocas tamén. Vas querer ti tapar a miña? En que o notas? Hostia! Cala, cala, que agora non podo. As travesuras déixaas para despois. Non traias un pantalón moi ceñido, non me gusta pelexar co botón e a cremalleira. Con. Agora teño que colgar. Depende de como te portes. Ás seis e media. Xa te atopo eu a ti.

Campaña de animación á lectura 76



Esta entrega da campaña é por cortesía de Mr Tichborne, aproveito para recomendar a súa galería de fotos onde poderedes atopar algunhas pequenas xoias en imaxe.

2010/09/23

Daniel Rambaut


Onde se meteu?
35 intervencións entre agosto e decembro de 2008.
En 2005 e 2007 paseouse por Berceuse.
Non sei se será moi lexítimo isto, pero preguntáronme por vostede.

2010/09/22

Non podes fotografar o pasado



Rematei de vela, realmente non sei como describila, pero non esquecerei os Fisher.
Creo que os coñezo mellor que a algunha persoa da miña familia, tamén é certo que desde o outro lado da pantalla nos achegamos a eles máis do que eles entre si.
Non tes sensación de estar vendo unha serie, é como un filme que vas ver ao cine e dura horas e horas e horas.
Non sei se é que a serie é moi dura ou se me estarei volvendo eu moi branda.
Ás veces sinto arrepíos de pensar que algunha entrada programada no blog se publica tras a miña morte. 
Resulta ridículo hipotecar o presente no medo a un fugaz instante irremediable que a todos nos ha chegar.
Non sempre está ben o que un desexa, nin vale de nada a lóxica, nin se pode apreixar o tempo.
Non teño ganas de artellar un post coherente, non é un bo momento.

2010/09/13

Imaxes para inventar historias

Chego a Capítulo 0 e alí atopo The life as cinema, unha serie do fotógrafo neoiorquino D. Yee. Continúo os links e acabo vendo varias series de fotografías de diferentes autores que van na mesma liña, crear fotografías de escenas cinematográficas que nunca existiron. Posúen unha potencia evocadora irresistible, son historias enteiras nunha instantánea, déixolles unha selección das de D. Yee a ver se alguén se anima.
Vía Capítulo 0.















2010/09/09

Meme dos 1001 posts de Kaplan


Esta será a entrada 858 da Selva de Esmelle, aínda así, dámoslle resposta con valentía ao meme dos 1001 posts de Kaplan.

Canto tempo levas como blogger?
Catro anos e tres meses.

Como te enteiraches da existencia dos blogues?
Creo que pola páxina Blogalego en 2006.

Nomea cinco blogues que sigas diariamente ou con moita frecuencia.
Visito diariamente moitos, de feito, teño que actualizar a listaxe de blogs enlazados porque algúns que están xa non os sigo e sigo outros moitos que non están. Cinco que miro para empezar o día son: Robinson en Ithaca, Cinissimo, Outras lerias, A canción do náufrago, Territorio Vergara...

Es lector anónimo dalgún blogue?
Da inmensa maioría dos que leo.

Algúns autores que che acorden especial simpatía.
Lembro especialmente O pitiño e As túas balas.

Con que cinco bloggers irías de esmorga?
Con ningún.

Con que blogger pasarías unha noite de loucura sexual?
Ummm, esperen que penso.

Namorácheste algunha vez dalgún blogger?
Si.

Estás satisfeito co teu blogue?
Non, gustaríame que fose mellor.

Escolle entre 3 e 5 bloggers para que resposten estas preguntas nos seus blogs.
Non me gustaría citar a ninguén neste meme, que o siga quen queira, iso si, quen o faga que deixe noticia nos comentarios.

2010/09/08

Manuel María, xa van aló 6 anos

 

"Malia a miña suficiencia
leo libros e libros que non matan
o desacougo interior que vai en min.

[...]

Non atopo algo de luz
coa que poida alumar a miña tebra.
E ando sempre loitando sen acougo
anque sei que perdín a miña guerra."

Versos de Camiños de luz e sombra (1959) de Manuel María (1929-2004)

2010/09/07

1.000 entradas en Ithaca


O blog referencia publicou a súa entrada número 1000, parabéns ao señor Kaplan por seguir aí, resistindo, polas súas palabras e imaxes compartidas, polos seus seguidores cada vez máis numerosos e por esa fermosa entrada de lembranzas cun par de imaxes que me provocan nostalxia.

2010/09/01