Páxinas

2008/05/29

Aniversario e premio

[Fotografía de X]

Hoxe voulles falar dunha feliz coincidencia. Tal día coma hoxe de fai exactamente dous anos dei na rede co tobo do señor Kaplan de casualidade, o lugar común foi Ithaca, eu buscaba outra e fun dar á súa. Daquela só sabía que había algo chamado blog que comezaba a ter algunha xente desa que aparece nos papeis, e por suposto ignoraba por completo que existise algo chamado blogomillo.
O caso é que podo dicir que ese afortunado feito cambiou a miña vida, ou cando menos os hábitos e a forma de rexistrar os meus propios tempos vitais. A súa páxina converteuse nunha ponte perfecta para dar con moitas outras que se habían facer lugares de visita cotiá. Descubrín novas formas de información, en moitas ocasións o acceso directo ás fontes, tamén un xeito diferente de achegarme á vida cultural galega deste un punto de vista máis amplo.
Pero ademais de todo isto dei con moitas visións persoais de como a vida se nos pasa, que ao final, son as que con máis forza me reteñen neste medio porque me asombran e iso me fai pensar, e logo aprendo, e ese proceso de aprendizaxe é realmente cativador.
Como acontece nas relacións sentimentais longas, ás veces boto de menos a emoción daqueles tres primeiros días en que todo era novo, pero aquí sigo, e con poucas ganas de marchar.
O que desde logo eu non podía imaxinar daquela é que o autor da web que acababa de descubrir dous anos despois me concedese un premio, pero iso é xa outra historia.

2008/05/24

Moru

Acabo de enterarme da NOTICIA e non podo facer outra cousa que vir á Selva a contalo. Moru xa está aquí e Ghanito e a señora Colombo son pais. El emocionado, ela emocionada e desfeita logo dun parto longuísimo, a menina preciosa. Parabéns a toda a familia desde a Selva.

2008/05/23

Outra face

Cando os demais confunden a túa amabilidade e predisposición a colaborar con parvidade manifesta chega o momento de amosar outra face.

2008/05/14

Blogues pola lingua

Nace “BLOGUES POLA LINGUA” a rede de blogueiras/os en defensa do Galego.

14 Maio 2008 – 1:38 pm

  • Rexeitan os ataques que está a recibir o galego e apostan por estender o uso da lingua galega en Internet.
  • Adhírense ao manifesto da Mesa pola Normalización Lingüística e chaman á participación na manifestación do vindeiro domingo 18 de maio en Compostela.

Galiza, 14 de maio de 2008.- No día de hoxe ven de apresentarse publicamente a Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego. O colectivo baixo a denominación de “Blogues pola lingua” (BpL) está impulsado por un grupo promotor formado por seis autoras/es de blogues galegos.

O colectivo nace coa intención de defender e promover a lingua galega dende e na Rede, aproveitando as potencialidades da web 2.0 na que os blogues ocupan un papel destacado. “O nacemento de Blogues pola Lingua é un novo paso na liña do compromiso que ten o blogomillo co noso idioma” sinalan dende a comisión promotora. “Nun momento no que os ataques cara o galego non se disimulan, pensamos que era o intre de dar un paso adiante na defensa do idioma” recalcan.

A respecto da finalidade do colectivo explican que “Apostamos por estender o uso do galego na Rede para convertelo na lingua vehicular das galegas e dos galegos en Internet, conseguilo será un indicador da normalidade que unha inmensa maioría social reclamamos”.

A primeira acción de BpL foi a de lanzar dende o seu blogue (www.bloguespolalingua.blogaliza.org) un manifesto titulado “Na defensa do noso idioma”, e para o que agardan unha gran cantidade de adhesións nos vindeiros días, xa que a poucas horas do seu nacemento afirman ter recibido unha importante cantidade de correos electrónicos de blogueiras/os interesadas/os en apoiar esta iniciativa.

No manifesto indican que rexeitan todos os ataques ao galego especialmente “no caso de entidades que declarándose defensoras dun presunto, mais falaz, bilingüismo incorren en ser de facto unha manifestación do auto-odio”, din textualmente.

No texto chaman á cidadanía galega, e de maneira específica á mocidade, a participar o vindeiro 18 de maio na manifestación nacional convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística. Así mesmo declaran tamén a súa adhesión colectiva ao Manifesto “Polo dereito a vivirmos en galego” de A Mesa pola Normalización Lingüística.

====

(Texto da nota de prensa envíada a todos os meios de comunicación)

Rodin en Madrid

[Rodin: Torso de Adela]

Prometedora exposición de esculturas e debuxos imprescindibles de Rodin na Fundación Mapfre da que eu non poderei gozar.
Snif

2008/05/12

La chiave

[Fotografía de Narcis Virgiliu: Prisioner]



brancos e negros
contrapicados de contraluces
sombras núas
sucesións xeométricas de exhalacións
gorxas tensas
...
roces dixitais
posturas campaniformes
présas sen destino
travesía de cordais
reflexións visuais
corduras suicidas
brainstroming
tolemia
...
e la chiave?
__________________

despois hei volver

virei abrir a porta

agora que non se levan as ataduras

por ver se queres saír

2008/05/11

Stand by me

Esta noite vai gana de acariñar no sofá e logo de seguir acariñando polo corredor todo camiño de paraísos perdidos. E non vaias crer que é claudicación sentimental, tan só a constatación dun feito... and darling, darling stand by me, oh, now, now, stand by me, stand by me, stand by me