Páxinas

2008/05/14

Blogues pola lingua

Nace “BLOGUES POLA LINGUA” a rede de blogueiras/os en defensa do Galego.

14 Maio 2008 – 1:38 pm

  • Rexeitan os ataques que está a recibir o galego e apostan por estender o uso da lingua galega en Internet.
  • Adhírense ao manifesto da Mesa pola Normalización Lingüística e chaman á participación na manifestación do vindeiro domingo 18 de maio en Compostela.

Galiza, 14 de maio de 2008.- No día de hoxe ven de apresentarse publicamente a Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego. O colectivo baixo a denominación de “Blogues pola lingua” (BpL) está impulsado por un grupo promotor formado por seis autoras/es de blogues galegos.

O colectivo nace coa intención de defender e promover a lingua galega dende e na Rede, aproveitando as potencialidades da web 2.0 na que os blogues ocupan un papel destacado. “O nacemento de Blogues pola Lingua é un novo paso na liña do compromiso que ten o blogomillo co noso idioma” sinalan dende a comisión promotora. “Nun momento no que os ataques cara o galego non se disimulan, pensamos que era o intre de dar un paso adiante na defensa do idioma” recalcan.

A respecto da finalidade do colectivo explican que “Apostamos por estender o uso do galego na Rede para convertelo na lingua vehicular das galegas e dos galegos en Internet, conseguilo será un indicador da normalidade que unha inmensa maioría social reclamamos”.

A primeira acción de BpL foi a de lanzar dende o seu blogue (www.bloguespolalingua.blogaliza.org) un manifesto titulado “Na defensa do noso idioma”, e para o que agardan unha gran cantidade de adhesións nos vindeiros días, xa que a poucas horas do seu nacemento afirman ter recibido unha importante cantidade de correos electrónicos de blogueiras/os interesadas/os en apoiar esta iniciativa.

No manifesto indican que rexeitan todos os ataques ao galego especialmente “no caso de entidades que declarándose defensoras dun presunto, mais falaz, bilingüismo incorren en ser de facto unha manifestación do auto-odio”, din textualmente.

No texto chaman á cidadanía galega, e de maneira específica á mocidade, a participar o vindeiro 18 de maio na manifestación nacional convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística. Así mesmo declaran tamén a súa adhesión colectiva ao Manifesto “Polo dereito a vivirmos en galego” de A Mesa pola Normalización Lingüística.

====

(Texto da nota de prensa envíada a todos os meios de comunicación)

3 comentários:

Kaplan disse...

hala, tamén eu me adherín.

O Raposo disse...

Pois eu tamén.

X disse...

Así me gusta :)