Páxinas

2007/05/25

Medo

Pensa un que pode con todo o que lle poñan por diante, que hai que ser reflexivos nos episodios difíciles, fríos, calculadores, intelixentes, racionais...
e de súpeto unha forza extraña aprisiónache o estómago, e notas que che doe, alí, dentro, coma nun centro de gravidade ata ese momento inexistente, e xa o medo está dentro apoderándose de ti, minimizando calquera pensamento positivo que se che poida ocorrer, anulando o teu lado máis racional...
e foxes cara a inconsciencia agardando que o tempo pase...
e vai o tempo e non pasa.

2007/05/24

Bolboretas

Suso Requejo (Pontevedra) e outros entomólogos galegos levan cinco anos embarcados nun proxecto de catalogación das bolboretas galegas e agradecen a colaboración de todos aqueles internautas que queiran desinteresadamente poñer o seu gran de area no traballo.
A cousa para aqueles profanos na materia é ben sinxela, simplemente se trataría de enviarlles as fotos que poidamos realizar de bolboretas (en calquera dos seus estados, crisálida, verme, ovo ou adulto) coa localidade ou lugar e concello da captura fotográfica e a data en que foi realizada.
Xa sabedes, a partir de agora que o obxectivo das vosas cámaras tamén dispare sobre as bolboretas.
Se vos parece ben axudade a espallar a iniciativa a través dos vosos blogs e páxinas.
O enderezo para enviar as fotografías ou solicitar máis información é o seguinte:
lepidop@mundo-r.com
[Fotografía de X]

2007/05/23

Dionisio Pereira


Hai uns días chegaba á Selva de Esmelle unha chamada para axudar a difundir a páxina na que persoas boas e xenerosas apoian ao historiador Dionisio Pereira, eu, demasiado ocupada en ollar o meu embigo esquecera o asunto na bandexa de entrada do correo. Pídolles desculpas.
www.sinhorafranio.com

Días de cine

A noite dos lapis Hollywoodland Ser ou non ser O perfume, historia dun asasinato O xogo da verdade Bobby Que foi de Babe Jane?

2007/05/15

Cereixa edénica

A cereixa é unha das froitas do Edén, tralo pracer do estalo chega o gusto do sabor da carne e aínda despois o goce de chuparlle o óso.
Ben o saben algúns:
"Soño coa primeira cereixa do verán. Doulla e ela lévaa á boca, mírame con ollos cálidos, de pecado, mentres fai súa a carne. De repente, bícame e devólvema coa lingua. E eu que marcho tocado para sempre, o óso da cereixa todo o día rolando no teclado dos dentes como unha nota musical."
(Manuel Rivas, Que me queres, amor?)
Vía Brétemas.

2007/05/09

Situacións embarazosas


1. Atoparte con algún vello coñecido, saber todo del menos o seu maldito nome que o tes na punta da lingua pero non quere saír, mentres non para de chamarte polo teu nome para que aínda te sintas peor.
2. Estar vendo fotos cunha nova parella no sofá e que caia unha foto dalgún outro amor do que non tes ningunha gana de falar.
3. Descubrir que os contadores de páxinas poden rastrexar os usuarios e indicar que estiveron vendo, durante canto tempo, cantas veces, etc.
4. Levar á túa nova parella a un lugar fetiche para ti e que che diga que xa estivo alí con outra persoa facendo o mesmo.
5. Que che digan, estivo ben, quizais poderiamos repetir... algunha vez.
6. Descubrir que cando no blogger borras un comentario mantén a túa identidade e o que puxeras erradamente xa ten sido enviado ao propietari@ do blog en cuestión.
7. Chegar con flores e provocarlle unha alerxia.
8. Ir recoller o coche ao taller, que che pregunten a matrícula para entregarcho e facerche a factura e ter que confesar que non a sabes. Iso si, moi digna ti, porque tampouco é cuestión darlles o gustazo ao do taller e ao cliente seguinte neses sorrisos cómplices de "muller tiña que ser".
9. Que se poña o semáforo en verde, que che dean un señor pitazo, que lle pites ti tamén, que vaian en paralelo ata o semáforo seguinte mirándote como feras salvaxes, que che baixen o cristal e che digan que non podes virar, e ti que si, e eles que non, e ti que si, e eles que non, que se o saberás ti, e pensas o agresiva e maleducada que se pon a xente ao volante, e tres días máis tarde vas relaxada, sen tráfico ningún, vendo a paisaxe, e descobres que a algún lucido funcionario de urbanismo se lle ocorreu despois de non sei cantos anos poñer un sinal de que ese carril é só para seguir recto.
10. Dicir que Karen Blixen é a túa heroína de ficción.

2007/05/08

Culturgal


Perdelo é un pecado.

Que facemos co DDL?

O que facemos co Día das Letras é xustificar un festivo que doutro xeito caería nunha celebración relixiosa, fóra diso, pois folgar e, se lle cadra, pois ler/non ler como calquera outro día do ano.
Que o DDL sexa festivo ou non relaciónase tamén co asuntiño ese da xustificación dos diferentes festivos autonómicos, locais e estatais. Desde ese punto de vista este festivo está moito máis xustificado que moitos outros.

Agora ben, se vostede é unha persoa seria e segue a preguntarse sobre a cuestión cubra o seguinte test e sentirase moito mellor (resultados garantidos):

1. Para que debe servir o DDL?
1.1. Non debe servir para nada. [Vostede xa rematou de cubrir este test, sen dúbida ningunha é vostede unha persoa decidida, de ánimo resolutivo disposta a vencer sen dificultade aqueles atrancos que a vida lle vai presentando.]
1.2. Debe servir para algo. [Pase á cuestión número 2.]

2. Cre que se están conseguindo os obxectivos pretendidos co DDL?
2.1. Si. [Todos tan contentos, vostede xa rematou de cubrir este test, é vostede unha persoa que olla a vida con optimismo e sabe valorar sempre os aspectos positivos das cuestións.]
2.2. Non. [Pase á cuestión número 3.]

3. O motivo ou motivos polos cales vostede considera que non se está conseguindo o obxectivo inicial da celebración do DDL ten unha solución posible e viable?
3.1. Non. [Vostede xa rematou de cubrir este test, ao mellor non llo dixeran nunca pero é vostede unha persoa cunha alta capacidade analítica capaz de valorar con suma precisión ata onde pode chegar nos problemas e que sabe moi ben o lugar que ocupa na vida.]
3.2. Si. [Pase á cuestión número 4. Pero ao final vai resultar que é vostede un “fanático deses...”.]

4. Comunicoulle a alguén con poder decisorio as súas descubertas?
4.1. Si. [Vostede xa rematou de cubrir este test, pode estar seguro de que o seu nivel de civismo e solidariedade supera a media, os seus familiares e coñecidos deberían fachendear de ter relación con alguén tan íntegro coma vostede. Ao fin e ao cabo, que non lle fixesen caso xa non é responsabilidade súa.]
4.2. Non. [Pase á cuestión número 5. Ou igual é desas e deses do non polo non ummm.]

5. É vostede un deus ou unha deusa?
5.1. Si. [Vostede xa rematou de cubrir este test, as divindades están por riba do ben e do mal e é comprensible que non se poidan parar en cuestións de tan pouca importancia como o DDL.]
5.2. Non. [Confirmado, é deses/desas, aínda así, non se apure, tamén teño boas novas para vostede, ten un próspero futuro na carreira política ou na espionaxe industrial, só alguén tan egoísta como para furtarlles aos seus semellantes unha descuberta de tanta importancia pode medrar en semellantes terreos. Por certo, vostede, si, @ xeneros@, xa rematou de cubrir este test, recoméndolle que faga algo diferente ao que fixo nesta data nos anos anteriores para non andar o ano que vén facéndose estas mesmas preguntas.]

[Texto provocado por Francisco Castro.
Inspirado por
Suso de Toro.
Que conste que eu non quería.]

2007/05/07

Test de encarga

Hoxe SZ convídame a completar o “famoso test” que circula estes días polo blogomillo. Xa a Doutora me deixara tamén hai unha semana estes mesmos deberes para a casa na súa consulta. Non seguir o tratamento suporía unha rebeldía inxustificada e a negación de calquera intención de curación pola miña parte, polo tanto, procedo:

O principal rasgo do meu carácter? Unha enorme capacidade de entusiasmo.

A calidade que prefiro nun home? A intelixencia e a intuición.

A calidade que desexo nunha muller? A intelixencia.

O que máis aprecio nos meus amigos? Que sempre desexan a miña compañía (ou iso din).

O meu principal defecto? Crerme mellor do que son.

A miña ocupación preferida? Xogar, ver películas, pasear sen rumbo pola grande arañeira e ler.

O meu soño de dicha? Ter tempo para aburrirme (pero só o xusto para que sexa un pracer eh).

Cal sería a miña maior desgraza? Morrer pensando que non aproveitei o tempo e me quedan cousas pendentes (visto o cal, estou condenada á desgraza).

Que quixera ser? Unha persoa feliz.

Onde desexaría vivir? Nun recuncho da beiramar galega.

A cor que prefiro? A negra ou a vermella escura, calquera das dúas.

A flor que prefiro? Os tulipáns, as papoulas e as acacias.

O paxaro que prefiro? Non son moi de paxaros, quizais unha curuxa.

Os meus autores preferidos en prosa? Moitos, desde Xerardo Agrafoxo ata Poe, pasando inevitablemente por Unamuno (non me miren raro), María Xosé Queizán, Stefan Zweig, Eça de Queirós, Suso de Toro, Thomas Mann, Yukio Mishima, Bryce Echenique, Dostoievski, Rosa Aneiros, etc., etc. Prefiro falar de obras en concreto que de autores, adaptaríase moito máis á miña realidade como lectora.

Os meus poetas preferidos? Kavafis e logo moitos outros e outras.

Os meus heroes de ficción? Atticus Finch, Terry Malloy, Henry Drummond, Jefferson Smith, Sir Wilfrid Roberts, etc., etc., etc.

As miñas heroínas de ficción? Margo Channing, Celie, condesa Torlato-Favrini, Karen Blixen, Francesca Johnson, Charlotte Vale, etc., etc., etc.

Os meus compositores preferidos? Como na literatura preferiría falar máis de obras que de autores, en todo caso sempre van comigo algunhas bandas sonoras, algúns cantautores (Paco Ibáñez, Sabina, Silvio, Pablo...), algúns clásicos (Satie, Chopin, Rachmaninov...) e outros (Amaral, Milladoiro, Pet Shop Boys, Nightnoise, Madredeus), etc., etc., etc.

Os meus pintores predilectos? Dos da casa Julia Minguillón, Lugrís e Peteiro.


Os meus heroes da vida real? Aqueles que en vez de manterse en posicións acomodaticias como a miña son valentes e dan o enorme salto de pasar da palabra á acción polo ben dos demais.

As miñas heroínas históricas? Así sen pensar moito...Ninon de Lenclos, por exemplo.

Os meus nomes favoritos? Se as persoas fan fermosos os nomes tamén creo que hai nomes que agasallan cunha certa auréola a que ten a sorte de levalos como insignia, sinto especial querencia por: Xabier, Aldán, Eva ou Moraima.

Que detesto máis que nada? A irresponsabilidade, e máis en concreto, a irresponsabilidade política, ver como os necios perden forzas en batallas inútiles mentres están por facer cousas importantes que non poden agardar.

Que caracteres históricos desprezo máis? Os que fixeron e fan que a miña vida sexa peor.

Que feito militar admiro máis? Aínda non chegou.

Que reforma admiro máis? A revolución francesa (xa sei, xa sei, non é reforma pero pódese dar por boa, non?) e as reformas lexislativas que permiten nos diferentes estados que homes e mulleres de forma igualitaria teñan dereito ao voto.

Que dons naturais quixeras ter? O don da palabra.

Como me gustaría morrer? Moi moi moi vella, acompañada e sen demasiados motivos para o arrepentimento.

Estado presente do meu espírito? Na esperanzadora espera de inminentes mellores tempos.

Feitos que me inspiran máis indulxencia? Os pecados de amor.

O meu lema? Sempre se está a tempo.

Gustaríame saber as súas respostas, anímoos a que continúen a cadea de confesións sen pretexto (algúns asiduos e asiduas da Selva de Esmelle xa se están poñendo ao labor, e non miro para ninguén).

2007/05/04

Mel

Por se chegas larpeiro.
[O mel é un producto moi nutritivo e con importantes características terapéuticas.]
[Fotografía de Mónica Bellucci.]

2007/05/02

Adopcions con distinta perspectiva

Adopta. Recibirás máis do que podes dar. Neste país no que cada vez é menor o índice de natalidade a adopción soía verse como a solución ideal para nais e pais que non podendo ter fillos cubrían dese xeito a súa necesidade. Agora cada vez son máis as persoas individuais e as parellas que podendo ter fillos biolóxicos optan, nun planeta superpoboado, pola adopción coma unha forma vantaxosa de xenerosidade na que lle ofrecen a outro ser humano a posibilidade dunha vida (mellor?) ao seu carón a cambio dunha parcela de felicidade. E é deste xeito que as nosas rúas e camiños se van decorando con ollos orientais e peles negras, novas flores nas nosas primaveras.
_____________________
Xa ben o sabía Castelao...
CHEGÓU DAS AMÉRICAS UN HOME RICO e trouxo consigo un negriño cubano, coma quen trai unha mona, un papagalo, un fonógrafo...
O negriño foi medrando na aldea, onde deprendendeu a falar con exebreza, a puntear muiñeiras, a botar aturuxos abrouxadores.
Un día morreu o home rico e Panchito trocóu de amo para ganalo pan. Co tempo fíxose mozo comprido, sen máis chatas que a súa coor... Aínda que era negro coma o pote, tiña gracia dabondo para facerse querer todos. Endomingado, con un caravel enriba da orella e unha ponla de malva na chaqueta, parescía talmente un mozo das festas.
Unha noite de estrelas xurdeu no su maxín a idea de saír polo mundo á cata de riquezas. Tamén Panchito sinteu, como tódolos mozos da aldea, os anceios de emigrar. E unha mañán de moita tristura gabeóu polas escaleiras dun trasatlántico.
Panchito ía camiño da Habana e os seus ollos mollados e brilantes esculcaban no mar as terras deixadas pola popa.
Nunha rúa da Habana o negro Panchito tropezóu cun home da súa aldea e confesoulle saloucando:
-Aí, eu non me afago nesta terra de tanto sol; eu non me afago con esta xente. ¡Eu morro!
Panchito retornóu á aldea. Chegóu probe i endeble; pero trouxo moita fartura no corazón. Tamén trouxo un sombreiro de palla e máis un traxe branco...

Vía Marcus.

2007/05/01

Dereito ao voto e lectura obrigada

Chegan as eleccións e outra volta de polémica co dereito a votar dos emigrantes, se non saben o que aquí pasa, se están manipulados polas visitas electoralistas dos candidatos, se se moven por promesas de calquera beneficio futuro... ben, é certo, pero tamén se poderían dicir esas tres cousas de moitísimos dos que habitamos o territorio patrio e ninguén quere privalos do dereito ao voto. Non, non se chamen a engano, desde o meu punto de vista non deberían ter dereito a votar aquí, mais non por todo o anterior senón polo feito de que o colectivo emigrante non vai sufrir ou gozar dos resultados desas eleccións nas súas propias carnes ou non na mesma medida que os que aquí vivimos. Ben, xa sei que a cuestión daría para moita máis análise pero non era disto do que quería falar.
Hoxe quero falar de Fíos invisibles, o blog de Débora Campos, un lugar que se non o coñecen deberían coñecelo. Confeso que a primeira vez que me acheguei a el pensei que sería un máis do mesmo, unha semifolclorada morriñenta que nada tería que ver comigo (si, seino, estou chea de prexuízos). Afortunadamente a realidade deume unha labazada fresca na cara, descubrín unha páxina moi interesante, onde prima a crónica intelixente e que en moitas ocasións deixa paso á análise profunda de cuestións de máxima vixencia e esas dúas vertentes rodeadas da maxia do propio, chegar ao mundo falando de un, que mellor maneira de facer as cousas!
Atopei na autora unha galega moito máis coñecedora da nosa realidade que moitos dos que aquí habitamos, unha muller que nos achega unha perspectiva de nós mesmos enriquecedora, unha visión que mesmo digo rodeada de amor sen medo a caer no cursi pois só con amor ao propio é como se poden artellar discursos coma os dela. Por iso cada vez estou máis convencida de que Fíos invisibles sería un bo exemplo para a campaña de Galicia calidade e debería ser lectura obrigada para calquera galego.
Desde aquí os meus parabéns para Débora Campos e os meus ánimos para seguir a tecer eses "fíos invisibles" que nos unen.
[Sigo moitos blogs e por iso non son amiga de falar deles en particular para non ferir sensibilidades xa que todos eles me ofrecen algo que me gusta. Confórmome con plaxialos, poñer links cando provocan en min un novo post e pouco máis, pero esta vez quixen facer unha excepción que considero ben xustificada. (Agora que rematei de escribir o post, quen sabe, quizais faga isto máis veces. É agradable poder felicitar a aqueles que nos alimentan día a día coas súas obras e agradecerlles o que de positivo achegan ás nosas vidas. Crearei unha nova etiqueta e logo o futuro dirá.).]