Páxinas

2006/06/30

Un mes na nova casa

Custoume un pouco comezar a poder vivir na nova casa, as portas rinchaban, a billa da bañeira pingaba, e as persianas non cerraban ben. Localicei unhas cantas www de bricolaxe para parvas e agora polo menos podo durmir polas noites.
A verdade é que o mes se me pasou lento e a casa ocupoume moito tempo, tempo que non tiña, que era doutras cousas. Agora ando a pagar as consecuencias pero non me arrepinto, ganei máis do que perdín.
O mellor da nova casa é o aire que se respira, teño abertas as ventás día e noite para que se encha todo dese aire fresco que chega de fóra e poida saír sen atrancos todo o que teña de voar.
Cando fixen o contrato a da inmobiliaria xa me puxera ao tanto de todo, para ser exactos de case todo. Esqueceu falarme do pequeno detalle d@s nov@s veciñ@s, con algúns crúzome un día si e outro tamén, con outros só de cando en vez, en realidade o barrio é moito máis grande do que imaxinaba e ás veces vou dunha rúa noutra e acabo perdida tomando algo no sofá dun fogar que non sei de quen é. Tamén hai días en que cando chego á casa atopo agasallos que coloco ao carón do ordenador para poder miralos de vagar despois da cea.
Gústame a nova casa.

Afogando noutros mares

Para non volver a chegar á praia de solopiensoenmi mentinme mar adentro e afoguei nos mares de soloquierosoñar. Aínda o sal arde na gorxa, dei con pequenas dunas de area fina nun fondo ao que hai tempo que xa non chega a luz, suaves elevacións desexando ser iluminadas, eu completamente apagada.
[O mar]

powered by ODEO

Con D de...


Apareceu D no meu correo, audaz, aplicado, divertido... medio cento de desordenados emails despois segue aí.

2006/06/28

O que eles necesitan I

Nana di que eles necesitan unha muller que dea acubillo aos seus sentimentos de desprotección. Nana acaba sendo a mami comprensiva de todos os seus amantes que volven periodicamente para contarlle como os mal-tratan o resto de mulleres que non son tan comprensivas coma ela.
Marga di que eles necesitan máis o riso que o sexo. Marga fai que se rían nas ceas, cando horas despois chega soa á casa o riso tense convertido nun rictus de insorportable amargura.
Pitu di que eles necesitan unha puta coma ela, que lles dea sexo ata que non poidan facer outra cousa que vivir obsesionados con desaparecer unha e outra vez no seu particular triángulo das Bermudas tinguido de cor caoba. Pitu só sae con chulos de putas e, de cando en vez, se tira ao mozo dalgunha das súas amigas como por exemplo a un fillo andróxino dun importante empresario da industria conserveira.
Laura di que eles necesitan un amor inmorredoiro que os acompañe ata o cadaleito. Laura nunca se preguntou por que ultimamente Rosa nunca quere subir a tomar un café na casa.
Berta di que eles necesitan a alguén que lles dea caña sentimental. Berta gosta dos tíos kleenex, cando acabou con todos os seus ideais, proxectos e principios e os deixou que non valen para nada desfaise deles polo váter. Nalgunha ocasión sálvaos do váter e pásallos a Nana para que os rexenere.
Sesé di que eles necesitan unha compañeira capaz de compartillar todas as súas inquedanzas e de asumir os cambios. Sesé traga cuspe antes de entrar unha vez ao mes nese local de intercambio ao que decidiron ir para darlle un toque de divertimento ao que xa deixaba de ser divertido.
Rosa di que eles necesitan alguén que os admire, que non mire en ningunha outra dirección que non sexa na que eles están. Hai tempo que Rosa arrastra problemas de cervicais de tanto ter revirada a cabeza facendo de mirasol.
Helena di que eles necesitan unha muller floreiro (pero con carreira eh) que lles faga sentirse os máis envexados do planeta. Helena é un xarrón metido no asento do copiloto do descapotable do seu noivo, un fillo andróxino dun importante empresario da industria conserveira.
Sonia di que eles necesitan unha muller para casar e ordenarlles a vida. Sonia desequilíbraos psicoloxicamente coa súa obsesión casadeira, iso si, déixalles as casas para a portada de House&Garden.
[BSO Armas de muller - Carly Simon - Let the river run]

powered by ODEO

Decorando

Sigo de probas na nova casa, xa se sabe, hai que lle dar co sitio ás cousas. Vexamos se isto vai ben aquí...

[Milladoiro - O niño do sol]

Círculos

Con vontade afástome das túas pegadas para explorar os meus propios camiños, e paso a fraga, e a casa, e mais a ponte tamén, e xusto antes de adentrarme na curva alí volven estar de novo as túas pegadas, e xa me entra a dúbida de quen segue a quen neste patio circular cada vez máis enigmático.

[Nightnoise - The courtyard]

powered by ODEO

Aí ao lado

Sei que estás aí ao lado, mais perdo as túas pegadas na arañeira.