"A cidade ha de ir en ti sempre. […] A vida que aquí perdiches destruíchela en toda a terra." K. Kavafis
2016/08/13
Corpos en tempos de guerra
Nos tempos de guerra creábanse mundos masculinos paralelos a toda traxedia.
2016/08/12
Conta6 - 1
Grazas ao paideleo descubro a actividade Conta6 que inciou a Churrusqueira de Zarampagalegando e que consiste en contar unha historia en 6 palabras. Como na Selva sempre tiveron moi boa acollida os memes, participarei neste tamén.
Convido a participar a quen por aquí pasee se aínda o fai alguén.
2016/08/11
Novo cenáculo
- Vaia calor vai hoxe!
- Cala, cala, só a vós se vos ocorre quedar hoxe para ir cazar pokémons, se o chego a saber marcho para O Carballiño.
- Daquela haberá que pensar en algo ao que poidamos xogar á sombra.
2016/08/04
Emigrante retornada
![]() |
Publicación de Velis Nolis. |
Como unha emigrante retornada
despois de tempo fóra volvo aos lugares comúns por ver canto eles cambiaron mais
tamén, no fondo, para comprobar que o que admirei, segue aí, agardando por min
para me devolver á paixón do pasado.
O emigrante leva canda si un reloxo interior en forma de saudade
sempre parado no minuto en que os seus ollos abandonaron a casa e permanece aí,
no corazón, todo o tempo que sexa necesario para volver a funcionar no intre en
que volve, e nesa ollada a nova realidade superponse á da lembranza e sabe agre
o tempo perdido.
Peto:
sería egoísta agardar que os
demais non tivesen marchado, non si?
2016/08/03
2015/06/02
Quiver
O pasado 25 de maio lanzábase Quiver
nos Estados Unidos e México, unha nova app que promete converterte
en Cupido. Como outras moitas aplicacións, baséase na idea de
monopolizar un comportamento social cotián, ese que nos leva á
teima de pensar que posuímos un poder excepcional baseado na
intuición que nos permite emparellar a coñecidos e extraños
quéirano ou non. E por isto mesmo, creo que ha de ter éxito, porque
fai protagonistas aos entremetidos que teñen unha desculpa máis
para deixar de mirar o embigo da súa relación mentres alimentan
soños propios en historias alleas.
E quen nos había de emparellar a ti e a min?
Un chisco de sentidiño, por favor.
Aínda non se inventou a app que
reproduza ese teu olor ao te achegares.
___
“A avoa tiña unha voz educada e
musical que adormecía.
[...]
Ás veces confesaba que, cando viu ao
avó Estevo entrar nas dependencias do xornal co seu aspecto de galán
afectado, decontado soubo que aquel galego nacido en alta mar ía ser
o seu compañeiro para sempre. A avoa apoiaba as súas palabras con
xuramentos profanos e teimaba en que a frecha de Cupido lle
atravesara o corpo todo.”
Antón Riveiro Coello: As rulas de Bakunin;
Galaxia; 2000.
2015/06/01
Rubideira teimuda?
Fai nove anos declarábame rubideira teimuda e comezaba a facer esta viaxe que aos poucos fun abandonando por outras empresas ou porque simplemente non tiña nada que contar. Aínda así, algo dentro de min teima en non lle querer poñer remate a unha aventura que cada vez é máis como ese familiar ao que se vai visitando menos na residencia ata que un día nos anuncian a súa morte cando xa esquecemos onde estaba.a,
Nestes nove anos moito teñen cambiado o blogomillo, os blogs en xeral, as redes sociais e a nosa forma de navegar por unha rede cada vez máis poboada e inmensa que muda vertixinosamente as nosas vidas.
Bótanse de menos as amizades invisibles, revisito aos que permanecen e pregúntome como lles irá a aqueles que coma min andan na morte lenta.
É que ben pensado, nove anos é moito tempo e, aínda así, se cerro os ollos, podo lembrar os olores e sentir o sol da Ulloa daquela tarde, a emoción de me lanzar ao descoñecido a través da palabra, e a imaxe, e a música, todo coma se fose hoxe. Que marabilloso proceso o da lembranza! Agradézolle ao meu cerebro ter retido ese día e traermo ata hoxe con tanta forza para gozar o pracer de revivilo.
Déixolles a música, porque segue a soar Rachamaninov como daquela.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)