O pasado 25 de maio lanzábase Quiver
nos Estados Unidos e México, unha nova app que promete converterte
en Cupido. Como outras moitas aplicacións, baséase na idea de
monopolizar un comportamento social cotián, ese que nos leva á
teima de pensar que posuímos un poder excepcional baseado na
intuición que nos permite emparellar a coñecidos e extraños
quéirano ou non. E por isto mesmo, creo que ha de ter éxito, porque
fai protagonistas aos entremetidos que teñen unha desculpa máis
para deixar de mirar o embigo da súa relación mentres alimentan
soños propios en historias alleas.
E quen nos había de emparellar a ti e a min?
Un chisco de sentidiño, por favor.
Aínda non se inventou a app que
reproduza ese teu olor ao te achegares.
___
“A avoa tiña unha voz educada e
musical que adormecía.
[...]
Ás veces confesaba que, cando viu ao
avó Estevo entrar nas dependencias do xornal co seu aspecto de galán
afectado, decontado soubo que aquel galego nacido en alta mar ía ser
o seu compañeiro para sempre. A avoa apoiaba as súas palabras con
xuramentos profanos e teimaba en que a frecha de Cupido lle
atravesara o corpo todo.”
Antón Riveiro Coello: As rulas de Bakunin;
Galaxia; 2000.
Nenhum comentário:
Postar um comentário