Fai nove anos declarábame rubideira teimuda e comezaba a facer esta viaxe que aos poucos fun abandonando por outras empresas ou porque simplemente non tiña nada que contar. Aínda así, algo dentro de min teima en non lle querer poñer remate a unha aventura que cada vez é máis como ese familiar ao que se vai visitando menos na residencia ata que un día nos anuncian a súa morte cando xa esquecemos onde estaba.a,
Nestes nove anos moito teñen cambiado o blogomillo, os blogs en xeral, as redes sociais e a nosa forma de navegar por unha rede cada vez máis poboada e inmensa que muda vertixinosamente as nosas vidas.
Bótanse de menos as amizades invisibles, revisito aos que permanecen e pregúntome como lles irá a aqueles que coma min andan na morte lenta.
É que ben pensado, nove anos é moito tempo e, aínda así, se cerro os ollos, podo lembrar os olores e sentir o sol da Ulloa daquela tarde, a emoción de me lanzar ao descoñecido a través da palabra, e a imaxe, e a música, todo coma se fose hoxe. Que marabilloso proceso o da lembranza! Agradézolle ao meu cerebro ter retido ese día e traermo ata hoxe con tanta forza para gozar o pracer de revivilo.
Déixolles a música, porque segue a soar Rachamaninov como daquela.
Nenhum comentário:
Postar um comentário