Páxinas

2018/02/02

Cando o corazón manda



O momento tantas veces previsto, imaxinado, planificado, a caixa arrastrándose á súa derradeira misión, minutos escasos en que o operario do lugar provisto de pistola de silicona sela a tampa estendendo a súa escuma de pasteleiro, e ese rascar da paleta que se che mete polos oídos. Unha punzada aguda na gorxa que afoga, que doe, vista ao ceo e ti que non queres, que non, que non había ser así, pero todo pasa por diante dos ollos que loitan contra as bágoas porque ao final, o corazón manda, a vida foi moi longa e antes da ruptura houbo bos momentos imperecedoiros que sempre han estar aí porque, maldita sexa!, eu tamén te quixen.

2 comentários:

Chousa da Alcandra disse...

Cando o rascar das paletas cesa, e as punzadas soamente doen sen afogar; é cando se inicia o proceso de fagocitación..., e quen marchou empeza a ser parte de nós mesmos. Así me acontece a min.

X disse...

Nunca o pensara así, mais así foi. Grazas por mo ensinar.