Páxinas

2018/05/19

A informacion do ollo humano


Leo a Oko:

"o ollo humano é quen de procesar un fluxo de información unhas dez veces superior ao resto dos sentidos á vez"
máis que o olfacto
máis que o gusto
máis que o oído
máis que o tacto
...

Por iso ás veces preciso cerrar os ollos para sentir só a información...

que me dá o tacto para atopar ás apalpadelas os camiños do desexo,

só a que me dá o gusto para gorentar a túa suor,

só a que me dá o olfacto para ventar o teu sexo,

e só a que me dá o oído para acompasar o meu corpo ao teu alasar debaixo de min.

DSXT

2018/02/02

Cando o corazón manda



O momento tantas veces previsto, imaxinado, planificado, a caixa arrastrándose á súa derradeira misión, minutos escasos en que o operario do lugar provisto de pistola de silicona sela a tampa estendendo a súa escuma de pasteleiro, e ese rascar da paleta que se che mete polos oídos. Unha punzada aguda na gorxa que afoga, que doe, vista ao ceo e ti que non queres, que non, que non había ser así, pero todo pasa por diante dos ollos que loitan contra as bágoas porque ao final, o corazón manda, a vida foi moi longa e antes da ruptura houbo bos momentos imperecedoiros que sempre han estar aí porque, maldita sexa!, eu tamén te quixen.