Páxinas

2015/06/02

Quiver



O pasado 25 de maio lanzábase Quiver nos Estados Unidos e México, unha nova app que promete converterte en Cupido. Como outras moitas aplicacións, baséase na idea de monopolizar un comportamento social cotián, ese que nos leva á teima de pensar que posuímos un poder excepcional baseado na intuición que nos permite emparellar a coñecidos e extraños quéirano ou non. E por isto mesmo, creo que ha de ter éxito, porque fai protagonistas aos entremetidos que teñen unha desculpa máis para deixar de mirar o embigo da súa relación mentres alimentan soños propios en historias alleas.

E quen nos había de emparellar a ti e a min?
Un chisco de sentidiño, por favor.

Aínda non se inventou a app que reproduza ese teu olor ao te achegares.
___

“A avoa tiña unha voz educada e musical que adormecía.
[...]
Ás veces confesaba que, cando viu ao avó Estevo entrar nas dependencias do xornal co seu aspecto de galán afectado, decontado soubo que aquel galego nacido en alta mar ía ser o seu compañeiro para sempre. A avoa apoiaba as súas palabras con xuramentos profanos e teimaba en que a frecha de Cupido lle atravesara o corpo todo.”

2015/06/01

Rubideira teimuda?


Fai nove anos declarábame rubideira teimuda e comezaba a facer esta viaxe que aos poucos fun abandonando por outras empresas ou porque simplemente non tiña nada que contar. Aínda así, algo dentro de min teima en non lle querer poñer remate a unha aventura que cada vez é máis como ese familiar ao que se vai visitando menos na residencia ata que un día nos anuncian a súa morte cando xa esquecemos onde estaba.a,
Nestes nove anos moito teñen cambiado o blogomillo, os blogs en xeral, as redes sociais e a nosa forma de navegar por unha rede cada vez máis poboada e inmensa que muda vertixinosamente as nosas vidas.
Bótanse de menos as amizades invisibles, revisito aos que permanecen e pregúntome como lles irá a aqueles que coma min andan na morte lenta.
É que ben pensado, nove anos é moito tempo e, aínda así, se cerro os ollos, podo lembrar os olores e sentir o sol da Ulloa daquela tarde, a emoción de me lanzar ao descoñecido a través da palabra, e a imaxe, e a música, todo coma se fose hoxe. Que marabilloso proceso o da lembranza! Agradézolle ao meu cerebro ter retido ese día e traermo ata hoxe con tanta forza para gozar o pracer de revivilo.
Déixolles a música, porque segue a soar Rachamaninov como daquela.


2015/04/07

Hoxe



Hoxe pode comezar algo importante e sentín a necesidade de compartilo.