Páxinas

2011/05/20

Indignádevos!


[...] sigamos clamando por «unha auténtica insurrección pacífica contra os medios de comunicación de masas que tan só propoñen como horizonte para a nosa mocidade o consumo masivo, o desprezo aos máis débiles e á cultura, a amnesia xeneralizada e a competición a ferro de todos contra todos».
A todas e todos os que farán o século XXI, dicímoslles con afecto:
«CREAR É RESITIR.
RESISTIR É CREAR».
Con este fragmento remata Indignádevos!, a obra de Stéphane Hessel que inspira o movemento dos indignad@s que medra nas rúas. Como sabiamente indica Manuel Rivas no estupendo prólogo, “Indignádevos! é un non que dá paso a un si”.



Esta fabulosa viñeta de El Roto, que copio do novo tobo de Róbinson, resume perfectamente o lamentable espectáculo que están a ofrecer os partidos maioritarios no Estado no seu non saber escoitar. Mais non comparto a petición de abstención nas eleccións porque segundo o sistema electoral vixente iso só beneficiaría os partidos que levan a cabo as políticas que se están a criticar.

Gustaríame que este movemento medrase, que non marchase o domingo cada un para a súa casa como se isto só fosen unhas colonias de verán, que RESISTISE.

Live Broadcast by Ustream.TV

2011/05/14

Ninon de Lenclos




En xullo de 2007 comezara a escribir unha entrada sobre Ninon de Lenclos que viñera a conto por un post que vira nun blog chamado Laranxa (un dos defuntos do blogomillo).
O post en cuestión lembrárame a célebre cita de Ninon de Lenclos: O peito de muller perfecto é aquel que cabe na man do home decente.
Case catro anos despois xa é hora de que a pobre Ninon abandone o refuxio dos borradores esquecidos.

A Raíña do Amor nace en París en 1620, de nena seu pai abandona á nai que lle dá a educación dunha futura cortesá e con dezasete anos queda orfa mais cunha herdanza que lle permite mercar a súa casa no nº 36 da rue des Tournelleque que logo se había de converter nun selecto centro de reunión da intelectualidade e a política parisiense. Durante décadas, a súa casa era o lugar de reunión preferido polos nobres franceses, nos seus salóns dábanse a man a cultura, o liberalismo e o respecto propios de persoas que vivían alleas a todo o vulgar.

Non casou nunca e decidiu vivir coma un home na época, isto é, comportándose moralmente como a persoa que menos ten que perder nunha relación fronte á submisión para a muller que imperaba naquela altura. Tiña por regra inviolable non recibir nunca ningún agasallo dos seus amantes e cando deixaba de amalos non os enganaba, simplemente llelo dicía con sinceridade. Posuía a habilidade de conservar a amizade dos seus antigos amantes ao longo da vida e mesmo conseguiu o aprecio e respecto de moitas das esposas dos seus amantes.

En 1705, Ninon morre con 85 anos, respectada por case todos, amada por moitos e considerada por aquela altura de xeito unánime como a auténtica raíña do amor.
Amante das artes deixoulle de herdanza ao sobriño do seu último amante a súa biblioteca persoal e unha importante cantidade de diñeiro para que mercase libros, co tempo ese neno de nove anos habíase converter en Voltaire.

Estas son algunhas das citas máis coñecidas de Ninon:
A galantería é unha intriga amorosa na que queremos que o adversario nos avantaxe.
A resistencia dunha muller non é sempre proba da súa virtude, senón máis frecuentemente da súa experiencia.
Cando se teñen cumprido os nosos soños é cando comprendemos a riqueza da nosa imaxinación e a pobreza da realidade.
Nas idades da galantería, o amor platónico é a paixón da vellez.
Non existe ningunha muller que non prefira un pouco de trato áspero a unha excesiva consideración.
O amor é unha comedia na cal os actos son moi curtos e os entreactos máis longos: como encher os intermedios senón é mediante o enxeño?
Precísase máis xenialidade para facer o amor que para liderar exércitos.
Quen ten deixado de agradar perdeu o dereito de facer reproches.
Unha muller sensible debería ser guiada pola súa cabeza cando procure un marido e polo seu corazón cando procure un amante.

2011/05/10

Campaña de animación á lectura 91



Joseph H. Davis
John and Abigail Montgomery
1836

Súper POP


A partir de hoxe xa non se vai poder mercar o Súper POP nos quioscos, realmente o que me parece incrible é que aínda seguise á venda. Por suposto, non o vou comparar con outras desaparicións recentes, esta noticia é como unha engurra máis debaixo do ollo, érgueste sen contar con ela e aí vai, contigo para toda a vida.
Sempre houbo renegadores e renegadoras do Súper POP, sobre todo dos primeiros, para eles falarlles da revista ou do cómic era como chamar polo demo, máis ou menos como falarlles hoxe de Justin.
Pero que tería sido da miña adolescencia sen aqueles números especiais con póster, e os recreos lendo en roda íntima a sección de “Mi primera vez”, era realmente emocionante! aínda que visto desde hoxe, nada meritorio. Agora que o penso, á que máis noxo lle daba todo aquilo e máis tiquismiquis se poñía, co tempo pasou a ser a máis beneficiada, e non era eu...
E o dos tests, “¿Te quiere el chico que te gusta?, ufffff, os números que había que facer para contestar de maneira que che saíse o que ti querías e cando saía, ves, xa cho dicía eu, é cuestión de tempo pero indicios hainos, si, si, máis que indicios había evidencias. Si, evidencias e ben grandes de que te volveras invisible por moito que te paseases mil veces nunha tarde por diante del e os seus amigos beirarrúa vai beirarrúa vén comendo pipas, si Facundo, que as do Eroski, Carrefour e Mercadona aínda non existían daquela.
E o que me custara conseguir o especial dos Pecos, que ata o tivera que encargar unha semana antes, e para logo rematar tan traxicamente, cantas horas escoitándoos ás escuras! pero iso é outra historia.
Pois xa saben, agora o Súper POP só na rede, formas de cambiar o mundo mentres nós avellentamos.

2011/05/04

Tengo algo que deciros

"Os amores imposibles non terminan nunca, son os que duran para sempre."
"De que fala ese libro que non che queren publicar?
Fala de dúas persoas que se separan, unha sofre e a outra non, pero o que conta é que non fai falta ter medo de deixar as cousas porque todo o que importa non se deixa endexamais aínda que queiramos deixalo."
 "A terra nunca pode odiar a árbore."
                                                                                       Tengo algo que deciros

Campaña de animación á lectura 85


Manet
O tren
1872-1873


2011/05/03

Al filo de lo imposible!


O subconsciente quixo agasallarme cun encontro casual e fugaz.
E un mundo circundante alleo a nós foi testemuña ignorante desas tres horas al filo de lo imposible!