Páxinas

2010/09/27

Seis anos da morte do nuxu


O 27 de setembro de 2004, hai hoxe seis anos, morría case centenaria Ian Huaní, a última persoa que aprendeu nuxu ou nu shu de forma natural a través das mulleres da súa familia.
Desde o século III da nosa era as mulleres dunha pequena zona da provincia de Hunan desenvolveron un sistema de escrita propio, que se transmitía de avoas a netas, e que nunca, baixo ningún concepto, podían aprender os homes. Ata tal punto se mantivo o segredo que o nuxu permaneceu oculto ata 1982.
Este código lingüístico tamén tivo versión escrita no denominado Libro do terceiro día. Tres días despois da voda, as mulleres da casa entregábanlle un caderno á nova casada, alí podía atopar unhas páxinas dedicadas á dor da perda dun ser querido simbolizando a partida, ensinanzas básicas nun momento da vida moi duro para elas que tiñan que deixar a súa aldea para comezar unha nova andaina cun home descoñecido ao que nunca viran e logo páxinas en branco que ela había de cubrir coas súas vivencias. Cando morría a autora o libro soterrábase canda ela. 
Conta a lenda que o nuxu foi inventado por unha fermosa concubina que pertenceu a un emperador da dinastía Song (960-1279) e que secuestrada no pazo creou o nuxu para se comunicar secretamente cos seus parentes no exterior, a lingüística fala dunha orixe máis remota e menos romántica.
Un ano máis lembramos na Selva esta data e para iso voulles deixar unha composición de Cartas do terceiro día de Marcos Calveiro, inspirado nesta tradición. Esta obra, que recibiu en 2005 o Premio de Poesía do concello de Carral, contén vinte e nove cartas dirixidas a quen puido ser a derradeira falante deste código feminino.

Miña filla:
Jinzhu
era o alcume de miña avoa,
Xinhuai
era o de miña nai,
elas e as demais labregas
da prefectura de Jiang Yong,
Provincia de Hunam,
que sabían da súa nacencia e serventía,
xamais souberon ler ou escribir en han
nin os seus nomes
nin os de seus fillos
nin os dos paxaros
que brincaban nas leiras,
emporiso ensináronme

na súa secreta linguaxe
o pouco que sabían,
o pouco que eu tamén sei
e que agora quero entregarche
nestas cartas que escribo coas túas irmás
na terceira xornada de convite e rexouba
dende o teu casorio arranxado
polo alcoviteiro da aldea
co teu pai e a familia dese prea
co que ves de casar.


* Curiosidades, buscando o poema descubrín que xa daquela o lía.

2 comentários:

Paz Zeltia disse...

Sabía desa linguaxe, e cando o souben sentin unha emoción estraña.
O que non sabía e que a derradeira muller que o coñecía morrera...
Triste para unha fala, morrer. Iso da unha ideda de cantísimas mortes foron, antes da última.
Moi triste.

X disse...

Si, por iso mesmo me impresionou.