"A vida é para facerse o que un é"
Cada vez me estou afeccionando máis a isto de me pasear polo YouTube, é certo que moitas veces un non fai outra cousa que perder o tempo, pero convértese nun xogo na procura do tesouro que me resulta divertido. Non me dirán que non ten mérito atopar algo interesante entre o googol de vídeos.
Desta vez volvín dar con José Luis Sampedro, un escritor ao que me gusta ler e escoitar, e iso non é nada fácil. Non hai cousa peor que os escritor@s que se deleitan en intentar falar como no parágrafo quinto da páxina vinte da tese de doutoramento autoescoitándose dun xeito absurdo. U-la adaptación ao interlocutor? Tanto lles ten, el@s co seu discurso intelectualoide e para maior desgraza sempre rodeados dalgún babeco adulador ou aduladora. Por desgraza para a miña vea feminista, hei de recoñecer que cando a babeca é ela hai máis posibilidades de repugnancia estomacal pois en moitas das ocasións debemos engadir o factor "agarda, que se me caen as bragas" á morea de parvadas que saen pola súa boca. Tamén soe ser verdade que o grao de imbecilidade d@ que escribe resulta inversamente proporcional á calidade da súa obra, de tal xeito que @s máis mediocres creador@s rematan por ser tamén @s máis estúpid@s, o que nos leva a unha inaturable situación de "síntoo moito pero teño moita présa e hoxe non me podo parar". Pero ao que iamos, que tamén hai blogueiras que comezan a dar rodeos e logo non saben onde van dar, nestes cinco minutiños de vídeo Sampedro dá unha lección de filosofía como quen dita a receita de como cocer un ovo, e demóstranos como el é a antítese daqueles dos que falabamos antes, resulta moi agradable de oír e ademais divertido e orixinal, velaí a súa análise da alma como produto económico.
En canto á frase entrecomiñada que hai debaixo do vídeo, pois ía escribir sobre ela e a cousa derivou noutra, pero a frase segue a ser boa, das de gardar.