Páxinas

2008/01/13

Inxustos con Rodríguez

Ese é o título dunha columna de opinión publicada o venres por Manuel Rivas en El País. O último parágrafo do texto di:

"É certo que a do nacionalismo galego contemporáneo é unha historia, ás veces, pouco piadosa e exemplar. É certo que, ás veces, as peores puñadas téñense dado entre compañeiros e irmáns, malgastando as forzas e o tempo. Mais hoxe é de xustiza falar dun tempo comparativamente mellor. Beiras, Nogueira e Rodríguez son de madeira distinta, mais de madeira nobre. Como políticos, como docentes, como investigadores, teñen dado froitos que enriquecen o seu país. Qué recibiron por parte de moitos condutores de opinión na propia terra? Ignorancia e mal trato. Couces."

Subscribo plenamente estas palabras, iso si, engadiría algúns nomes máis e non necesariamente das mesmas siglas, entre os que habería tamén algún que outro de muller.
Decátome de que este é o ano de Curros e volvo a vista atrás e vexo a Francisco Rodríguez en 1978 falándonos do celanovés de forma entusiasta e logo achegándonos a unha compañeira e a min no seu coche ata a casa.
Dende aquela uns cantos encontros, o último en 2005, chegou tarde porque viña de Madrid, só permaneceu unha hora porque tiña que marchar cara a outro compromiso, non importou, contábase con el e alí estivo.

3 comentários:

cneirac disse...

Lamento discrepar profundamente. Se ben é verdade o que Manolo di, non é menos verdade que Rodríguez, ademais de levalas, tamén as leva repartido. E que se Beiras e Noggueira (e moit@s outr@s) teñen mala prensa, algunha parte dela (déixolle cuantificala) é por culpa do primeiro.

X disse...

Non atopo a discrepancia, os dous coincidimos en que o que di Manuel Rivas é certo.
Do outro, do que di a continuación, supoño que ha de ser verdade, xa non por ser Rodríguez quen é, senón porque considero que o maniqueísmo non lle acae á política e resulta imposible estar no mundo da “res publica” sen inimigos sexan gañados a conciencia ou aparecidos por simple dinámica social.
Polas súas palabras vexo que ao final non conseguín o que quería e este post vai ser interpretado como o que non pretendía ser.
A miña intención era manifestar un recoñecemento a un labor a prol do país que está no meu caso unido a unhas vivencias persoais, recoñecemento que provoca o texto de Rivas e que, como xa se di no post, podería ter estendido a outras persoas.
Sería faltar á verdade non recoñecer que naquela mañá aprendín máis de Curros e da súa significación na nosa historia que en lecturas posteriores; ou faría o mesmo se negase que na miña adolescencia Xosé Manuel Beiras foi bardo ao que os meus compañeiros e mais eu seguiamos e mirabamos con devota admiración.
Simplemente quería deixar claras as miñas intencións hoxe, quizais calquera outro día fale de política e polític@s desde outra perspectiva, quen sabe.
Coma sempre, Calidonia, agradézolle a súa participación na Selva.
Saúdos.

Anônimo disse...

Concordo e entendo o que queres dicir X, ninguén pode negar nada do que dis. De todos os xeitos hai cousas que non me gosta de Rodríguez, e non é dende unha perspectiva política, senón humana dun ego que vas construíndo co paso da túa experiencia vital, non é que o queira criticar, pero dende o meu modesto punto de vista, peca de certo fundamentalismo, visión ríxida tipo "tunel", de hipercontrol (as cousas han de facerse coma eu digo) e de maniqueismo (estás comigo ou contra min) E isto non me gusta. Son atitudes que impiden que outra xeración tome as rendas nunha organización que se ten que adaptar aos tempos de hoxe, nos goste ou non.
Iso si, sen esquecer a entrega que xente coma el tivo polo país. Pero creo que unha cousa non ten que ver coa outra. Non sei ao mellor me estou indo polos cerros de úbeda.