Páxinas

2007/07/01

Juan Diego

Con Juan Diego teño una relación longa no tempo, si, si, moi longa, aínda que teño que recoñecer que foi intermitente, mais sempre fiel.
Primeiro alá, naqueles anos da miña adolescencia, atrapoume a través da personaxe de Jano de Segunda Enseñanza. Realmente esa serie de televisión enganchoume a el e a Oviedo, una cidade da que logo namoraría a través da Vetusta de Ana Ozores e á que gosto de ir de cando en vez para lle facer unha visita ás paredes do Santullano e simplemente pasear. O bo de Oviedo é que non precisas de atractivos extraordinarios para gozar, abonda con que a cidade te acolla.
Anos despois veu aquel señorito Iván de Los santos inocentes e aquela escena cando mata sen a máis mínima piedade a Milana bonita de Azarías, lembro a música perfectamente e aínda me estremezo.
É que a el sempre se lle deron ben os retratos dos opresores, e para mostra o seu Franco de Dragon Rapide, por idade non podo lembrar como era o ditador pero como el o interpreta é como eu o imaxinaba.
E agora reencóntroo neste Santiago de Vete de mí, que o tiña pendente desde hai tempo e xa ía sendo moita hora.
E véxoo coma sempre, como se só pasase un día desde a última vez. Déronlle a cuncha de prata en Donostia polo papel en 2006 e foi merecido porque hai que ser moito actor para saber amar coa ollada mentres a túa boca berra contra un fillo que é moito máis ti do que os dous pensades.
Comprácenme as novas enrugas, vanlle ben, igual que a cute imperfecta e esa voz augardentosa que promete amores canallas.
Ai, Juanito, Juanito...

*Outro día falareilles do outro Juan Diego do filme, si, o neno bonito, o Botto.

2 comentários:

Moralla disse...

Eu prefíroche a Juan Diego, o grande, o protagonista deste post, pedazo de actor.
Bicos

Anônimo disse...

Concordo con vostede en todo ( ata no de Oviedo). Non hai interpretación deste actor que non fique na memoria, coido que non son moitos os actores no panorama español que sexan quen de cravar nos miolos do espectador un ollar, como o fai el. Témome que a partir de agora con esa voz... invadirá boa parte dos nosos soños, ou pesadelos...