Páxinas

2009/09/28

O caso Polanski e a dobre moral

Polanski foi acusado de violación a unha menor tras uso de drogas, perversión e sodomía. Tras unha negociación co fiscal Polanski recoñeceu a súa culpabilidade dun cargo menor, o de ter relacións sexuais ilícitas cunha menor. Grazas a isto foi condenado en primeiro lugar a un período de reclusión de 90 días para lle realizar unha análise psiquiátrica que axudase ao xuíz a que determinase a sentenza final. Nese período concédeselle un permiso e foxe do país. Anos despois a agredida retira os cargos. Cambia iso os feitos?

Sempre e cando se respecte a legalidade estarei pola busca internacional de todos aqueles que cometen calquera tipo de delicto porque creo firmemente no proxecto dunha xustiza planetaria que non dea acubillo a quen non o merece.

Como persoa e maiormente como muller alégrome da detención de Polanski e condeno esa dobre moral que se lle está a aplicar a este caso polo feito de ser o agresor un persoeiro do mundo do cine e non vén a conto ese corporativismo mal entendido. Xa deberiamos ter superado cuestións tan básicas como esta de saber que a obra destacada dunha persoa non a libera das responsabilidades cívicas comúns a todos nós.

2009/08/08

De 45760 formas diferentes

Teimas en manuscribir o meu corpo con Mallarmé (Eu non veño esta noite para vencer o teu corpo), por moito que che diga de 45760 formas diferentes que:
[Imaxe de X. Clica para ver en grande.]

2009/08/01

Eu papoula, ti amante

[Fotografía de Yuri B]

Vento
eu papoula
ti magnífico amante
suave, enérxico, voluble...

2009/07/13

Diversión contra a chuvia

Pois si, chove, e non é que me importe demasiado, e mesmo agradezo un día de poalla constante.
Debido a unha reclamación, desta volta traio un moderno modelo de paraugas- pistola de auga de Alex Woolley que pode resultar moi divertido para xogar, e desde logo clásico non é.

2009/06/14

Refresco


Que pracer comezar cos pés a crear tempestades de frescura na bañeira.
E logo aumentar o contacto ata introducirte toda no cadaleito branco.
E finalmente meter a cabeza e escoitar os sons distorsionados baixo a auga querendo experimentar aquilo que foi nun principio.
E abrir os ollos, e ver como se achega a túa figura deformada e asombra todo.
Percibir a túa repercusión no líquido quedo. E abrir.

2009/06/05

Resistencia


Seguindo os consellos cinematográficos de Larvós, vexo Resistencia. Agradézollo, gustoume. Aínda que o cine bélico non é precisamente o meu favorito, vou facer unha excepción.


Craig cae no heroe prototípico, pero para que nos imos enganar, o home ben o vale.


Liev Schreiber, aínda que aparece tras do outro no cartel do filme, resulta máis crible e a personaxe que interpreta moito máis interesante.

Delas non vou falar, porque pasan pola peli como floreiros e o final non me gustou moito pero manterei o segredo para non fastidiala.

Clasificación selvática: 7 (Lémbrame que debería ir máis ao cine)

2009/06/01

A Selva cumpre 3 anos

[Fotografía de Alva Bernadine]

A Selva cumpre os tres anos, si, xa non é un bebé, e está preparada para ingresar en Primaria.
Con esta idade medra o interese e entusiasmo por tocar instrumentos como a pandeireta, o tambor... ben, gustar sempre lle gustou tocar instrumentos.
A esta altura a axilidade é tremenda e ao mellor mesmo recupera o ritmo de publicación.
E algunhas investigacións, que non todas ehhh, afirman que é un bo momento para que se inicie no ordenador, sempre hai cachibaches novos que probar.
E se se trata de probar iníciase a etapa fálica (neste caso vaxínica, non?), esa tan estupenda en que aprenderá a se proporcionar pracer de forma deliberada, aínda que desde o primeiro post a Selva sempre foi froito do ancestral pracer de botar fóra e dar con ollos que a len.
E, sobre todas as cousas, vai ser agora cando ademais de borranchos comece a facer debuxos figurativos ata o glorioso día en que por primeira vez consiga escribir o seu nome
AAA SSSSSSSSSSELLLLLLLLLLLLVA uffffff DE ESMMMMMEEEEE uffffff ESMEEEEEE ufffffff ESMMMMMMMEEEEELLLLLLLEE